Día 1: Cita con Hércules e as focas
A Coruña é unha cidade que ten moito que ofrecer. Bañada polo Atlántico, a urbe herculina reúne gastronomía, cultura, moda, lecer e natureza. É un destino perfecto para unha escapada. Alongando un pouco unha fin de semana podes descubrir recunchos únicos que te deixarán con ganas de máis. Pero antes de volver, respondemos a túa pregunta: Que facer na Coruña en 3 días?
A Mariña, o Parrote e Castelo de San Antón: para comezar o noso itinerario, recomendámosche que o inicies pola Mariña e o Parrote, unha ampla explanada xunto ao porto onde poderás ver as típicas galerías coruñesas.
Seguindo co mar á túa dereita, chegarás ao Castelo de San Antón. Esta edificación construíuse no século XVI con fins defensivos e foi clave na defensa ante a expedición Drake-Norris. Desde 1964 é o Museo Arqueolóxico da cidade.
Paseo marítimo: partindo cara á Torre de Hércules, percorreremos máis quilómetros do paseo marítimo, que pola noite se ilumina cuns rechamantes farois vermellos.
Estas lámpadas, de inspiración modernista, son o soporte de máis de mil esmaltes da artista Julia Ares, con escenas que representan a historia da Coruña. Entre as imaxes hai referencias á Escola de Arte Superior de Deseño Pablo Picasso, que se sitúa diante do paseo e na que estudou o pintor.
Parque escultórico: unha vez pasemos a praia de Santo Amaro, chegaremos ao Parque escultórico , un museo ao aire libre na contorna da Torre de Hércules que ocupa unhas 74 hectáreas.
Por Punta Herminia, O Acoroado, o Cabal de Pradeira e a península da Torre atópanse diversas esculturas que reflicten a historia e os símbolos da zona, ademais dunha flora e fauna única.
Torre de Hércules: finalizamos a mañá ante a Torre de Hércules , a icona por excelencia da Coruña. Este faro, construído no século I d. C., é o único de orixe romana que mantén na actualidade a súa función de sinal marítimo. Antes de seguir recomendámosche que aproveites para comer facendo un picnic na contorna natural da Torre de Hércules, onde se atopa un merendeiro cunhas inmellorables vistas ao faro.
A Casa dos Peixes e a Casa do Home: pola tarde non podes deixar de visitar o Aquarium Finisterrae . O Aquarium Finisterrae sitúase aos pés da Torre. Entre as súas principais atraccións está a sala Nautilius, onde se atopa o tiburón Gastón, ou a área exterior, onde se pode visitar as focas.
Tamén fronte ao Paseo Marítimo, pero chegando á Enseada, está a Domus . O edificio, deseñado polo arquitecto xaponés Arata Isozaki, conta con preto de 150 módulos interactivos cos que aprender sobre o ser humano.
Posta de Sol con surfeiros: propoñémosche acabar o día gozando dunha magnífica posta de sol desde o Paseo Marítimo, á altura da fonte dos surfeiros, que separa as praia do Matadoiro e Orzán. Pola noite non podes perder a zona de viños da Coruña. Entre a rúa da Estrela e María Pita poderás atopar numerosos bares, restaurantes e cafeterías onde degustar tapas como o raxo, a zorza ou o famoso crocodilo.
Continuamos o noso percorrido pola cidade.
Obelisco e Xardíns de Méndez Núñez: para o segundo día empezamos nun lugar onde se citan xeracións e xeracións de coruñeses e coruñesas: o Obelisco. Non penses nunha típica construción exipcia. O noso obelisco é unha columna coroada por un reloxo e un catavento que se construíu en 1895. Xusto á beira do Obelisco están os Xardíns de Méndez Núñez, onde se atopan o Palco da música e dous edificios modernistas: a Terraza e o Quiosco Alfonso. Nesta zona axardinada verás tamén estatuas de importantes figuras galegas como Emilia Pardo Bazán ou Curros Enríquez.
Rúa Real: volvendo cara ao Obelisco paseando polos Cantóns, chegamos á rúa Real. Esta rúa peonil forma parte da historia da Coruña, e ademais de realizar as túas compras nela poderás gozar de edificios únicos que mesturan modernismo e galerías. Ao acabar a rúa Real verás o Teatro Rosalía, que acolle múltiples funcións e ciclos ao longo do ano. Aquí empeza Rego de auga, que leva directamente á praza de María Pita.
María Pita: na Coruña non contamos cunha Praza Maior. O noso Concello atópase nunha praza dedicada a unha das heroínas da historia coruñesa, María Pita, cuxa estatua mira de fronte ao Palacio Municipal, de estilo modernista. Outra das características desta praza son as terrazas cubertas dos restaurantes e cafeterías que se sitúan baixo os soportais. Recomendámosche que pares nalgún deles para degustar produtos como o 'polbo á feira'.
Cidade Vella: despois de comer, cruza a praza para acceder á Cidade Vella . As súas rúas medievais e barrocas transportarante a outra época. Non podes perder igrexas como a de Santiago ou a Colexiata de Santa María do Campo. Tamén destacan edificios como a Casa de Rosalía de Castro ou a de María Pita (aínda que actualmente non se poden visitar), ou o Pazo Cornide, antiga sede da Real Academia Galega. Outras paradas son a Fundación Luís Seoane, con exposicións de arte e cultura contemporáneas, ou a bela praza de Azcárraga, en cuxo centro se atopa a fonte do Desexo. Aquí atoparás tamén o Arquivo do Reino de Galicia, creado en 1775.
Xardín de San Carlos: xunto ao Arquivo atópase o Xardín de San Carlos, que actualmente non se pode visitar. No seu interior sitúase a tumba do xeneral inglés Sir John Moore, un dos heroes da Batalla de Elviña. Desde aquí contarás cunhas incribles vistas do Parrote, que á hora da posta de sol se baña cunha fermosa luz dourada. Se xa estás a pensar na noite e por que A Coruña é coñecida como "a cidade que dorme de pé", fíxate nos Cantóns Village, onde se atopan algunhas das discotecas máis coñecidas da cidade, como Pelícano.
Para finalizar do mello xeito
Museo de Belas Artes: o noso último día empeza cunha visita cultural: o Museo de Belas Artes . Cunha colección de máis de 5.000 pezas, este museo recolle pinturas, esculturas e outras obras de entre os séculos XVII e XX.
Praia de Orzán: baixando cara ao Paseo Marítimo atoparás a praia do Orzán. Se as ondas acompañan, nas súas augas verás a numerosas persoas surfeando e na area tamén é habitual ver a xente practicando deportes, como o voleibol praia.
Praza de Lugo: antes de seguir polo paseo xunto ás praias recomendámosche que te internes na cidade cara á praza de Lugo. É unha das zonas comerciais por excelencia e no seu centro está o mercado da Praza de Lugo, onde se poden atopar o mellor marisco e peixe. Por aquí tamén atoparás numerosos restaurantes onde che recomendamos que fagas unha parada para gozar dos mellores pratos.
Riazor: volvemos cara ao mar para percorrer a praia de Riazor. Esta termina xunto ao estadio que recibe o mesmo nome, e onde o R.C. Deportivo logrou grandes xestas no fútbol español. No contiguo Pazo dos Deportes compiten tamén outros dous clubs importantes da cidade, como o Básquet Coruña ou o HC Liceo.
Millennium: se seguimos percorrendo o Paseo Marítimo, chegaremos ata o outro obelisco da cidade, o Millennium. Este monumento foi inaugurado no ano 2000 para conmemorar o inicio dun novo milenio e nos seus cristais nárrase a historia da cidade.
San Pedro: acabamos o día chegando ao Parque do Monte de San Pedro . Antigamente esta era unha instalación militar, aquí pódense observar os canóns que defendían a cidade. Sen dúbida, este é un dos puntos máis especiais dende os que gozar da posta de sol e dicirlle adeus a unha cidade única como A Coruña.