19 de julio de 2023
A Coruña é o primeiro municipio galego en sumarse a esta iniciativa, posta en marcha nos anos noventa polo artista alemán Günter Demnig, hoxe presente no percorrido entre as rúas Porta de Aires e San Andrés
A alcaldesa, Inés Rey, participou esta mañá na cerimonia de colocación dos seis primeiros 'stolpersteine' en lembranza dos coruñeses deportados a campos de concentración nazis, unha iniciativa na que o Concello colabora coa Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) e coa que A Coruña se converte no primeiro municipio galego en sumarse a este proxecto de carácter global.
Os 'stolpersteine' -en alemán, 'pedra que pode facer tropezar'- son lastras de bronce ideados para plasmar, nas beirarrúas, a biografía e memorias das vítimas do nazismo. Foron concibidos polo artista Günter Demnig e comezaron a instalarse na década dos noventa nas rúas de Berlín, para lembrar ás e aos cidadáns que perderon a vida naqueles anos de totalitarismo.
Desde a súa posta en marcha, o proxecto estendeuse a máis de 25 países, con máis de 100.000 réplicas. Na Coruña, o Concello e a ARMH teñen previsto acometer a instalación dun total de 17, en distintas fases. A primeira delas completouse hoxe coa colocación de seis, as que lle renden homenaxe a Julio Martínez Arias, Leopoldo López Criado, Luis Rafales Lamarca, Eduardo Sánchez García, Adrián del Castillo e Arturo García Lagares. Todos eles coruñeses asasinados en campos de concentración como Hartheim ou Gusen nos anos da II Guerra Mundial.
"Falamos de persoas que eran veciños da Coruña, de barrios como a Cidade Vella, Monte Alto, Orzán e a Pescaría. Hoxe, as súas rúas recuperan unha parte da súa historia. Unha historia, en parte, descoñecida, e que se foi perdendo no silencio. Recuperar a memoria das persoas ás que hoxe lembramos tamén é facer cidade", apuntou Inés Rey, acompañada por Carmen García Rodeja, representante en Galicia da ARMH, e o investigador David Lozano, "dúas persoas fundamentais para que esta iniciativa saíse adiante".
Lozano é coautor do libro 'Os coruñeses deportados aos campos de concentración nazis' xunto a Adriana Pereiro, que profunda nas vivencias dos seis homenaxeados hoxe. A publicación presentouse onte na Casa Museo Casares Quiroga.
Un percorrido con seis paradas entre as rúas Porta de Aires e San Andrés
Familiares e achegados dos deportados participaron no percorrido para a colocación dos 'stolpersteine', que comezou na praza de María Pita e fixo unha primeira parada no nº 10 da rúa Porta de Aires, onde Julio Martínez Arias viviu na súa xuventude. Foi neste punto onde Günter Demnig, como xa é habitual na chegada das lastras de bronce a unha nova cidade, axudou a instalar os seis primeiros na Coruña.
Tras Porta de Aires 10, onde a cerimonia contou coa actuación da gaiteira Erea Estévez, o traxecto continuou cara aos que foron os lugares de nacemento ou fogares de Leopoldo López Criado (rúa Santiago, 15), Luis Rafales Lamarca (rúa Varela Silvari, 4), Eduardo Sánchez García (rúa Campo de Artillería, 12), Adrián del Castillo Soutelo (rúa San Andrés, 169) e Arturo García Lagares (rúa San Andrés, 38), percorrido no que se colocaron as placas de bronce, léronse as respectivas biografías dos deportados e os familiares dos mesmos lembraron as súas figuras. O peche do acto tivo lugar na sede do Circo de Artesáns, ás 12.45 horas, cunha lectura de poemas e a actuación do músico César Morán.
"Hoxe, coa colocación das seis lastras na súa lembranza, todos eles volven ao seu antigo fogar. E cos 'stolpersteine', ficarán para sempre con nós", subliñou a alcaldesa.
Desde este apartado se puede tener acceso al texto de los convenios urbanísticos firmados por el Ayuntamiento de A Coruña con otras administraciones públicas o entidades particulares
ANUNCIO de aprobación inicial del estudio de detalle en la zona Z4-R15 (Parcelas Z4-R15L y Z4-R15P), en el ámbito del SURT 1, en San Pedro de Visma (expediente 631/2024/120).
Suspensión cautelar de licencias de parcelación de terrenos y edificación en el ámbito del plan especial PE M18 "Labañou", A Coruña (Expediente 631/2024/246)
ANUNCIO de aprobación inicial del estudio de detalle relativo a la parcela en la que se emplaza el actual mercado municipal de Palavea (Expediente DPE/2025/47)
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible