Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

12 de decembro de 2019

O Goberno local declarará Méndez Núñez zona de especial protección

Con esta distinción e un plan director no que medirán os niveis de ruído e a acumulación de lixo no perímetro, o Concello tratará de que os xardíns obteñan a distinción de BIC para evitar neles prácticas como o botellón

A alcaldesa anunciou esta mañá que tras varios meses de traballo por parte de Seguridade Cidadá e as concellerías de Medio Ambiente, Urbanismo, Benestar Social e Educación, o Goberno local iniciará o expediente para declarar Méndez Núñez Zona de Especial Protección (ZEP), un procedimento que pode durar 30 días aproximadamente e que será un dos pasos a seguir para que os xardíns obteñan finalmente a distinción de BIC (Ben de Interese Cultural). A rexedora informou de que ao mesmo tempo están elaborando un plan director de carácter plurinanual, no que realizará unha análise sobre os niveis de ruído e a acumulación de lixo, índices que confirmarán que se producen importantes acumulacións de xente no perímetro. Todo isto acompañarase dos atestados que rexistrou Seguridade Cidadá relativos a sancións por condutas incívicas e por aglomeración de persoas: "Estes indicativos avalarán a declaración e daranlle forma ao plan director. Servirán tamén para argumentar e dar sustento xurídico de cara a nomear Méndez Núñez como BIC", sinalou Rey.

 Ademais, o Concello realizará unha campaña institucional relativa ao consumo de alcol na mocidade e a práctica do botellón, que se estenderá ao longo do ano en marquesiñas, cartelería, dípticos, trípticos, cuñas radiofónicas, banners nos autobuses urbanos e muppies. Nela, tratarán de concienciar sobre os efectos nocivos que ten a inxesta de bebidas alcólicas en idades temperás e non tan temperás e que implicará ás familias e á xuventude. Esta iniciativa intensificarase nos institutos.

Despois de estudar distintos modelos que funcionaron noutras cidades e países, Rey explicou que se adoptará un programa islandés, que se levou a cabo en Tarragona, e que inclúe distintas fases. Nunha primeira, farase unha radiografía do tipo de persoas que secundan o botellón para desenvolver alternativas de ocio dirixidas a estes mozos e mozas. Nunha segunda fase, e no caso de non funcionar estas útimas, reforzarase a presenza policial e sancionarase aos infractores e infractoras con multas que poderán substituír por cursos de prevención e acción social a favor de distintos colectivos. Rey asegurou que neste Nadal haberá máis control policial en Méndez Núñez e na venda de alcol a menores.

Por outra parte, crearase unha mesa de ocio saudable nos vindeiros meses, que estará formada por forzas dos corpos de seguridade, sanitarios, profesionais da hostalaría e do comercio e mocidade "á que queremos escoitar e saber as súas motivacións e necesidades" e na que participará tamén un representante de cada partido político porque "entendemos que o ocio saudable e fomentar un consumo responsable responde a un proxecto de cidade e que todos temos que aportar". Por último, a alcaldesa chamou os pais e nais a que cooperen e estean vixiantes en comportamentos estendidos entre a mocidade e que están considerados nefastos "porque moitas das veces o alcol leva implícito o consumo de sustancias tóxicas, sexo de risco ou condutas machistas".

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión