8 de xaneiro de 2025
As obras, que terán un prazo de execución de vinte meses, suporán a renovación dos materiais existentes, con novos paneis de composite de aluminio, reforzando así a seguridade e estabilidade da fachada
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu hoxe a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, a primeira que se convoca neste novo ano e na que, como asunto máis destacado, se deu luz verde á concesión de licenza á Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) para a substitución da fachada do edificio que alberga as instalacións da súa delegación especial na Coruña, entre a rúa Comandante Fontanes e a avenida Pedro Barrié de la Maza.
A concesión de licenza, validada previamente pola comisión asesora do PEPRI en virtude do proxecto presentado pola AEAT, supón o paso previo ao inicio das obras sobre a propia fachada, que comezará coa retirada do material actual, de gres porcelánico, e tamén da súa capa illante. En troques da fachada actual, a AEAT prevé colocar un illamento térmico a base de lá de rocha, de 60 milímetros de grosor, sobre o que habilitará a nova fachada ventilada, feita de paneis de composite de aluminio, de cor gris clara mate e satinada.
Os informes técnicos do proxecto apuntan á necesidade de executar estes traballos, atendendo á corrosión progresiva sufrida pola fachada do edificio, que pola súa localización, especialmente na cara que dá a Pedro Barrié de la Maza, que por estar fronte ao paseo marítimo está máis exposta ás inclemencias meteorolóxicas e ao impacto da salinidade mariña. Neste sentido, a nova solución presentada pola AEAT tenta darlle unha maior estabilidade e seguridade á fachada.
Unha vez aprobada a concesión de licenza, a Axencia Estatal de Administración Tributaria terá un prazo de seis meses para iniciar as obras de mellora, e vinte meses para o prazo de execución. O orzamento para concretar os traballos é de máis de catro millóns de euros.
No mes de decembro, case medio cento de licenzas concedidas
A este respecto, a Xunta de Goberno Local fixo balance hoxe das licenzas concedidas pola Concellaría de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda entre os días 6 e 29 de decembro. Foron un total de 45, case medio cento. Entre elas, a que permitirá substituír o refrixerador da cuberta do edificio do Teatro Rosalía de Castro, contribuíndo así á progresiva renovación das instalacións nun dos principais emblemas culturais e históricos da cidade.
Ademais, neste mesmo período computáronse 94 obras en réxime de comunicado.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible