Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

5 de abril de 2016

A resolución, desestimando a pretensión do demandante, non impide a vía da legalización acordada como alternativa á execución da sentenza e á demolición do inmoble para repoñelo ao seu estado inicial

O Goberno municipal seguirá adiante coa súa folla de ruta para evitar o derrubo total do Conde de Fenosa dentro do cumprimento da legalidade

O equipo de Goberno indica que a última sentenza do Tribunal Supremo sobre o edificio non afecta ao acordo municipal aprobado en outubro de 2015 pola Xunta de Goberno Local, de legalización e demolición parcial, e en base o cal o TSXG tramita, a solicitude do Concello, un incidente de inexecución por imposibilidade legal

O Goberno local informou este martes, tras coñecerse unha recente sentenza do Tribunal Supremo que afecta ao edificio Conde de Fenosa, de que manterá a súa folla de ruta para evitar o derrubo total do inmoble, que pasou pola legalización do mesmo a través da demolición parcial de determinadas partes do construido, tal como se recolle no acordo aprobado o pasado 23 de outubro de 2015 pola Xunta de Goberno Local, unha actuación que, a criterio do equipo de goberno, é perfectamente viable legalmente, tal e como recoñece a propia sentenza.

O Goberno municipal precisa ao respecto que a sentenza coñecida hoxe non anula ningunha resolución municipal nin impide a legalización do construído, nin tampouco determina o incidente que actualmente se tramita no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). De feito, na propia sentenza, o Supremo desestima a pretensión do recurrente, ao afirmar (último parágrafo dos Fundamentos de Dereito Segundo e Terceiro) que a execución da sentenza do 2001 debe proseguirse mentres non se declare a imposibilidade legal de executala, que é precisamente o que ten acordado o Goberno municipal en outubro de 2015, e que non hai impedimento legal para a tramitación do incidente de imposibilidade legal; acordo de legalización que é firme e non afectado por esta sentenza.

Como fai notar o Executivo local, a última resolución do Tribunal Supremo ao respecto, coñecida hoxe, anula dous autos do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de 2015 e ordena proseguir a execución da sentenza de 2001 –que anulaba o acordo municipal polo que se outorgou, en 1997, a licenza que amparaba a rehabilitación do edificio da rúa Fernando Macías– pero non anula o acordo municipal de legalización (outorgado ao amparo dun novo planeamento, o PXOM de 2013), en base ao cal se formulou ante o alto tribunal de Galicia un incidente de inexecución por imposibilidade legal, en trámite, e sobre o cal o Supremo non se pronuncia.

Desde o Goberno municipal indícase tamén que o proceso para solucionar o conflito do edificio Conde de Fenosa é un problema antigo, que o Concello da Coruña arrastra a través de varios Gobernos municipais e que o actual equipo de Goberno trata de solucionar conxugando os intereses da cidade e da propia Administración local cos dos propietarios do edificio e co interese público do cumprimento das resolucións xudiciais.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión