15 de novembro de 2025
O Palacio Municipal de María Pita acolleu este sábado o acto de entrega aos proxectos premiados, entre os que tamén hai espazo para ‘youtubers’ orientados á divulgación científica no mundo dixital
Neste penúltimo día da Semana da Ciencia 2025, o Palacio Municipal de María Pita acolleu o acto de entrega dos XXXVIII Premios Prismas, convocados polo Concello a través dos Museos Científicos Coruñeses.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, lembrou que os traballos premiados nesta edición abordaron temas de actualidade relacionados co medio ambiente e os recursos naturais, e valorou os enfoques presentados á convocatoria, apuntando á importancia que ten a divulgación científica "á hora de concienciar ao conxunto da cidadanía no contexto actual, mais tamén para concienciar ás futuras xeracións, porque serán elas as que asumirán o legado que nós lle deixemos", indicou. "Con estas mesmas premisas traballa o Goberno de Inés Rey en diversos ámbitos, adoptando medidas para mellorar o noso medio ambiente a fomentando a concienciación para involucrar á sociedade neses mesmos obxectivos", dixo Castro.
O certame deste ano premiou cun Prisma de Bronce os mellores traballos en oito categorías: Vídeo, Novo medio, Libro editado, Artigo xornalístico, Radio, Proxecto singular, Proxecto de divulgación científica sobre a auga no medio urbano e Prisma Especial do xurado. Ademais, todas as modalidades, excepto a de Libro editado e a de Prisma Especial do Xurado, recibiron un premio de 4.000 euros.
Os enfoques desta edición son moi visibles no caso do artigo xornalístico, que fala sobre a contaminación por microplásticos, o traballo en vídeo, que describe o papel das gaivotas nos ecosistemas, ou o traballo gañador na categoría que foi novidade neste ano, a de proxecto de divulgación científica sobre a auga no medio urbano, cunha presentación que expón a importancia da xestión e consumo de auga e o seu impacto sobre a contorna.
Tamén resultaron galardoados traballos que desenvolven a divulgación da ciencia en consonancia coa inclusión ou a igualdade, como ocorre co Prisma ao mellor proxecto singular, que empregando novas tecnoloxías ofrece contidos a persoas maiores ou en situación de dependencia. Finalmente, o Prisma Especial do Xurado recoñeceu nesta ocasión a unha institución pública, o Instituto de Astrofísica de Andalucía, cunha extensa traxectoria na divulgación científica que se caracteriza pola innovación nos formatos e a calidade dos seus contidos.
Prismas de Bronce 2025
• Mellor traballo en vídeo: Querida gaivota maldita!, de Manuel Pedrosa Sánchez e Mariam Marino Casal, por reivindicar o papel das gaivotas nos nosos ecosistemas costeiros a través dunha coidada produción audiovisual. O documental aborda a situación da gaivota patiamarela no Parque Nacional Illas Atlánticas.
• Mellor traballo en novos medios: Reacciona Explota, canle de Youtube de Aythami Soto Rodríguez, por espertar o asombro narrando con profundidade aspectos pouco coñecidos da ciencia. Os seus contidos achegan diferentes aspectos da química para coñecer, por exemplo, que é e como funciona a pólvora, ou como facer luz líquida.
• Mellor proxecto de divulgación científica sobre a auga no medio urbano: Agua clara, de Stéphanie Aparicio Antón, por presentar con claridade e sentido do humor cuestións esenciais sobre a xestión e o consumo de auga.
• Mellor artigo xornalístico: Rodeados de microplásticos: la contaminación minúscula que bebemos, comemos y respiramos, de Clemente Álvarez e Laura Navarro, publicado en El País, por presentar un tema relevante con mirada ampla e solidez gráfica e narrativa. O artigo expón un tipo de polución plástica que adoita entrar no corpo humano en concentracións moi pequenas, e como é precisamente o seu tamaño ínfimo o que máis preocupa aos científicos.
• Mellor traballo en radio: ¿Por qué andamos con dos piernas?, de Xaviera Torres e Raquel Martín Alonso, para RTVE, un programa luminoso que partindo da curiosidade infantil chega a todos os públicos. A través desta reportaxe ofrécense respostas á pregunta por que os seres humanos somos bípedos?
• Mellor proxecto singular: Més que ciència, de Daniel Amatller, por combinar as novas tecnoloxías e a calidez da atención personalizada para levar a divulgación científica ás persoas maiores ou en situación de dependencia.
• Mellor libro editado: ¿Por qué soñamos? Y otras grandes preguntas sobre dormir y el sueño, de Pablo José Barrecheguren Manero, en Plataforma Editorial, por contar de forma rigorosa e amena a importancia do sono e dos soños.
Ademais, o xurado decidiu outorgarlle o Prisma Especial do Xurado ao Instituto de Astrofísica de Andalucía (IAA-CSIC), por un sólido proxecto de comunicación científica caracterizado pola calidade e a audacia na exploración de novos formatos.
Outorgáronse, ademais, dúas mencións de honra:
• Mención honorífica na categoría de artigo xornalístico para Él darrer alè del mar d'Áral, de Laura Carrau Pascual e Rafael Marcé Romero, publicado en Revista Mètode, por desvelar as consecuencias globais dunha catástrofe ambiental causada pola acción humana.
• Mención honorífica na categoría de proxecto singular para Hypatia II: abriendo el espacio a la mujer, da Associació Hypatia Mars, por promover referentes femininos na ciencia e na exploración espacial.
O xurado dos Premios Prismas presidiuno o paleontólogo e museógrafo Luis Alcalá; acompañado por Mónica Salomone, xornalista científica e directora de comunicación do CNIO; Silbia López de Lacalle, xornalista e divulgadora científica; Sergio Rodríguez Roiloa, profesor da Área de Ecoloxía na Universidade da Coruña e director da Cátedra Emalcsa-UDC; e Marcos Pérez Maldonado, xefe de servizo dos Museos Científicos Coruñeses, que exerceu como secretario do xurado.

17 de xaneiro de 2026

12 de xaneiro de 2026
19 de decembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible