20 de agosto de 2026
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, visitou esta mañá os ensaios previos ao inicio dos concertos
O festival celebra a súa sexta edición cunha programación que se estende do 17 ao 23 de agosto e concentra desde este xoves tres noites consecutivas de concertos no parque
O Beatout Week 2026 inicia esta tarde no parque de Santa Margarida tres noites consecutivas de concertos que reunirán 15 artistas ata o sábado 22. A sexta edición do festival aposta de novo polas novas voces e as escenas en crecemento, cunha programación na que conflúen o rap, o pop, a electrónica e outras linguaxes alternativas.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, visitou esta mañá os ensaios no auditorio do parque de Santa Margarida para coñecer de primeira man os preparativos antes do inicio dos concertos. Castro puxo en valor a consolidación do festival e a súa capacidade para achegar á cidade novas propostas musicais, en liña coa aposta do Goberno de Inés Rey por unha programación cultural diversa e dirixida a públicos diferentes. "Beatout achéganos novas voces e tendencias e conecta especialmente co público máis novo", destacou.
Beatout chega este ano á súa sexta edición, a máis ampla ata o momento, cunha programación que se estende do 17 ao 23 de agosto por diferentes espazos da Coruña. O núcleo do festival concéntrase desde hoxe en Santa Margarida, con tres xornadas de música en directo e un cartel formado por Metrika, Reality, Stereo Madness, Xianpais, Xmaseda, Blanco Palamera, Guzmen, Juicy Bae, pablopablo, Cuatro Club, Akriila, El Bugg, Fukai Club, LG1DO e Yapi.
Entre as novidades desta edición destaca a participación da chilena Akriila, que supón a primeira presenza internacional na historia de Beatout. O festival mantén así unha das liñas que marcaron a súa evolución: detectar e achegar á cidade proxectos musicais en crecemento. Ao longo da súa traxectoria pasaron por iniciativas vinculadas a Beatout artistas como C. Tangana, Ralphie Choo, Rusowsky e Yerai Cortés.
Tres noites de concertos en Santa Margarida
A programación musical comezará hoxe, xoves 20, coa apertura de portas ás 19.00 horas. Xianpais actuará ás 19.30; Reality, ás 20.40; Stereo Madness, ás 22.00; Metrika, ás 23.30; e Xmaseda, ás 00.40 horas.
O venres 21, tamén con apertura de portas ás 19.00 horas, será a quenda de Guzmen, ás 19.30; Blanco Palamera, ás 20.45; pablopablo, ás 22.00; Juicy Bae, ás 23.15; e Cuatro Club, ás 00.15 horas.
A terceira noite terá lugar o sábado 22, coa apertura de portas ás 18.30 horas. LG1DO abrirá a programación ás 19.00; El Bugg actuará ás 20.00; Yapi, ás 21.10; Akriila, ás 22.30; e Fukai Club pechará a xornada a partir das 23.30 horas.
O recinto do parque de Santa Margarida conta cun aforo máximo de 3.000 persoas por xornada.
Unha edición que amplía a programación
A sexta edición de Beatout vai máis alá das tres noites de concertos. A programación expandida desenvolvida esta semana incluíu xa unha Block Party, así como unha actividade do Club de Dibujo xunto ao colectivo Lengua de Fuego en Vavava Haus e encontros arredor da creación e da organización cultural.
Beatout incorpora tamén este ano unha nova vertente solidaria coa súa primeira colaboración con Cruz Vermella A Coruña. A organización destinará un euro de cada entrada á entidade.
A programación continuará ata o domingo 23, completando unha edición coa que Beatout amplía a súa presenza na cidade e mantén a súa aposta pola cultura urbana contemporánea e polos proxectos que están a abrir novos camiños na escena musical.

20 de agosto de 2026

20 de agosto de 2026

18 de agosto de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible