5 de agosto de 2022
Do 8 a 14 de agosto as sesións do Planetario dedicarán uns minutos á choiva de estrelas fugaces das Perseidas
A choiva de estrelas fugaces das Perseidas é unha das citas anuais máis importantes para as persoas afeccionadas á astronomía. Este ano a corrente de meteoros alcanza o seu punto álxido a noite do 12 a 13 de agosto, aínda que a Lúa chea deses días non permitirá unha boa observación. Pero a choiva de estrelas fugaces non é un fenómeno puntual, poderemos seguir gozando delas nos días seguintes.
No período de máxima actividade poden chegar a verse máis de cincuenta estrelas fugaces cada hora baixo un ceo escuro e despexado. A contaminación luminosa fai que nas proximidades das cidades ou en zonas con iluminación forte o número de meteoros visibles diminúa. Entre o luns 8 e o domingo 14 de agosto as sesións do planetario da Casa das Ciencias incluirán recomendacións para observar as Perseidas. Para asistir a calquera sesión é posible reservar entradas con ata tres días de antelación neste enderezo web: ticketing.coruna.gal/mc2/cc/
Sen prismáticos
Para gozar das Perseidas non se precisan instrumentos ópticos, como prismáticos ou telescopios, nin son necesarios coñecementos especiais de astronomía, xa que os meteoros pódense ver por toda a bóveda celeste. Iso si, todas as traxectorias teñen a súa orixe na constelación de Perseo (de aí o seu nome) que emerxe polo horizonte en dirección nordeste pasada a medianoite.
As Perseidas coñécense tamén como bágoas de San Lourenzo, xa que o día 10 de agosto está dedicado no santoral a este diácono de Roma que sufriu martirio asado nunha grella no ano 258. Pero en realidade non son outra cousa que diminutos fragmentos da cola do cometa Swift-Tuttle, que cun tamaño inferior ao de grans de arroz, entran na atmosfera a gran velocidade, deixando ao seu paso un rastro luminoso que pode chegar a durar varios segundos. Este cometa achégase á Terra cada 120 anos no seu percorrido ao redor do Sol, renovando a corrente de partículas que o noso planeta atravesa cada ano por estas datas.
Casa das Ciencias. Parque de Santa Margarita s/n. 15005 A Coruña

29 de outubro de 2025
Un novo programa, dirixido a público familiar, que se incorpora á carteleira do planetario da Casa das Ciencias

24 de setembro de 2025
Unha exposición retrospectiva con imaxes de astronomía de Alfredo Madrigal, un dos grandes astrofotógrafos galegos da súa xeración

20 de setembro de 2025
Os Prismas de Bronce entregaranse nun acto que terá lugar o próximo 15 de novembro no Concello da Coruña
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible