17 de agosto de 2026
A actuación supón un paso máis na reordenación e humanización do barrio como parte do proxecto da Rolda Peonil, que ten un investimento total na contorna de máis de 1.000.000 €
A intervención ten como obxectivo absorber parte do tráfico rodado que circulaba polo tramo agora peonalizado da rúa Sagrada Familia
O Concello comezará nos próximos días os traballos para levar a cabo o cambio de sentido definitivo da rúa Alberto Datas Panero, no barrio da Sagrada Familia -a rúa esténdese desde o cruzamento con Cardenal Cisneros ata San Xaime, e está atravesada tamén polas rúas Nosa Señora da Luz e Nosa Señora de Fátima-.
Con este cambio de sentido, Alberto Datas Panero súmalle incorporacións ás rúas Cardenal Cisneros nun extremo e San Xaime no outro -ata o de agora non era posible por ter sentidos de circulación opostos-. A conexión con San Xaime ofrece, ademais, unha vía directa ata a rúa Pontedeume. Os pasos de peóns existentes manteranse en todas as interseccións, e a actuación incluirá tamén os pertinentes cambios de sinalización e o repintado das zonas de estacionamento e da contorna da estación de BiciCoruña.
Esta intervención ten como obxectivo absorber parte do tráfico rodado que transitaba pola rúa Sagrada Familia, agora en pleno proceso de humanización e que xa ten un tramo peonil aberto á cidadanía desde xaneiro deste ano. Abriu tamén á circulación este mesmo mes o treito entre Nosa Señora da Luz e Cardenal Cisneros -este segundo baixo unha configuración de plataforma única, con preferencia peonil para reforzar a seguridade viaria e manter, á vez, o tránsito de vehículos, mais sempre a velocidade reducida-.
"Na Sagrada Familia temos en marcha un proxecto que é central na nosa estratexia para mellorar a vida nos barrios. Seguimos avanzando coa Rolda Peonil, que reclamará a centralidade do peón nesta cidade ampliando, ademais, os espazos públicos. Os cambios da rúa Sagrada Familia dinamizan a vida no barrio e danlle visibilidade aos negocios da zona. Co cambio de sentido de Alberto Datas Panero buscamos unha vía de tránsito para vehículos nunha rúa paralela que estea en sintonía coa nova ordenación dos espazos", subliñou a alcaldesa, Inés Rey.
Un novo rostro para a Sagrada Familia
Aos 2.200 metros cadrados de peonalización completados na primeira fase do proxecto na rúa Sagrada Familia -que supuxo un investimento de 573.000 euros- e o segundo tramo xa inaugurado entre Nosa Señora da Luz e Cardenal Cisneros, sumaráselle o último tramo, xa en fase moi avanzada, que chegará ata Antonio Carballo. O investimento total é de máis de 1.000.000 de euros.
Con este proxecto de grande envergadura, o Concello dispuxo na contorna case 30 novas árbores e 438 plantas repartidas entre diversas áreas verdes. Ademais, tamén se aproveitou a intervención da primeira fase para renovar as lámpadas da rúa e, de paso, instalar novo mobiliario urbano (24 bancos e 10 papeleiras), segundo as demandas veciñais.

16 de agosto de 2026

15 de agosto de 2026

14 de agosto de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible