9 de enero de 2026
Desde o 2019 a asistencia a eventos aumentou máis do dobre, consolidando o Coliseum como un dos mellores recintos multiusos de España
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, fixo este venres balance da actividade no Coliseum, principal recinto multiusos de Galicia e un dos máis importantes do Estado. No 2025 acadáronse algúns dos mellores rexistros históricos deste espazo de xestión municipal, como o do número de eventos. En total, houbo 55 eventos e 76 funcións programadas.Castro estivo acompañado na presentación do balance polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, a directora do IMCE, Laura Seoane, e polo director do Coliseum, Javier Rodríguez.
"Un dos obxectivos fixados pola nosa alcaldesa, Inés Rey, na súa acción de goberno é o de potenciar os grandes eventos culturais e o turismo musical, algo que hoxe damos por conseguido con datos que así o confirman", indicou Castro. O pasado ano pasaron polo Coliseum 362.054 asistentes, o que supón o segundo mellor rexistro histórico, cunha media de 6.583 persoas por evento, esgotándose todas as entradas en 14 eventos.
Comparando os datos do 2025 con respecto ao 2019, tanto o número de eventos (26 fronte a 55) como o de asistentes (158.120 fronte a 362.054) aumentou máis do dobre. En canto ao tipo de evento, a música continúa a ser o principal uso do recinto, cun 51% de concertos celebrados no 2025, mais os eventos deportivos gañan peso na programación grazas, principalmente, á celebración dos partidos do Básquet Coruña no Coliseum, tanto a temporada pasada en ACB como esta en Primeira FEB. Supoñen un 36% do total de eventos do recinto. Os espectáculos de diversa índole supuxeron o 12%, destacando as 15 funcións que o Cirque du Soleil e o seu show 'Corteo' celebrou o pasado ano, cun total de 36.301 espectadores.
2025 foi tamén o ano doutros dous grandes fitos. O primeiro deles foi a despedida de Joaquín Sabina dos escenarios coruñeses, sendo ademais o artista con máis actuacións no recinto coruñés, con 14 concertos e máis de 100.000 espectadores en total desde 1992. Por outra banda, o Coliseum recuperou o pasado ano o formato completo para unha actuación musical, co dobre concerto de Quevedo que congregou a máis de 21.000 espectadores en dúas noites consecutivas.
O concelleiro Gonzalo Castro lembrou que parte da programación musical do Coliseum é posible grazas á colaboración entre administracións, principalmente entre o Concello da Coruña e a Xunta de Galicia, que promove o ciclo Concertos do Xacobeo, que propiciou que artistas como Lenny Kravitz ou Duki actuasen no recinto. Concertos do Xacobeo organizou 82 eventos, dos cales 35 foron na cidade e 9 no Coliseum. Un 10% do público que congregou o ciclo, 750.000 persoas en total, asistiu a concertos no Coliseum.
De cara a este 2026, a programación musical do Coliseum suma xa 18 eventos musicais, aos que hai que sumar os eventos deportivos xa confirmados do Básquet Coruña. As citas programadas son: Eladio Carrión (29 de xaneiro), Amaia (31 de xaneiro), Mikel Izal (7 de febreiro), Amaral (21 de febreiro), Celtas Cortos (11 de abril), Hijos de la Ruina (17 de abril), OT (19 de abril), Viva Suecia (18 de abril), Rodrigo Cuevas (30 de abril), Dani Fernández (2 de maio), Iván Ferreiro (9 de maio), Dani Martín (15 e 16 de maio), Bad Gyal (23 de maio), Pablo Alborán (4 de xullo), Aitana (22 de xullo), La Oreja de Van Gogh (11 e 12 de setembro), Melendi (14 de novembro) e Raphael (21 de novembro).

11 de enero de 2026

10 de enero de 2026

10 de enero de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible