Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

11 de abril de 2016

O Pleno municipal aproba a modificación da ordenanza fiscal que regula os prezos públicos do Viveiro de Empresas do Papagaio

Os grupos con representación na Cámara tamén acordaron, por unanimidade, dar luz verde ao Concello para que se persone nos contenciosos administrativos presentados pola Autoridade Portuaria e a empresa Repsol en contra das novas ordenanzas fiscais, que foron aprobadas a finais do ano pasado tras o acordo entre o grupo de Goberno e o grupo municipal socialista

O grupo de Goberno municipal levou a Pleno esta tarde a proposta de modificación da ordenanza municipal número 46 onde se estipulan os prezos públicos nos viveiros de empresas, de xeito que se puidesen regular os emolumentos que se cobrarían ás sociedades que vaian a instalarse no Viveiro de Empresas do Papagaio. O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, presentou unha proposta na que se indicaba que o prezo para os e as emprendedoras que aínda non constituíron unha empresa será de 90 euros mensuais, mentres que aquelas persoas que xa teñan constituído o seu negocio aboarán 108 euros/mes, sempre e cando este non teña máis de dous anos de antigüidade. En canto á disposición de prezos públicos, proponse unha disposición transitoria para que se poña en marcha unha carencia de tres meses, até o 1 de setembro, de xeito que “se facilite a implantación de empresas de nova creación neste centro do Papagaio, que de estar vinculadas as novas tecnoloxías, que deben marcar o impulso para esta cidade”. A modificación na ordenanza municipal número 46 reguladora de prezos públicos saíu aprobada, grazas ao voto de calidade do alcalde, cos votos a favor do grupo de Goberno, a abstención do grupo socialista e do BNG e o voto en contra do PP.

O responsable de Emprego e Economía Social amosouse sorprendido polo “interese que para os grupos da oposición suscita o Viveiro de Empresas do Papagaio, tendo en conta que tanto o PSOE como o PP, coas súas emendas aos Orzamentos deixaron a cero a partida prevista para a difusión e a promoción deste centro de empresas”. O edil recordou que a ordenanza foi aprobada en Xunta de Goberno local. “Houbo outras ordenanzas que si se negociaron cos grupos da oposición, como a dos mercados municipais, onde posteriormente, no Pleno, se puxeron todas as trabas para impedir calquera posibilidade de acordo”, recordou.

“Non podemos ofertar un prezo público igual a cero, xa que estamos sometidos a iso por norma. Se, non obstante, cren que é necesario dar máis apoio aos e ás emprendedoras, o que non se entende é que o PP corte coas súas emendas todo tipo de achega orzamentaria á promoción e dinamización do Viveiro de Empresas do Papagaio”, respondeu Lema, tras ser interpelado polo grupo municipal popular.

Por outro lado, o Pleno municipal da Coruña acordou, cos votos a favor de todos os grupos con representación na Cámara, dar luz verde ao Concello da Coruña para que se persone en contra de dous contenciosos administrativos interpostos, o primeiro pola Autoridade Portuaria e o segundo pola empresa Repsol Petróleo SA, en contra das ordenanzas fiscais aprobadas en sesión plenaria o pasado 9 de novembro cos votos a favor, naquel momento, do grupo de Goberno e do PSOE. O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, indicou, antes de procederse á votación que, de momento, que o Concello non ten coñecemento oficial dos expedientes de ambas demandas, xa que polo momento, tan só recibiron comunicación do órgano xudicial onde se empraza a Administración a personarse.

Entre outras medidas, no seu momento e co apoio do grupo municipal socialista, o grupo de Goberno avogou por incrementar do 0,6% ao 1,3% o Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) ás empresas radicadas no Porto, á vez que apostou por un aumento da taxa do auga nos tramos de maior consumo, é dicir, para os denominados grandes consumidores. As ordenanzas fiscais propostas polo grupo de Goberno elboráronse tras un proceso de diálogo cos grupos da oposición e baseadas nos principios de equidade, progresividade e sustentabilidade ambiental. “As ordenanzas que aprobamos, cando o PSOE estaba disposto a negociar, decidimos aplicar, tal e como recolle a Constitución, unhas medidas que estivesen baseadas na progresividade fiscal, que os que máis tiveran fosen os que máis aportasen”, recordou Ferreiro.

Entre as medidas que se introduxeron no IBI no seu momento, a ordenanza fiscal número 51 reguladora do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) para o exercicio 2016 estaba a da conxelacións dos tipos impositivos aplicables, tanto a bens inmobles rústicos como os de natureza urbana, que se manteñen no 0,6%, así como a modificación do tipo aplicable aos grupos de aeroportos e portos comerciais dentro dos Bens Inmobles de características especiais (BICES) ata o 1,3%, de xeito que quedaba igualado ao tipo que se aplicaba ao resto de BICES da cidade. As ordenanzas indican, non obstante, que a lonxa e as empresas pesqueiras poderán beneficiarse dunha bonificación do 50% da cota do IBI, que compensará o incremento deste imposto neste caso.

En canto a Taxa por Subministro e Utilización de Auga Potable dentro do termo municipal coruñés, a proposta que foi debatida e aprobada en Pleno en novembro introduciu neste exercicio unha serie de modificacións con respecto aos anteriores, buscando sempre un principio de progresividade. Así, acometeuse unha rebaixa nas tarifas da auga para usos domésticos, tanto na cota fixa, que se reduce nun 13,1%, ao pasar dos 5,76 aos 5 euros ao mes, afectando a 147.333 vivendas, así como no tramo de menor consumo na cota variable (ata os 6 metros cúbicos ao mes), que se reduce nun 20%, ao pasar de 0,1693 euros por metro cúbico a 0,13544 euros. Acordouse, por contra, incrementar a cota variable para grandes consumidores nun 10% a partir de 200 metros cúbicos ao mes. Estas modificacións supuxeron unha redución da presión fiscal na taxa da auga por importe de 1,260 millóns de euros.

O rexedor manifestou que as ordenanzas fiscais foron aprobadas no seu momento grazas ás negociacións co PSOE, e agradeceu os votos en positivo de todos os grupos municipais. Así, e a resposta do turno de palabra do grupo popular, o primeiro edil gabouse dos resultados económicos colleitados polo actual Goberno municipal no seu primeiro exercicio no Pazo de María Pita. “Os resultados económicos deste ano non merecen ningunha comparación cos do primeiro ano do PP. Aquí hai proxecto, aínda que no pasado Pleno unha pinza entre socialistas e populares tratase de dinamitar o noso proxecto de cidade”, indicou.

 

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión