Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de setembro de 2017

O alcalde salienta “o paso importante que supón o inicio da poxa da parcela municipal do polígono de Agrela, pola súa repercusión para o futuro empresarial da cidade e do emprego”

A Xunta de Goberno local deu o visto e prace á licitación, por case 500.000 euros, do carril bici que unirá A Palloza e Matogrande cun percorrido de 2,2 quilómetros, “e que se integrará na rede ciclista municipal”. O órgano tamén aprobou a licitación da construción do acceso sur aos campos de fútbol de San Pedro de Visma, así como das prazas de estacionamento

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, deu conta este venres dos principais asuntos da Xunta de Goberno local celebrada esta mesma mañá en sesión ordinaria, e dos que salientou o inicio do expediente de alleamento, mediante procedemento de poxa pública, dunha parcela de titularidade municipal na rúa José María Rivera Corral, no polígono de Agrela. Como recordou, este proceso vén precedido dunha modificación do planeamento urbanístico (aprobado de forma definitiva polo Pleno o pasado mes de maio) para cambiar a clasificación do terreo, que albergaba o campo de fútbol de Agrela II, a solo de uso industrial-comercial, e que a súa vez deriva dun protocolo entre o ente municipal e a empresa Hijos de Rivera, asinado en marzo de 2015 e modificado a través dunha addenda en maio de 2016, a través da cal a empresa se compromete a presentarse á poxa. "Hoxe damos un paso moi importante, despois dun traballo intenso de preto de dous anos", sinalou Ferreiro, quen puxo de relevo os logros acadados polo goberno local nesta operación, que suporá, en paralelo, a ampliación e mellora do campo de fútbol de Eirís, a onde se trasladará a actividade deportiva que se desenvolvía en Agrela II.

O valor polo que sae a poxa á parcela é de 3.539.330 euros, cantidade á que hai que sumar os gastos que deberá asumir a entidade que resulte adxudicataria, en virtude da negociación do goberno local coa empresa que frutificou na addenda ao convenio de 2015, en relación ao campo de fútbol de Eirís, en canto ao financiamento para acondicionalo e trasladar alí a actividade deportiva, o que suma 1,259 millóns de euros. "Falamos, pois, dunha operación que se eleva a preto dos cinco millóns de euros, e moi importante para o futuro empresarial da cidade e para o futuro do emprego, tendo en conta ademais que quen resulte adxudicatario comprométese -de acordo cos pregos do procedemento de poxa, validados tamén hoxe pola Xunta de Goberno local- a solicitar unha licenza de edificación no prazo de seis meses, para comezar a obra no prazo de seis meses a contar desde a concesión da licenza, e tela lista en dous anos desde a concesión, de xeito que  a actividade económica se inicie nun prazo máximo de tres anos", destacou o alcalde.

Outro dos asuntos que obtiveron o visto e prace da Xunta de Goberno local foi a autorización do inicio do procedemento de licitación das obras incluídas no proxecto de acceso sur aos campos de fútbol de San Pedro de Visma, que suporá, segundo sinalou Ferreiro, "a mellora da conectividade destes terreos deportivos coa cidade". A intervención, cuxo orzamento ascende á cantidade de 178.120,20 euros, segue a liña de acondicionamento da contorna dos campos realizado polo goberno local, e permitirá a construción do acceso rodado á zona sur dos campos, ademais da dotación de prazas de estacionamento na parcela anexa aos mesmos, que tamén dará uso ao parque. As actuacións comprenderán, ademais da execución do pavimento, o deseño dunha nova rede de pluviais e fecais, sinalización horizontal ou xardinaría. O rexedor expresou a vontade que estes traballos faciliten "o uso máis cómodo para as usuarias e usuarios" dunhas instalacións deportivas cuxa apertura cualificou de "inminente", tras o recente acordo entre o Concello da Coruña e a Federación de Fútbol "para que esta entidade asuma a reparación das deficiencias que presentan os terreos, tal e como reclamou o goberno local".

O primeiro edil coruñés tamén deu a coñecer a validación do informe para licitar un novo treito do carril bici da Coruña, situado entre A Palloza e Matogrande, que contará cun percorrido de 2,2 quilómetros. Esta vía, tal e como lembrou Ferreiro, "integrarase na nova rede ciclista municipal, pois quedará unida á altura da Casa do Mar cos case 5 quilómetros do carril bici metropolitano". A actuación, que se desenvolve coincidindo coa celebración da Semana Europea da Mobilidade, afonda no compromiso do Goberno local co fomento e promoción de medios de transporte máis saudables e amables con outras mobilidades. O carril, que transcorrerá desde a Casa do Mar ata Matogrande por Ramón y Cajal, Alcalde Pérez Ardá e Salvador de Madariaga, definirase pola segregación dos carrís -separarando deste modo as bicicletas do tráfico de vehículo rodando e respectando as beirarrúas para os peóns-, a seguridade para as usuarias e usuarios -tanto para ciclistas como para peóns- e a súa execución sobre a calzada. Neste caso, ademais, será de circulación unidireccional e aproveitará os dous sentidos da calzada. O presuposto base de licitación, tal e como lembrou Ferreiro, é de 499.644,74 euros. A intervención tamén suporá o cambio de localización de elementos e mobiliario urbano, así como a ampliación de beirarrúas a través de orellas nalgúns treitos, co obxectivo de favorecer a mobilidade peonil.

Licenzas

Na súa comparecencia, o alcalde deu conta tamén das licenzas e demais títulos habilitantes tramitados desde a Concellería de Rexeneración Urbana -cuxo titular ten delegada a resolución das solicitudes de licenza cuxo orzamento de execución material sexa inferior a 1,2 millóns de euros- entre os días  6 e 19 deste mes de setembro, e trasladadas hoxe á Xunta de Goberno. Foron, en total, 162 expedientes resoltos, dos que 38 corresponden a licenzas urbanísticas e outros 74, a comunicacións previas ao inicio de obras tramitadas, mentres que os 50 restantes refírense a comunicacións previas ao inicio de actividade ou apertura de establecementos. Como indicou, tamén hoxe, a Xunta de Goberno aprobou a licenza para un edificio no número 176-178 da avenida de Finisterre, un soar que levaba practicamente unha década parado. "Esta concesión amosa a liña de rexeneración do espazo consolidado da cidade que seguimos desde este goberno e constata, ademais do aumento da actividade inmobiliaria, que os promotores, maioritariamente, están entendendo e adaptándose aos criterios que marca o novo PXOM, algo que no anterior mandato non se conseguira, e que deriva en unha actuación urbanística máis respectuosa coa legalidade e o sentido común urbanístico". Como recordou Ferreiro, xa son varias as Xuntas de Goberno nas que se está a dar licenza para obras de entidade, edificios completos como o da avenida de Finisterre, que se suman a outros como o da avenida Fernández Latorre, Tabacos ou o polígono de Náutica, "onde, despois dunha década, conseguiuse relanzar a actividade no soar, no que agora hai tres edificios en construción e as obras de urbanización tamén en marcha".

Por último, o rexedor informou na comparecencia da ampliación de crédito, validada pola Xunta de Goberno desta mañá, do programa de comedores escolares -que impulsa a Concellería de Xustiza Social e Coidados- para o curso 2017/2018, que permitirá incrementar estas bolsas nun 53% respecto ao ano precedente, ata acadar as 1.529 no inicio de curso. "Falamos dunha liña de traballo fundamental, que é contrubuír ao benestar das familias coruñesas, e é importante recalcar que ningún e ningunha das solicitantes que cumprise os requisitos quedou fóra da convocatoria, tendo en conta ademais que este ano se ampliaron os criterios, de maneira que había máis familias que podían ter acceso ao programa", fixo notar. O Concello destinará a estas bolsas comedor un orzamento total de 1.180.000 euros neste curso, ao sumar aos 950.0000 euros destinados como orzamento inicial aprobado outros 230.000 euros, que se reparten en 169.000 euros para este ano e 161.000 para o vindeiro.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión