Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de novembro de 2016

O Pleno aproba unha moción conxunta contra os recortes no cadro de persoal do Banco Pastor

A Cámara tamén deu o visto e prace a unha moción do grupo de Goberno contra o copagamento no servizo de atención a domicilio e as políticas que recortan en dereitos sociais

O Pleno municipal deu hoxe luz verde por unanimidade a unha moción conxunta en apoio ao persoal do Banco Pastor, entidade coruñesa integrada no Banco Popular, así como en denuncia dos recortes efectuados no cadro de persoal. A este respecto, o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, destacou que o expediente de regulación de emprego posto en marcha "suporá unha perda de traballadores e traballadoras nun sector de alta capacitación que son complicados de recuperar, o mesmo que está a pasar por exemplo na nosa cidade con Extel". "Ante esta situación é necesario que o resto de administracións, especialmente as que teñen competencias, amosen compromiso e diálogo, xa que cómpre darlle sentido de novo á frase 'estar de lado dos traballadores'", comentou o edil, que recordou a necesidade de "botar abaixo decretos impulsados pola administración estatal que permitiu os ERE extintivos só mediante previsións de perdas".

Por outro lado, tamén recibiu luz verde unha moción presentada polo grupo de Goberno, cunha emenda do PSOE, que insta tanto á Xunta de Galicia como ao Executivo central a derrogar calquera tipo de normativa que implique recortes nos dereitos sociais das persoas, en concreto aquelas normas que derivaron na aparición de copagamentos, como o que se aplica no servizo de atención a domicilio. A moción, que foi defendida pola concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, avoga por instar ao Goberno central "a que impulse un pacto de Estado en materia de dependencia que garanta a atención e a sustentabilidade do Sistema de Autonomía e Atención á Dependencia de Galicia (SAAD)". A moción contou co apoio do grupo de Goberno, o PSOE e o Bloque e a única oposición do PP.

A iniciativa alude á posición do Goberno local da Coruña, "que se nega en rotundo a ser cómplice de políticas que recorten os dereitos sociais das persoas, especialmente, aquelas que se atopan en situación de vulnerabilidade", así como o recente requirimento feito ao Concello pola Xunta de Galicia, que lle solicita que adapte as ordenanzas municipais reguladoras do Servicio de Atención ao Fogar (SAF) ao decreto 99/2012 polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, o que derivaría, na práctica, na aplicación aos e ás usuarias do servizo de axudas no fogar "dun brutal copago". "Ante este brutal ataque ás persoas en situación de dependencia, ás súas familias e a todas as mulleres, o Goberno local rexeita ser cómplice destes recortes, que xa ocasionaron demasiado sufrimento ás nosas veciñas", indícase a moción.

Por outro lado, e no que atinxe ás políticas sociais seguidas polo Goberno local, a concelleira Cameán tamén explicou no Pleno desta tarde a situación da Renda Social Municipal, "que se atopa en fase de implementación". "O prazo de presentación de solicitudes abriuse o día 30 de setembro. Dende esa data, ata o día 3 de novembro, o Servizo de Atención Inmediata do Concello informou e valorou inicialmente a 261 persoas, das que informou positivamente 103 casos", explicou.

Do mesmo xeito, tamén saíu adiante a segunda moción presentada polo grupo de Goberno (cos votos a favor do mesmo, así como do BNG, e o PSOE e a negativa do PP) para instar ao Goberno do Estado español a que inicie un proceso que conduza ao peche dos sete Centros de Internamento de persoas Estranxeiras (CIE) operativos, "que demostraron durante anos non conseguir os seus obxectivos institucionais e non respectar de maneira significativa os dereitos humanos das veciñas e veciños que os habitan". A iniciativa propón tamén unha serie de medidas a adoptar en tanto que no se fai efectivo o peche dos CIE, como son a esixencia de transparencia na xestión cotiá destes recintos "e a facilitación do acceso de entidades cidadás dedicadas ao apoio á poboación inmigrante", así como a esixencia de atención social, sanitaria e xurídica "realmente efectivas e adecuadas ás persoas internas". Do mesmo xeito, o grupo da Marea Atlántica propón un acordo para que o Concello urxa ao Congreso dos Deputados a "inmediata posta en marcha dunha mesa ou comisión parlamentaria  na que se reformule toda a normativa referente a estranxeiría, incluíndo o peche dos CIE".

Por outro lado, tamén saíu adiante unha moción do BNG para instar ao Parlamento á transferencia da titularidade e competencia da AP-9, cos votos favorables do grupo nacionalista, do PSOE e o grupo de Goberno e o único voto en contra do PP. Tamén recibiu o visto e prace outra moción do grupo nacionalista a prol do cumprimento de todos os compromisos acadados por este Concello a repecto do decálogo de medidas urxentes para a aplicación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

No que atinxe a políticas de xénero, tamén saíu aprobada unha moción do Bloque a prol da ampliación da Lei de Protección Integral da Violencia de Xénero e da creación dun Estatuto contra o Feminicidio, así como outra moción, neste caso do PSOE, para instar ao Goberno do Estado a repoñer e dotar de forma suficiente as partidas orzamentarias destinadas a loitar contra as violencias machistas. En ambos casos, o grupo de Goberno, o PSOE e o BNG votaron a favor mentres que o PP se abstivo.

Tamén foi aprobada co único voto en contra do PP e o resto a favor outra moción, neste caso do PSOE, de apoio ao sector lácteo galego. A terceira iniciativa do grupo socialista, que tamén resultou aprobada, solicita apoio para a Agalure (Asociación Galega de Ludópatas Rehabilitados), así como a reforma dos centros asociativos. Por parte do grupo municipal do PP saíu adiante unha moción para "retomar a promoción da etapa de Picasso na Coruña", medida que contou co visto e prace de PP e PSOE, e a abstención de BNG e o grupo de Goberno. A este respecto, o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, explicou que o Executivo municipal ten un proxecto "ambicioso e realista" nesta liña, que pasa ademais pola "reconfiguración de espazos das casas museo". Por outro lado tamén foi aprobado, cos votos de populares e socialistas e a negativa do Bloque e do grupo de Goberno, unha moción do PP, cunha emenda do PSOE, para instar a levar a cabo un Pleno extraordinario urxente onde se voten as ordenanzas fiscais para o ano que vén, tendo en conta o voto particular presentado polos e polas concelleiras socialistas. Do mesmo xeito, tamén saíu aprobada a terceira moción do grupo popular, "de condena contra as agresións fascistas".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión