21 de decembro de 2021
A mostra presenta nove imaxes do firmamento do hemisferio sur, que non é posible observar desde as nosas latitudes.
A Casa das Ciencias presenta unha nova exposición fotográfica sobre os ceos do hemisferio sur, co título «Ceos austrais». A mostra contén nove imaxes tomadas en Australia, Namibia, Chile e Bolivia polo astrofotógrafo Óscar Blanco Varela, na que se mostran estrelas e constelacións que non é posible observar desde as nosas latitudes.
A Vía Láctea atravesando o firmamento nunha posición inédita para nós; a nebulosa de Carina; as nosas galaxias veciñas, as nubes de Magallanes; a constelación da Cruz do Sur; ou o centro galáctico desde o deserto de Atacama son só algunhas das imaxes que é posible contemplar nesta exposición e que desde Galicia non podemos ver.
Óscar Blanco Varela é divulgador e astrofotógrafo. Socio fundador da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío e xerente do Centro Astronómico de Trevinca (A Veiga), viaxou por todos os continentes na procura de ceos estrelados e eventos astronómicos, como eclipses totais de Sol ou auroras.
Coincidindo con esta inauguración, a Casa das Ciencias tamén comeza a repartir entre os seus visitantes un planisferio dos dous hemisferios, norte e sur, coas constelacións en galego. A Real Academia Galega presentou fai algo máis dun ano a lista normalizada e oficial dos nomes de oitenta e oito constelacións recoñecidas pola Unión Astronómica Internacional, que agora se converte en publicación grazas á Agrupación Astronómica Ío.
Casa das Ciencias. Parque de Santa Margarita s/n. 15005 A Coruña

29 de outubro de 2025
Un novo programa, dirixido a público familiar, que se incorpora á carteleira do planetario da Casa das Ciencias

24 de setembro de 2025
Unha exposición retrospectiva con imaxes de astronomía de Alfredo Madrigal, un dos grandes astrofotógrafos galegos da súa xeración

20 de setembro de 2025
Os Prismas de Bronce entregaranse nun acto que terá lugar o próximo 15 de novembro no Concello da Coruña
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible