Uso de cookies nas páxinas web do Concello da Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante a análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso".

Concello da Coruña

Presentación

Foto de Inés Rey

O 25 de setembro de 2015, a ONU aprobou a Axenda 2030 sobre o desenvolvemento sustentable. Trátase, sen dúbida, dunha oportunidade para que os países e as súas sociedades emprendan un novo camiño co que mellorar a vida de todas as persoas sen deixar a ninguén atrás. 193 países comprometémonos cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (que inclúen desde a eliminación da pobreza ata o combate ao cambio climático, a educación, a igualdade da muller, a defensa do medio ambiente ou o deseño das nosas cidades) e o seu cumprimento para o ano 2030.

"Debemos adoptar con decisión as primeiras medidas que nos encamiñen cara a un futuro sustentable, con dignidade para todos. O noso obxectivo é a transformación. Debemos transformar as nosas economías, o medio ambiente e as nosas sociedades. Debemos cambiar a nosa forma de pensar, a nosa conduta e os nosos hábitos destrutivos. Debemos apoiar a integración de certos elementos esenciais: a dignidade, as persoas, a prosperidade, o planeta, a xustiza e as alianzas". O camiño cara á dignidade para 2030. Informe de síntese do secretario xeral sobre a axenda de desenvolvemento sustentable despois de 2015. Nacións Unidas, A/69/700.

En esencia, os chamados ODS perseguen a igualdade entre as persoas, protexer o planeta e asegurar a prosperidade como parte dunha nova axenda de desenvolvemento sustentable. Un novo contrato social global que non deixe a ninguén atrás.

O 20 de outubro de 2016 aprobouse na Conferencia das Nacións Unidas sobre a Vivenda e o Desenvolvemento Urbano Sustentable (Quito, Ecuador) a Nova Axenda Urbana (NAU-Hábitat III). A Asemblea Xeral das Nacións Unidas referendou a Nova Axenda Urbana o 23 de decembro de 2016. A NAU é unha guía para orientar os esforzos en materia de desenvolvemento das cidades para unha ampla gama de actores (estados, líderes urbanos e rexionais, programas das Nacións Unidas, academia, sociedade civil etc.) para os próximos 20 anos. Busca promover cidades máis incluíntes, compactas e conectadas mediante a planificación e deseño urbano, gobernanza e lexislación urbana, e a economía urbana. Procura crear un vínculo de reforzo recíproco entre urbanización e desenvolvemento.

En desenvolvemento do camiño iniciado na Declaración de Toledo en 2010 e consolidado na Declaración de Riga de 2015, o 30 de maio de 2016, os ministros con competencias en política urbana da Unión Europea asinaron o Pacto de Amsterdam onde acordaron elaborar unha Axenda Urbana para a Unión Europea que outorgue as cidades (entendidas de forma ampla) e as autoridades urbanas, un papel central no desenvolvemento dunha Europa intelixente, sustentable e inclusiva. Esta axenda recoñece unha realidade ineludible: estamos nun continente urbano que cada vez o será máis e, por tanto, os problemas aos que se enfronta teñen orixe, concentración e solución a esta escala.

O 29 de xuño de 2018, o Consello de Ministros de España aprobou o "Plan de Acción para a Implementación da Axenda 2030: Cara a unha Estratexia Española de Desenvolvemento Sustentable", en cuxa elaboración participaron todos os departamentos ministeriais, así como as comunidades autónomas, as entidades locais e organizacións representativas da sociedade civil. No noso país, por tanto, a Axenda 2030 está xa no centro da visión de Estado e da acción de Goberno. Representa unha forma de actuar no mundo.

Como unha da "políticas panca" para a implementación en España da Axenda 2030, preséntase ao Consello de Ministros (22 de febreiro de 2019) a Axenda Urbana Española, un documento estratéxico, sen carácter normativo, e por tanto de adhesión voluntaria, que, de conformidade cos criterios establecidos nas axendas internacionais persegue o logro da sustentabilidade nas políticas de desenvolvemento urbano. Constitúe, ademais, un método de traballo e un proceso para todos os actores, públicos e privados, que interveñen nas cidades e que buscan un desenvolvemento equitativo, xusto e sustentable desde os seus distintos campos de actuación.

Para alcanzar as metas de cada Obxectivo de Desenvolvemento Sustentable todo o mundo ten que facer o seu parte: os gobernos, o sector privado, a sociedade civil, a cidadanía etc.

"O papel dos gobernos locais e rexionais e as súas asociacións no logro dos ODS é crucial, xa que é a nivel local onde se pode preservar o enfoque de igualdade para a implementación dos ODS a nivel nacional. O logro dos ODS depende en gran medida da participación activa dos GGLL, xa que todos os ODS inclúen metas relacionadas con competencias e responsabilidades da esfera local e municipal, principalmente na prestación de servizos básicos e na promoción do desenvolvemento territorial endóxeno, inclusivo e sustentable. De aí a importancia das redes de cidades e gobernos locais como catalizadores e sistemas de apoio para o fortalecemento do rol deles en tres niveis: institucionalidade, incidencia política e alianzas". (Plan de Acción para a Implementación da Axenda 2030: Cara a unha Estratexia Española de Desenvolvemento Sustentable).

Como administración máis próxima á cidadanía, debemos asumir os nosos retos, debemos asumir os nosos compromisos coa Coruña, con Galicia e con España, así como coa saúde e o benestar do planeta e dos seus e das súas habitantes. A Axenda Urbana da Coruña debe conformarse como a nosa achega en clave local á sustentabilidade global.

É o noso compromiso, é a nosa responsabilidade.

25 de xuño de 2019

Inés Rey, alcaldesa da Coruña

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión