1 de maio de 2025
Terá lugar no parque de Santa Margarida da Coruña das 11.00 ás 19.00 horas
O próximo de 10 de maio daranse cita no coruñés parque de Santa Margarida arredor dun milleiro de escolares, mozos científicos e mozas científicas que lle ofrecerán ao publico multitude de actividades e experiencias que conectan a ciencia e a tecnoloxía coa vida cotiá. Nesta edición participarán 54 centros educativos da Coruña, Betanzos, Cambre, Carral, Arteixo, Cerceda, Culleredo, Coristanco, Oleiros, Ordes, Pontedeume, Outes, Ribadeo, Miño, Ortigueira, Baio, Ribeira e Poio.
Entre as súas numerosas propostas hai actividades baseadas nas tecnoloxías máis actuais, como o recoñecemento facial con intelixencia artificial, a descrición do corazón mediante téxtiles electrónicos, invernadoiros intelixentes, un modelo de satélite artificial ou numerosas aplicacións de robótica. Tamén se presentarán experiencias que combinan a ciencia coa arte ou a maxia, ilusións ópticas ou o son, así como sorprendentes proxectos sobre a creación de nubes, o sistema solar, foguetes ou a observación de células e microorganismos ao microscopio. O amplo catálogo de actividades inclúe moitas relacionadas cos grandes temas de actualidade, como a crise climática, a conservación do medio ambiente e a sostibilidade.
Xunto ao alumnado de todos os niveis educativos tamén participan profesionais da investigación e a divulgación, que presentarán un diverso programa de contidos científicos para toda a cidadanía nas carpas da Cátedra Emalcsa-UDC, a Facultade de Ciencias da UDC, a Escola de Enxeñeiros de Camiños da Universidade da Coruña, o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), o Centro de Investigación en TIC (CITIC), o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC), a Unidade de Divulgación Científica e Cultural da UDC, o Centro Oceanográfico da Coruña, o Instituto de Investigacións Biomédicas da Coruña (INIBIC), o Servizo Municipal de Educación da Coruña, a Asociación Luzada da USC, o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) ou a Axencia Galega de Órganos e Sangue.
Ademais haberá numerosas actividades paralelas arredor do edificio da Casa das Ciencias, dende o programa de radio especial emitido por CUAC FM dende os soportais do museo ata as iniciativas da Asociación Galega de Xadrecistas-AGAX, a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, Bricolabs, Incude (Iniciativas Culturais e Deportivas universitarias) e UDCiencia d+i. A mañá tamén estará amenizada por un concerto da Banda Municipal da Coruña ás 12.00 horas e a tarde por un espectáculo de monólogos científicos da man da Ciencia Calidade a partir das 17.30 horas.
Como novidade nesta edición, haberá un mercado gastronómico sostible con 8 postos instalados na zona da entrada do parque pola rolda de Nelle.
Tamén haberá unha exhibición de buxainas acrobáticas na que o campión internacional Omar Pule realizará espectaculares malabarismos que poñen de manifesto a maxia e o magnetismo que ten este xoguete tradicional.
Proxecto EDUCO2Health
A Domus estará presente no parque de Santa Margarida cun proxecto Erasmus+, financiado pola Comisión Europea, denominado EDUCO2Health, que inclúe unha proposta de actividades para coñecer que é o exposoma e que pegada deixa a contorna na nosa saúde. O concepto de exposoma implica estudar todas as exposicións acumuladas por unha persoa desde a concepción ata o final da súa vida, o que abarca non só os elementos externos, como a dieta, o estilo de vida e a contorna onde vivimos e traballamos, senón tamén factores internos como o metabolismo, a microbiota intestinal, a inflamación e o estrés oxidativo.
EDUCO2Health está liderado pola Universidade de Santiago de Compostela e conta coa participación da Domus e outros socios de cinco países diferentes representando a institucións con experiencia nos ámbitos da xenética, a didáctica das ciencias, a comunicación científica, as artes plásticas, o ensino bilingüe e a ecoloxía.
Xornada de portas abertas nos Museos Científicos
Os Museos Científicos Coruñeses celebran este día cunha xornada de portas abertas nos seus tres centros: a Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae, en horario das 10.00 ás 19.00 horas (último acceso ás 18.00 horas no Aquarium, ás 18.30 horas na Casa das Ciencias e na Domus).
Para visitar o Aquarium Finisterrae será imprescindible realizar unha reserva de entradas, que se poderá facer cun máximo de 3 días de antelación nesta ligazón.
Para lles facilitar o acceso ás persoas maiores de 65 anos, estas poderán acceder sen reserva.
A visita á Casa das Ciencias e á Domus será libre, sen reserva previa, e sempre que a capacidade non estea completa.
As persoas que queiran asistir a unha sesión de Planetario na Casa das Ciencias deberán retirar invitacións, que se repartirán media hora antes de cada sesión na recepción do museo. Entregaranse un máximo de 2 invitacións por persoa. Haberá estas sesións:
Organizado por Museos Científicos Coruñeses-Concello da Coruña, Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e Cátedra EMALCSA-UDC.
Coa colaboración da FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía - Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades) e Deputación da Coruña.
Casa das Ciencias. Parque de Santa Margarita s/n. 15005 A Coruña
20 de maio de 2025
Foron cedidos como parte dun programa de conservación e cría en catividade desta especie de tiburón no que colabora o Aquarium Finisterrae
1 de maio de 2025
Terá lugar no parque de Santa Margarida da Coruña das 11.00 ás 19.00 horas
16 de abril de 2025
O prazo de presentación de traballos finaliza o 2 de xuño nas oito modalidades do certame
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible