Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de xaneiro de 2024

O Campo da Leña acolle este domingo 21 un mercado ecolóxico no que haberá un coloquio sobre mobilidade sostible, obradoiros creativos e xogos infantís

Máis de 20 firmas asociadas a comercios e produtores de proximidade habilitarán os seus postos de venda ao longo da mañá, desde as 10.00 ata as 15.00 horas

Mañá, domingo 21, os Mercados Ecolóxicos Municipais volven ao Campo da Leña, onde está previsto que máis de 20 firmas asociadas a comercios e produtores de proximidade habiliten os seus postos de venda de 10.00 a 15.00 horas.

En paralelo, o Concello, a través da Área de Fomento e Promoción da Cidade, ofrecerá un amplo abano de actividades para todos os públicos. Das 10.00 ás 15.00 horas, nun formato de continuidade, haberá un espazo de dinamización infantil e un posto dos desexos, dúas iniciativas orientadas ao goce das e dos máis pequenos.

Ademais, a rapazada tamén poderá participar nun obradoiro creativo de maracas que terá lugar entre as 11.30 e 12.30 horas, tamén no Campo da Leña. A asistencia será de balde ata completarse o máximo da capacidade prevista, 15 prazas para as nenas e nenos. A inscrición habilitarase desde as 10.00 horas no propio mercado.

Xa a posteriori, das 12.30 ás 13.30 horas, terá lugar o coloquio informativo 'Descubrindo o cicloturismo: por que todos teriamos que facer unha viaxe en bici?', da man de Iria Prendes. Esta iniciativa lévase a cabo da man da asociación Mobi-liza, co obxectivo de avanzar en materia de concienciación para coa cidadanía no referente á mobilidade sostible na paisaxe urbana. A asistencia á charla será de balde.

O cronograma definitivo da xornada será, pois, o seguinte:

  • Das 10.00 ás 15.00 horas: espazo de dinamización infantil e posto dos desexos.
  • Das 11.30 ás 12.30 horas: obradoiro creativo de maracas -con inscrición previa-.
  • Das 12.30 ás 13.30 horas: coloquio informativo 'Descubrindo o cicloturismo: por que todos teriamos que facer unha viaxe en bici?', coa asociación Mobi-liza.

Así funciona o formato rotatorio dos mercados ecolóxicos municipais

Co fin de poder ofrecer e expandir os produtos ecolóxicos e de orixe ética e local ao maior número de persoas, o Concello está a lle dar continuidade ao novo formato rotatorio dos Mercados Ecolóxicos Municipais, que estenderá este evento polos diversos barrios da cidade nos vindeiros meses.

A outra gran novidade deste formato dos Mercados Ecolóxicos Municipais é a súa realización todas as fins de semana do mes: o primeiro e o terceiro domingo, no Campo da Leña, e o segundo domingo de cada mes na praza da Tolerancia, en Labañou. Xa o último domingo do mes, o mercado vai rotando por distintos barrios, como Novo Mesoiro o Parque Europa de Catro Camiños e a praza de San Cristovo, nos Mallos. 

Neste sentido, hai dúas modalidades de mercado: o mercado ecolóxico, que é o que se realiza no Campo da Leña, e o mercado de compra sostible, correspondente ao da praza da Tolerancia e outros lugares. Os mercados do Campo da Leña están especializados en produtos ecolóxicos, que acreditan criterios éticos e sostibles na súa produción, elaboración ou materias primas. Os mercados na praza da Tolerancia, e outras localizacións, fomentan a economía circular e a compra responsable, aplicando a regra dos 4R. O obxectivo é poder ofrecer o maior número de produtos de economía sostible e actividades paralelas como obradoiros, concertos e actividades para as e os máis pequenos.

Todos os mercados se realizarán no mesmo horario, de 10.00 a 15.00 horas. A este respecto, a información relativa a cada evento pódese atopar nas redes sociais do mercado (@mercaecocoruna) e nas do Concello da Coruña.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión