Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

17 de febreiro de 2024

Un dispositivo formado por 1.809 persoas organizará mañá o proceso electoral do 18-F na Coruña

Un total de 197.485 coruñeses e coruñesas están citados para exercer o seu dereito a voto en 86 colexios electorais e 297 mesas

Un total de 197.485 coruñesas e coruñeses están citados para exercer o seu dereito a voto este domingo, 18 de febreiro, data das Eleccións Autonómicas 2024 na cidade da Coruña.

Cada veciña e veciño censado no termo municipal recibiu xa, en formato físico, a súa tarxeta censual, o documento informativo remitido ás e aos electores que contén os seus datos censuais e o lugar de exercicio do seu dereito a sufraxio. Baseándose no distrito e na sección nos que estea localizado o seu domicilio, cada cidadán da Coruña ten asignado un colexio electoral e unha mesa específica para poder votar este domingo. A isto sumarase, ademais, o voto por correo.

O dispositivo electoral,  de cara aos comicios autonómicos do 18 de febreiro experimentará pequenas variacións con respecto ao que se dispuxo nas eleccións xerais do 2023. No termo municipal da Coruña haberá 86 colexios electorais -previamente eran 85- e 297 mesas -previamente eran 295-.

No tocante á creación de novas mesas, desdobráronse dúas ao exceder dos 1.000 electores: son a Mesa C: Distrito 9/Sección 4 (Centro Cívico de Mesoiro) e a Mesa C: Distrito 10/Sección 5 (Pavillón polideportivo da Sagrada Familia).

Outra das novidades será que na sede do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) (Federico Tapia, 64) estarán localizadas catro mesas: as mesas A e B das Seccións 9 e 10 do Distrito 3, que anteriormente votaban no Palacio da Ópera, que pasa de 12 a 8 mesas.

A maiores, as dúas mesas únicas das Seccións 26 e 27 do Distrito 7 que votaban no colexio Liceo A Paz pasan ao pavillón polideportivo do Barrio das Flores.

Onde e como consultar o colexio electoral adscrito a cada cidadán da Coruña

As e os electores convocados ás urnas este domingo poden consultar o seu respectivo colexio, sección e mesa electoral a través do buscador do Instituto Nacional de Estatística (INE), ao que se pode acceder por medio desta ligazón.

Todas as persoas con dereito a voto poderán presentalo no seu respectivo colexio electoral entre as 9.00 e as 20.00 horas, cando se pecharán as portas dos recintos habilitados, para realizar o reconto. A este respecto, convén lembrar que, aínda que a votación remata ás 20.00 horas, momento no cal as mesas anuncian o final da votación, se aínda queda alguén dentro do local, a mesa permitiralle votar.

A este respecto, o Concello ten previsto executar un dispositivo especial de apoio e vixilancia do cumprimento da normativa durante a xornada electoral, co despregamento de 1809 persoas durante a xornada: deles, 891 son as e os membros de mesa -ademais, hai 1.782 persoas suplentes-133 efectivos da Policía Local, 12 da Policía Autonómica, 105 persoas encargadas da apertura e peche dos colexios electorais, 131 representantes da Administración, 10 persoas colaboradoras, 4 voluntarias de Protección Civil como apoio a persoas con dificultade de mobilidade e 21 persoas para montaxe.

Ademais, o persoal do 061 estará operativo en caso de xurdir calquera tipo de incidencia sanitaria nos diversos recintos habilitados para exercer o dereito a voto.

Máis información, no 010

Este domingo, o persoal que atende a liña municipal de atención telefónica do 010 estará operativo entre as 8.00 e as 20.00 horas, desde a apertura dos colexios electorais e ata o seu peche.

Desta forma, todas as dúbidas da cidadanía relacionadas coa distribución dos 84 colexios electorais habilitados na cidade, así como a documentación que hai que presentar para exercer a opción de voto, poderán resolverse a través desta vía.

Con respecto a isto, a presidencia de cada mesa electoral poderá solicitar, en función de cada caso, os seguintes documentos:

  • Documento Nacional de Identidade (DNI).
  • Pasaporte con fotografía.
  • Permiso de conducir con fotografía.
  • Tarxeta de residencia no caso de cidadás/ns da Unión Europea.
  • Tarxeta de identidade, se se trata de persoas estranxeiras nacionais de países cos que España teña subscrito un tratado de reciprocidade para o recoñecemento do dereito a sufraxio nas eleccións municipais.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión