17 de abril de 2023
O parque de Santa Margarida acollerá un ano máis, das 11.00 ás 19.00 horas, centos de actividades científicas.
Un ano máis o Parque de Santa Margarida encherase co bulicio científico do Día da Ciencia na Rúa, que este ano celebra a súa vixésimo sétima edición. A festa ten como protagonistas principais o alumnado e profesorado de centros educativos de diversas localidades galegas que traen con moita ilusión as actividades e experiencias que prepararon durante meses para convidar a cidadanía a descubrir, aprender e xogar coa ciencia e a tecnoloxía. Xiroscopios xigantes, análises de graxas nos alimentos, ilusións ópticas, hotel de insectos, electricidade con patacas, proxectos de xardinería, de robótica, de domótica, xogos matemáticos, experiencias para ver como de rápido funcionan as neuronas, extracción de ADN dun plátano... son algunhas das moitas actividades que traen 48 centros educativos da Coruña, Betanzos, Culleredo, Ribadeo, Cambre, Carral, Coristanco, Ortigueira, Arteixo, Miño, Arzúa, Pontedeume, As Pontes, Outes, Zas, Poio, Oleiros e Cerceda.
Tamén participan coas súas achegas divulgativas numerosas entidades e institucións vinculadas á actividade científica. A Facultade de Ciencias e a Escola de Enxeñeiros de Camiños da Universidade da Coruña, o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), a Cátedra Emalcsa-UDC, o Centro Oceanográfico da Coruña, o Instituto de Investigacións Biomédicas da Coruña (INIBIC), o Servizo Municipal de Educación da Coruña, a Asociación Luzada da USC ou a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.
O programa inclúe ademais moitas outras actividades da man da Asociación Galega de Xadrecistas-AGAX, a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, Bricolabs, Ludo Sociedade Deportiva e Gallaecia Viva, UDCiencia d+i, ademais dun concerto da Banda Municipal da Coruña e un espectáculo de monólogos científicos da man de Ciencia Calidade.
Xornada de portas abertas nos Museos Científicos
Ademais, os Museos Científicos Coruñeses celebran este día cunha xornada de portas abertas nos seus tres centros: a Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae.
Organizado por Museos Científicos Coruñeses-Concello da Coruña, Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e Cátedra EMALCSA-UDC.
Coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía - Ministerio de Ciencia e Innovación.
Casa das Ciencias. Parque de Santa Margarita s/n. 15005 A Coruña
Actividades relacionadas

29 de outubro de 2025
Un novo programa, dirixido a público familiar, que se incorpora á carteleira do planetario da Casa das Ciencias

24 de setembro de 2025
Unha exposición retrospectiva con imaxes de astronomía de Alfredo Madrigal, un dos grandes astrofotógrafos galegos da súa xeración

20 de setembro de 2025
Os Prismas de Bronce entregaranse nun acto que terá lugar o próximo 15 de novembro no Concello da Coruña
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible