Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de novembro de 2015

Silvia Cameán: "Os novos criterios das Bolsas USA garanten a igualdade de oportunidades para o alumnado"

A concelleira de Xustiza Social e Coidados presentou este venres a novas bases das Bolsas USA 2016-2017 que teñen como finalidade "mudar o elitismo anterior, e introducir criterios sociais onde os e as nenas con menos recursos teñan igualdade de oportunidades"

 A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, presentou esta mañá ante a prensa as novas bases para optar ás Bolsas USA de ensinanza no extranxeiro para os cursos 2016-2017, para as que o Concello destina 400.000 euros. O programa está dirixido ao alumnado de 4º da ESO (Educación Secundaria Obligatoria) de todos os centros públicos do municipio, e ofrece a oportunidade de cursar o Grao 11 nos Estados Unidos, o equivalente a primeiro curso de Bacharelato, así como adquirir un dominio avanzado da lingua. A estancia do estudantado que opte a estas becas comezará en agosto de 2016 e finalizará en xuño de 2017. O prazo de presentación de solicitudes abrirase o próximo 26 de novembro e rematará o 11 de decembro. A edil destacou que o novo Goberno local decidiu revisar as bases deste programa educativo “coa finalidade de mudar o elitismo anterior por uns criterios sociais onde as nenas e os nenos das familias con menos recursos estean en igualdade de oportunidades”. “É unha cuestión de xustiza educativa facilitar que as familias con menos rendas tamén poidan acceder a programas educativos que son ofertados dende o Concello”, explicou.


En concreto, nesta nova convocatoria, hai numerosas novidades. “Até o de agora o alumnado e os monitores tiñan que asumir o custe da viaxe e aloxamento no desprazamento a Madrid para tramitar o visado; nesta convocatoria os gastos serán asumidos pola empresa adxudicataria”, indicou a concelleira. O número de bolsas que se repartirá será, como en anos anteriores, de 50, se ben o custo de 10 delas será asumido de forma total polo Concello, que no caso das becas parciais afrontará un 50% dos gastos como mínimo, e un 90% como máximo. Cameán insistiu en que “os cambios máis salientables radican na baremación das bolsas parciais, onde se introducen criterios progresivos, para dar cabida a estudantes de familias con menos recursos”.


No programa anterior, desas 40 bolsas parciais, o 20% dos custes eran asumidos polas familias, o que implicaba que aquelas que tiñan recursos máis limitados, renunciaban á praza. A titular de Xustiza Social comentou como, no curso 2013/2014, até cinco alumnos recibiron bolsas USA, a pesar de que os ingresos netos da súa unidade familiar eran superiores aos 100.000 euros ao ano. No curso 2015/2016, dos 50 estudantes participantes, só 16 situábanse na renda familiar media (22.020 euros segundo o IGE), ou por debaixo dela. “Con esta nova baremación, as bolsas parciais son moito máis sensibles á renda per cápita das persoas beneficiarias. As familias máis desfavorecidas achegan o 10% do custe da praza, fronte ao 20% do anterior. A porcentaxe vai aumentando de xeito paulatino segundo os ingresos familiares”, engadiu a concelleira. “As familias con menos ingresos que non sexan beneficiarias da bolsa total abonarán un máximo de 400 euros”, dixo.


Outra novidade importante é que nesta nova convocatoria se mantén a puntuación por discapacidade en dous puntos, aínda que agora estes se outorgan directamente. “Nas anteriores bolsas, a puntuación por discapacidade asignábase porcentualmente segundo o seu grao. Así, un alumno cun 33% de discapacidade recibía 0,66 puntos (resultaba de multiplicar os dous puntos por 0,33). Agora, os e as bolseiras recibirá directamente os dous puntos, independentemente do grado de discapacidade que presente”, explicou Cameán.


“A nosa intención é que todo o alumnado poida acceder a estas bolsas en condicións de igualdade. Por iso, imos asegurar que aqueles que viaxen a Estados Unidos teñan un nivel de inglés competente, pero non se vai dar máis puntuación por ter cursos privados, xa que moitas familias non podían acceder a eles. Farase unha proba de inglés e teranse en conta as notas obtidas polos e polas beneficiarias”, salientou.

Documentos:

Bases bolsas USA 2016-2017 (74 KB)

Folleto bolsas USA 2016-2017 (867 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión