Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

3 de xullo de 2017

O Pleno aproba unha modificación do anexo de investimentos para adecuar as anualidades da rehabilitación das cubertas do estadio municipal de Riazor

A sesión ordinaria de xullo serviu tamén para dar luz verde á concesión dun suplemento de crédito para sacar ao Concello do Plan de Axuste adoptado en 2012

O Pleno municipal do Concello da Coruña deu este luns luz verde a unha modificación do anexo de investimentos do Orzamentos municipal de 2017 dirixida a adecuar a previsión de gasto e as anualidades contempladas para desenvolver o anteproxecto de rehabilitación das cubertas do estadio de Riazor. A modificación, que obtivo o voto positivo dos grupos municipais do BNG e PSOE, ademais do grupo de Goberno, e abstención do PP, serve para dar luz verde a unha previsión de gasto de 8,238 millóns, distribuído en tres anualidades entre este 2017 e o 2019, data en que está prevista a conclusión das obras. A proposta busca, en palabras do concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, "garantir a seguridade en Riazor e facilitar a conservación e mantemento da estrutura, facéndoa accesible, e aumentar as prestacións da cuberta, cunha obra que serva para dar servizo ás máis de 22.000 persoas que acoden ao estadio cada dúas semanas, que son a nosa principal preocupación". No mesmo sentido, o concelleiro puxo en valor a recente ampliación do acordo de colaboración do Concello co Deportivo, "non só un símbolo da Coruña senón a súa maior icona e un motor económico fundamental", e que supón, ademais das obras, unha maior visibilidade da cidade e tamén unha "inédita colaboración do Dépor co deporte base local a través das Escolas Municipais".

Tal e como apuntou o responsable municipal, a previsión pasa por iniciar o procedemento nas próximas semanas para que estea licitado antes de 2018, e iniciar a obra das cubertas longas en maio de 2018 -coincidindo co remate da Liga-, para tela rematada en tres meses e, posteriormente, poder acometer os traballos nas cubertas dos lados, compaxinándoos co calendario ligueiro. Deste xeito, o novo escenario proposto no anteproxecto redactado para a contratación conxunta da redacción do proxecto e a obra contempla un investimento de 5.000 euros para este ano, para a redacción final do anteproxecto, mentres que para a anualidade de 2018 establece unha cantidade de 5,16 millóns, na que se recolle o pago da entrega do proxecto básico e de execución no que se desenvolve o anteproxecto, así como o inicio da execución do pagamento da obra conforme vaia sendo realizada e certificada mensualmente (e que continuará en 2019). A anualidade de 2019 ascende a 3,064 millóns de euros, o que sitúa o investimento total en 8,238 millóns de euros.

O anteproxecto elaborado polo Executivo local contempla entre as actuacións a acometer en Riazor a substitución da cubrición completa de todos os graderíos por unha alternativa que permita mellores condicións de mantemento ao longo da súa vida útil e, igualmente, a substitución do conxunto de estruturas das gradas de Tribuna e Preferencia por unhas que, do mesmo xeito, faciliten o seu mantemento e harmonicen coas estruturas das cubertas de Pavillón e Maratón. Tamén, o anteproxecto inclúe un reforzo e reparación do conxunto das estruturas das gradas de Pavillón e Maratón e a unificación formal da totalidade das cubertas do estadio, de cara a obter "unha imaxe unitaria e mellorando a visibilidade do estadio".

Plan de Axuste

O Pleno validou tamén, por unanimidade de todos os grupos, a aprobación inicial do expediente de concesión dun suplemento de crédito aos Orzamento de 2017 proposto polo Goberno local para amortizar de forma anticipada o pago dun crédito solicitado polo anterior Executivo municipal en 2012, unha medida que supón a saída do Concello do Plan de Axuste adoptado naquel ano, aparellado ao crédito de 7,6 millóns solicitado polo anterior executivo vinculado ao Plan de Pago a Provedores. Tal e como indicou a concelleira de Facenda e Administración, Eugenia Vieito, a necesidade do plan "xa foi moi cuestionada no seu momento, pero ademais ten consecuencias non desexables para o Concello", de resultas da aplicación da chamada Lei Montoro (a Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local), que prohibe expresamente ás entidades locais adquirir, constituír ou participar da constitución, directa ou indirectamente, de novos organismos, entidades, sociedades, consorcios, fundacións, unidades e demais entes durante a vixencia do Plan de Axuste e que, do mesmo xeito, restrinxe ás entidades locais suxeitas a este realizar achegas patrimoniais nin subscribir ampliacións de capital de entidades públicas empresariais ou de sociedades mercantís locais con necesidade de financiamento. "Cancelamos o Plan de Axuste porque é unha prioridade para este goberno liberar ao Concello das limitacións derivadas do mesmo, que, entre outras cousas, lle impide á nosa cidade formar parte dun consorcio para a xestión, por exemplo, do bordo litoral", salientou a responsable municipal, quen engadiu que o Plan de Axuste cancélase "porque en realidade nunca foi necesario, e porque as circunstancias económicas do Concello permíteno". Nese sentido, apuntou a media do pago a Provedores, que se sitúa neste 2017 por debaixo dos prazos legais esixidos pola normativa e moi por debaixo da media dos concellos galegos -16,9 días de media entre xaneiro e maio-, e recordou tamén que a débeda viva do Concello, á vista dos informes de liquidación do Orzamento, "é a máis baixa dos últimos dez anos, e será menor logo da amortización das operacións vinculadas ao Plan de Axuste". Deste xeito, e como expuxo Vieito, o modificativo supón, "non só a amortización anticipada dun préstamo vinculado ao Plan de Axuste, senón, esencialmente, a recuperación dunha parte da autonomía local cercenada pola Lei Montoro e polas decisións do anterior goberno municipal". "O que propoñemos é que o Concello poida facer uso de todas as ferramentas xurídicas e administrativas ao seu alcance para a mellor xestión dos intereses da cidadanía da Coruña", dixo.

Por outra banda, o Pleno deu luz verde, coa oposición do PP, a abstención do BNG e o voto favorable do PSOE, á aprobación inicial dun suplemento de crédito do Orzamento do IMCE 2017. Como explicou a concelleira Vieito, a proposta deste modificativo consiste en suplementar partidas do IMCE por unha contía de 260.000 euros, que non foron gastados o ano pasado e que pasaron a formar parte do Remanente de Tesourería para gastos xerais do IMCE e constituíron aforros "que agora se poden recuperar para ser utilizados de novo por este organismo neste exercicio". Desta maneira, esas cantidades procedentes do remanente poderán suplementar a partida correspondente a aluguer de maquinaria e instalación e utillaxe, así como a doutros traballos realizados por empresas e profesionais por importes de 50.000 e 210.000 euros respectivamente, "de xeito que se poida atender de forma adecuada e suficiente a gastos de difícil previsión e que dependen das necesidades do momento".

Tamén, durante a sesión plenaria votouse a favor do recoñecemento de compatibilidade dunha funcionaria e un funcionario municipais para o exercicio de actividades privadas, coa única abstención dos concelleiros e concelleiras do PP. Igualmente, o Pleno acordou este luns, por unanimidade de todos os grupos municipais, comparecer no recurso promovido por Clece SA contra o acordo plenario de abril de 2017, que aprobaba unha moción sobre a situación das traballadoras desta empresa que prestan servizo de axuda a domicilio (SAD III), para defender a legalidade daquel acordo plenario.  

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión