25 de outubro de 2015
A concelleira de Xustiza Social e Coidados avanza que o proxecto da Renda Social Municipal se presentará mañá nunha reunión a axentes sociais da cidade para que poidan facer as súas achegas
A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, chamou na mañá deste domingo á Xunta a modificar os criterios de concesión da Risga (A Renda de Inclusión Social de Galicia), “porque non está chegando a toda a xente que debería”. “Sorprende a cantidade de persoas que quedan fóra desta axuda”, sinalou a responsable municipal durante a súa intervención nun programa de Radio Coruña, onde lembrou que a metade das solicitudes para esta prestación que se formulan na cidade son rexeitadas. Cameán expuxo as liñas básicas do proxecto da Renda Social Municipal que, como salientou, o Goberno local desenvolve ante a falta de cobertura das administracións competentes neste eido. “O Concello ten que facer o posible para axudar á xente nesta situación de emerxencia social –indicou a concelleira–; ogallá non tivésemos que vir cunha renda social, e que todas as persoas tivesen as súas necesidades cubertas coa prestación da Xunta, xa que é a que ten a competencia de levalas a cabo”. Non obstante, Cameán avogou pola colaboración entre as administracións neste eido.
A Renda Social Municipal, tal e como recordou a responsable de Xustiza Social e Coidados, é unha axuda que servirá para cubrir as necesidades básicas das persoas que se atopan en situación de vulnerabilidade social na cidade e que non teñen dereito a Risga ou prestacións análogas. Neste sentido, a concelleira mostrou o encaixe que esta proposta ten no concepto de renda: “O proxecto di explicitamente que a renda é unha prestación mensual para que as persoas poidan pagar os seus gastos máis básicos, como o recibo da auga, da luz, aluguer… necesidades básicas para vivir dignamente, e, nese sentido, entendemos que si estamos a falar dunha renda, que ademais contempla a intervención con estas persoas, o que significa colaborar, darlles apoio e empoderalas a través dos itinerarios de inclusión”, indicou Cameán, que vinculou a elección do sistema de pago á Lei de Subvencións. “Movémonos nun marco bastante limitativo, porque a competencia para levar a cabo unha prestación social correspóndelle á Administración autonómica”, sinalou, para explicar que se o Concello optou polo pago directo dos servizos foi porque a documentación e xustificantes que precisaría outro modelo poderían supoñer un atranco para os e as beneficiarias, “que incluso poderían quedar fóra en caso de non facelo”.
A este respecto, a concelleira recalcou que o proxecto que xa se presentou aos grupos da oposición municipal para que poidan facer achegas “é viable”, e xa foi estudado tanto pola Intervención Municipal como pola Asesoría Xurídica, ademais de terse feito en colaboración coas traballadoras sociais do Concello. “Quen di que non se pode levar a cabo o que fai é poñer atrancos a unha solución que necesitan moitas familias e moitas persoas nesta cidade”, lamentou, para avanzar que o proxecto será presentado mañá a entidades do terceiro sector, “axentes sociais que levan moitos anos traballando nesta cidade”, para que estes poidan achegar tamén as súas propostas. “Agora é o momento en que ten que haber esa participación”, salientou Cameán, que declarou que o Concello está “aberto a calquera mellora”.
Tamén, a responsable municipal incidiu nas diferencias que separan a Renda Social Municipal coas axudas que xa existen para emerxencia social: “Non é o mesmo. Nós entendemos que cando a xente acode aos servizos sociais non é por non poder pagar unha factura, senón que esa é a consecuencia do seu principal problema. E o que temos que facer é ir á causa fundamental deses problemas, atallar esa situación e acompañar a esas persoas mediante os itinerarios de inclusión social. O que queremos garantir aquí non é unha axuda puntual”, matizou.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible