Vista aérea do edificio dous betilos
Unha construción relixiosa de orixe mediterránea?
Na área sueste da croa, moi preto da entrada, atopamos unha construción moi singular: o Edificio dos Betilos. Trátase dunha estrutura de carácter relixioso dividida en tres estancias (A, B e C). Na estancia A, atopamos un total de 4 betilos (que puideron ser 5), que lle outorgan o nome ao edificio. Mais... que é un betilo? Un betilo correspóndese coa representación anicónica (é dicir, sen ningún tipo de iconografía) dunha divindade, que aparece encarnada nun gran cipo de pedra, habitualmente alongado. Como é lóxico, os betilos sitúanse en contextos sacralizados e forman parte de distintas actividades culturais, sendo coñecidos por primeira vez no mundo fenicio de Extremo Oriente durante os inicios do I milenio a.C.
Os betilos son típicos da relixión fenicia, aínda que foron estendéndose ao longo do Mediterráneo, encarnando cultos moi distintos, chegando, mesmo, ata as nosas costas. No noso caso, non podemos falar dun edificio feito por foráneos: a maior parte do material arqueolóxico identificado é de orixe galaica, a edificación está construída con técnicas locais e mesmo os propios betilos son particularmente estraños (case sempre aparecen en grupos de 1 ou 3).
A Mediterráneo chama ao Atlántico
A pesar de que a súa orixe é local, este edificio reflicte un fondo vínculo co mundo mediterráneo. Ademais de documentarse moitos materiais foráneos, sobre todo da área gaditana, o propio culto betílico implica unha relación estreita cos navegantes que aquí acudiron. Este espazo parece funcionar como un espazo neutral, que representaría a ambos os mundos, e no que se realizarían intercambios de obxectos, mais tamén rituais, festíns e outro tipo de actividades.
Inicio, auxe e caída de Elviña
O Edificio dos Betilos presenta unha secuencia de ocupación que pode ser representativa da vida do castro como poboado. Atendendo ás datacións radiocarbónicas e aos estudos do material, construíuse nas últimas décadas do s. III a.C. ou a inicios do II a.C., permanecendo en pleno uso ata mediados do I a.C. Neste momento, o edificio destrúese completamente, quizais pola propia poboación do castro, dando pé a moitas elucubracións sobre os motivos da destrución desta insólita construción. No cambio de era, na primeira metade do I d.C., o edificio xa estaba en abandono, así como a muralla da croa.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible