13 de xullo de 2026
Inés Rey: “O Noroeste é o mellor festival urbano de España e un referente a nivel europeo”
Máis da metade das bandas e os artistas presentes no cartel son de orixe galega, con novas confirmacións como Xosé Lois Romero & Aliboria ou Familia Caamagno e a Orquestra do Quince
Xa está aquí o tan agardado cartel da XXXIX edición do Festival Noroeste Estrella Galicia, ao que se suman artistas do nivel de Bomba Estéreo, Rusowsky, Yerai Cortés, Sprints e Ángel Stanich nunha programación que conta con máis de 40 artistas e coa presenza de nomes galegos en máis da metade da planificación.
A Casa Museo Casares Quiroga acolleu o anuncio do cartel completo, ao que acudiron a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; Víctor Mantiñán, director de Activación en Iberia de Hijos de Rivera e a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita.
A artista coruñesa Julia lago foi a encargada do deseño da gráfica para esta trixésimo novena edición, inspirándose no "espírito do que se enche a cidade durante a celebración do festival. Hai festa en cada recuncho e o ambiente das noites é moi especial", subliña. "Para min, o verán e a música en directo son un dúo inseparable, e teño lindas lembranzas de moitos dos concertos do Festival Noroeste Estrella Galicia. A primeira vez que saín ata tarde foi cando tocou Calle 13 en Riazor e recordo que a praia enteira era unha pista de baile", sinalou Lago.
"A idea é que a partir desta edición, sexa o talento local quen se encargue da imaxe gráfica de cada edición do Festival Noroeste Estrella Galicia, non só para evidenciar que existe moito potencial neste eido por parte de artistas locais, senón tamén por continuar imprimíndolle unha pegada moi nosa a un evento que é de todos os coruñeses e coruñesas", comezaba relatando na súa intervención a alcaldesa, Inés Rey.
A rexedora remarcou que "o Festival Noroeste Estrella Galicia continúa a ser, un ano máis, o mellor festival urbano de España e un referente a nivel europeo", á vez que destacou a colaboración institucional coa Deputación e a Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, así como o patrocinio de Estrella Galicia como parte fundamental do éxito deste evento que o vindeiro 2027 cumplirá corenta edicións. Pola súa banda, Víctor Mantiñan incidiu en que Estrella Galicia apoia este festival "tan especial", con propostas de gran calado e unha ampla oferta de artistas emerxentes por descubrir. "É un festival para percorrer a cidade de maneira diferente", dixo.
Ángel Stanich, Apolo 18, Banda DiversidArte ft. Silvia Penide + La Sophie Simonds Band, Bomba Estéreo, Sprints, Familia Caamagno e a Orquestra do Quince, Zënzar, Xosé Lois Romero & Aliboria, Colorado, David Regueiro Trío ft. Pablo Castaño, Mar de Fondo, Mounqup, Tsunami Arise, Orquesta Invisible, Rusowsky, Meu, Yerai Cortés, Law, Freestyle People ft. Gallos del Norte, Vicente Calderón e os deejays do Portiño súmanse a un cartel da trixésimo novena edición do Festival Noroeste Estrella Galicia no que máis da metade das bandas serán galegas.
Os concertos celebraranse nos escenarios da praia de Riazor, María Pita, Azcárraga, Campo da Leña, O Portiño e o Castelo de San Antón do 5 ao 8 de agosto. Completan a lista de confirmacións as xa anunciadas Agoraphobia, Ana Lua Caiano, Anna Andreu, Bala, Bongeziwe Mabandla, Catuxa Salom, Dorian, Echo & the Bunnymen, Fantastic Negrito, Frankie and the Witch Fingers, Greasy Belly, La Perra Blanco, Mari Froes, MFC Chicken, Moura, Pamela Rodríguez, Ruxe Ruxe e Sés.
Confírmase novamente a aposta por reunir nun mesmo festival -que un ano máis segue a ser referente a nivel nacional e internacional- a nomes xa dabondo consolidados xunto con figuras emerxentes, premisa baixo a que naceu hai case 40 anos o Festival Noroeste Estrella Galicia. A música encherá A Coruña durante catro días conxugando o talento internacional e local. "Presentamos un cartel con máis de corenta artistas, cunha presenza maioritaria de bandas galegas e cun equilibrio moi coidado entre propostas emerxentes e artistas consagrados", apuntou Inés Rey.
Outra das principais características deste festival é o amplo abano de estilos presentes en todos os escenarios. Na súa trixésimo novena edición, alén do rock, poderá desfrutarse da música africana, o pop, a electrónica, o folk, o jazz, o rythm&blues ou o post-punk, entre moitos outros.
A configuración da programación para esta nova edición sitúanos ante figuras de especial relevancia no panorama internacional como Bomba Estéreo, unha das bandas de fusión máis influíntes a nivel mundial e que recentemente colaborou co portorriqueño Bad Bunny no tema 'Ojitos Lindos', xunto aos grupos dabondo coñecidos polo público coruñés como Colorado, comandado por José Ángel Colorado, Mar de Fondo ou Zënzar.
As interesantes propostas David Regueiro Trío ft. Pablo Castaño, Vicente Calderón, Mounqup ou Sprints, esta última chegada desde Irlanda, compartirán escena cos tamén galegos Familia Caamagno e a Orquesta do Quince, Law ou Xosé Lois Romero & Aliboria. Como grupos gañadores do XXVIII Concurso de Bandas e Solistas de CUAC FM actuarán a Tsunami Arise e Apolo18. Tamén haberá oco para a inclusión con Banda DiversidArte ft. Silvia Penide & La Sophie Simonds Band, Orquesta Invisible e Freestyle People ft. Gallos del Norte.
Artistas de renome como Ángel Stanich, Rusowsky ou Yerai Cortés completan a nómina dunha programación que encherá de música a cidade de cristal durante a primeira semana de agosto.
O Festival Noroeste Estrella Galicia é o festival urbano e gratuíto que conta co patrocinio de Estrella Galicia, organizado polo Concello da Coruña e que conta co apoio da Xunta de Galicia a través de Concertos do Xacobeo, e a Deputación da Coruña. Trátase do evento máis importante das súas características a nivel estatal, e un dos máis relevantes de Europa.
Artes escénicas e Mercado de Discos
Novamente, as artes escénicas formarán parte da programación do XXXIX Festival Noroeste Estrella Galicia cos 'Contos ao Noroeste', o 9 de agosto en Santa Margarida, cun pase especial de 'Amoriños', con Xosé A. Touriñán e David Perdomo; e o 'Noroestiño', do 6 ao 9 de agosto. Esta iniciativa xurdiu na XXXVII edición do festival para complementar a programación musical con actividades para todo tipo de público.
Para público familiar, o 'Noroestiño' encherá os xardíns de Méndez Núñez de música en directo con espectáculos diversos e adaptados a este tipo de espectadores. Participarán Pablo Díaz, María Faltri ou Lydia Botana xunto cos espectáculos 'A Banda dos Insectos', 'Bibopalula, o concerto' ou 'Leucoíña pasea contos nas verzas'.
O público poderá gozar tamén dunha nova edición do Mercado de Discos no Cine París, da rúa Real, nunha compilación de CD's, LP's e vinilos que se creou co obxectivo de establecer un punto de encontro musical na Coruña e onde, con cada celebración do Festival Noroeste Estrella Galicia, converxen coleccionistas, expositores, selos e distribuidoras de soportes fonográficos. Organiza Nonito Pereira, unha destacada figura do mundo da música na Coruña.
Como principal novidade, este ano contaremos tamén cunha exposición sobre creación artística e memoria musical na Casa Museo Casares Quiroga, do 30 de xullo ao 8 de agosto e onde se poderán contemplar, entre outras obras, todos os deseños dos carteis das anteriores edicións.
Máis sobre as novas confirmacións
ÁNGEL STANICH
Quen se define como 'El ermitaño del pop' ten como último traballo da súa carreira musical 'Por la hierba', no que está arroupado pola súa banda e cun repertorio único, con máis de dez años de catárticos directos. Un álbum introspectivo e completo, que moitas e moitos aseguran como un dos mellores deste 2026.
APOLO18
A banda coruñesa foi creada no ano 2025 por cinco membros de 18 a 20 anos. Infliuenciados polas figuras máis representativas do rock alternativo dos 90 tanto a nivel nacional como internacional, Apolo18 intenta achegar ao galego unha proposta artística baseada no ruído que te envolve na súa propia atmosfera densa e chea de matices, cunha voz sensible diluída entre guitarras distorsionadas, baixos contundentes e cunha batería enérxica e agresiva. Resultaron gañadores do XXVIII Concurso de Bandas e Solistas de CUAC FM.
BANDA DIVERSIDARTE ft. SILVIA PENIDE & LA SOPHIE SIMONDS BAND
A primeira banda inclusiva de Galicia, formada por 16 persoas con diversidade funcional xunto a artistas de diferentes realidades sociais e culturais. Banda DiversidArte é un grupo de músicos que, a través do ritmo, a voz e a percusión, demostran que a música é unha ferramenta de unión, celebración e transformación social. Nesta ocasión ofrecerán un recital xunto a Silvia Penide e a Sophie Simonds Band.
BOMBA ESTÉREO
Esta banda colombiana que mestura música caribeña con electrónica está liderada por Li Saumet. Desde o seu éxito 'Fuego' (2010) destacouse con álbums como 'Elegancia Tropical', 'Amanecer' e 'Deja'. Temas como 'Soy yo' e 'To my love' son xa himnos globais. O seu álbum 'Deja' foi recoñecido por The New York Times como o mellor de 2021. Con máis de 20 anos de traxectoria, segue sendo unha das bandas de fusión máis influíntes.
COLORADO
O grupo de country rock ao que consagrou a maior parte da súa carreira artística ao músico coruñés José Ángel Piñeiro, coñecido por todo o mundo da música como José Ángel Colorado. Concebido nas súas orixes como dúo, varias incprporacións consolidan a Colorado como unha das bandas máis representativas do rock and roll en Galicia.
DAVID REGUEIRO TRÍO ft. PABLO CASTAÑO
O guitarrista galego David Regueiro, recoñecido como unha das figuras máis destacadas do gypsy jazz na Península Ibérica, únese ao saxofonista Pablo Castaño, unha das voces máis persoais e sólidas do jazz galego, para presentar un proxecto no que converxen dúas linguaxes complementarias.
FAMILIA CAAMAGNO + ORQUESTRA DO QUINCE
Familia Caamagno é un dos proxectos máis recoñecibles da escena musical galega actual, cun son propio que mestura retranca, emoción e unha identidade moi marcada. Tras unha traxectoria consolidada sobre os escenarios, o grupo inicia en 2026 unha nova etapa artística coa presentación do seu novo traballo "Disco Comarcal" e un novo espectáculo especial concibido para a ocasión, Familia Caamagno e a Orquestra do Quince.
Esta formación está integrada por tres instrumentos de vento -trombón, trompeta e saxofón-, un piano e un sintetizador, creando unha sonoridade rica e expansiva que dialoga co universo do grupo.
Neste concerto, Familia Caamagno interpretará unha selección do seu repertorio, especialmente arranxado para esta xira, ofrecendo unha revisión única das súas cancións nun formato inédito que combina a enerxía da banda coa potencia e a elegancia da orquestración. Un espectáculo irrepetible que marca un fito na súa carreira e abre novas vías creativas no seu directo.
FREESTYLE PEOPLE & LOS GALLOS DEL NORTE
O primeiro colectivo de freestyle (rap improvisado) na historia formado por persoas, principalmente mozas e mozos, que se topan en situacións de risco de exclusión social. Unha familia de artistas con diversidade funcional e outras realidades non normativas que, a través de rimas e o ritmo do rap, amósanos que a música é unha linguaxe universal que une a todas as persoas e axúdanos a superar as nosas propias crenzas limitantes.
LAW
Law é unha artista multidisciplinar do barrio vigués de Coia, que fusiona R&B, reggae, música de raíz e electrónica nunha viaxe sonora entre o urbano e o ancestral. A súa voz poderosa e as súas letras comprometidas marcan o pulso dunha proposta con identidade e conciencia. En directo, combina teclados, sintetizadores, batería e percusión do mundo, creando un espectáculo bailable, primitivo e con moita interacción co público.
MAR DE FONDO
Desde A Coruña, Mar de Fondo constrúe un son propio dentro do rock con identidade clara e unha forma directa de contar as cousas. A banda está formada por Jesús Suárez, Hugo Porteiro, Miguel Duarte, Carlos Campoy e Diego López. A súa traxectoria arrinca con 'Destello de oscuridad' en 2015, continúa con 'Pulsaciones' en 2018 e afiánzase con '38 pasos' en 2021, definindo un estilo reconocible e en evolución constante. En 2026 presentan 'Lo llamaban rock'n'roll', un paso máis no seu camiño.
MOUNQUP
É o proxecto en solitario de Camille Hedouin, cantante francesa e produtora musical afincada nas montañas de Galicia. Baséase nunha música electrónica catártica e intrincada, tan local como internacional, tan tribal como fluída e tan íntima como universal. Así se define Hedouin.
ORQUESTA INVISIBLE
Un ecosistema creativo vivo, formado por un elenco de oito artistas con inquedanzas propias e visións musicais diferentes. Chiqui, Mónica, Iria, Tania, Ramón, Andrew, Iago e Álex forman Orquesta Invisible, baixo a dirección musical de Jas Processor, quen guía este laboratorio sonoro onde a agrupación experimenta coas propostas libres dos seus integrantes.
RUSOWSKY
Este multi instrumentista e produtor de 25 anos radicado en Madrid é unha figura salientable da escena musical alternativa madrileña, caracterizada pola fusión de xéneros. O seu pseudónimo, Rusowsky, é unha combinación do seu alcume, "Rus", e "Wazowski", unha das personaxes principais de Monstruos S.A. É recoñecido pola súa capacidade narrativa e por expresar o seu mundo interior a través dunha reinterpretación do pop, a electrónica e o trap en español.
SPRINTS
Esta aclamada banda de garage punk e post-punk orixinaria de Dublín, Irlanda, formouse en 2019. Dous anos despois publicou o seu primeiro EP, 'Manifiesto', liderados pola guitarrista e vocalista Karla Chubb xunto aos seus amigos da infancia Colm O'Reilly, Jack Callan e Sam McCann. En 2024 e tras a marcha de O'Reilly, a banda contou cunha sucesión de guitarristas invitados para a súa xira antes da contratación de Zac Stephenson. O novo cuarteto volveu ao estudo para gravar o seu segundo álbum 'All that is over', publicado o 26 de setembro de 2025 cos sinxelos 'Descartes', 'Rage' e 'Better'.
TSUNAMI ARISE
É unha banda de metal española que chegan á XXXIX edición do Festival Noroeste Estrella Galicia co seu novo traballo 'Mundocadaver'. Resultaron gañadores do XXVIII Concurso de Bandas e Solistas de CUAC FM.
VICENTE CALDERÓN
Ángela Pérez, Elena Sabio, Iker Mazón, Julián Clemente e Rafi Hoppichler forman a banda madrileña Vicente Calderón. Co seu estilo único crearon un espazo onde a extravagancia, o esoterismo e a diversión fusiónanse nunha experiencia musical inigualable, transformando cada actuación nun espectáculo teatral que desafia as expectativas convencionais.
XOSÉ LOIS ROMERO & ALIBORIA
Xosé Lois Romero & Aliboria parte da tradición oral galega para desenvolver unha proposta baseada na voz e a percusión. Desde a súa creación en 2016, o grupo constrúe unha sonoridade propia que dialoga coa música de raíz desde unha perspectiva contemporánea, mantendo sempre un forte vínculo co patrimonio musical galego.
Ao longo da súa traxectoria actuou en moitos dos principais escenarios das músicas de raíz, e a súa música deu lugar tamén a colaboracións con artistas como Amaia, Vetusta Morla e Baiuca, quen reinterpretou parte do seu repertorio no EP Misturas, consolidando o proxecto como unha referencia na renovación da música tradicional galega.
YERAI CORTÉS
A pesar de que a súa traxectoria profesional non fixo máis que comezar e de que, de seguro, agárdalle un apaixoante mundo de aventuras musicais, Yerai Cortés vai camiño de converterse nun clásico. É así porque, ademais de ser o máis cool que lle pasou ao flamenco en moito tempo, a súa música destila unha serenidade e unha madurez insólitas para a súa curta idade.
ZËNZAR
Zënzar (os padriños do rock en galego) nace en Cerceda en 1987 e, dende aquela, non deixou de facer rock. 37 anos despois do seu debut seguen co seu estilo persoal, contundente e guitarreiro que sempre os caracterizou. Cun novo traballo discográfico ás costas (Bla, bla, bla) e cun novo directo, os de Cerceda continúan a defender o seu estilo e potencia musical enriba do escenario.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible