22 de outubro de 2016
O Goberno local reunirase coa veciñanza e comunidade educativa dos Rosales-Agra do Orzán, Mesoiro-Novo Mesoiro e Oza-Castrillón-Os Castros, barrios nos que se ubicarán as ‘ecoHortas’, para coñecer as necesidades reais de cada zona respecto a estes tres novos espazos cultivables
O Concello da Coruña vén de iniciar esta semana o proceso de dinamización e estudo da localización de tres novas hortas urbanas e comunitarias dentro da localidade que estarán á disposición da cidadanía a partir da primavera de 2017. Este tipo de espazos cultivables, as ecoHortas, estarán situadas en terreos de titularidade municipal nas áreas de Os Rosales-Agra do Orzán, Mesoiro-Novo Mesoiro, e Oza-Castrillón-Os Castros, e os seus usos e ubicación definitiva definiranse tras un proceso de consulta que realizará o Goberno local nos meses de outubro, novembro e decembro deste ano coas distintas entidades sociais do barrios nas que se ubicarán, "co obxectivo que se axusten á demanda real de cada unha destas zonas", segundo indica o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela. O edil sinala que iniciativa, impulsada en colaboración coa Concellería de Medio Ambiente, "responde a unha demanda veciñal histórica de creación de espazos destinados a cultivos na cidade", á vez que "reforza o proceso de rexeneración urbana, territorial e ecolóxica da cidade coa potenciación e integración destes espazos, que favorecerán a creación de lugares de desenvolvemento comunitario e de fomento do consumo responsable e de proximidade".
Despois de poñer a disposición da veciñanza a xestión de hortas urbanas con fins educativos e comunitarios no parque Carlos Casares de Monte Alto o pasado mes de maio, o Goberno local amplía o seu compromiso coa creación de tres novos espazos de cultivo, que se situarán en áreas "nas que a demanda veciñal foi maior e máis constante a este respecto", sinala Varela, como son Os Rosales-Agra do Orzán, Oza-Castrillón-Os Castros e Mesoiro-Novo Mesoiro. Neste último caso, Varela expón que "a iniciativa é unha solución a unha necesidade real, que é a de propoñer unha alternativa ao espazo cultivable existente que se perderá coa cesión das parcelas para a construción do novo centro educativo de Novo Mesoiro, e daralle continuidade, no próximo ciclo estacional de plantación, a esta proposta", indicou o responsable municipal.
Para definir a localización na que estarán situadas as tres ecoHortas, o Concello iniciou esta semana os primeiros contactos con axentes sociais --tanto individuais como colectivos-- así como coas comunidades educativas dos distintos barrios, e manterá nos próximos días distintos encontros abertos coa veciñanza nos Centros Cívicos Municipais. Froito destas xuntanzas, que se manterán ata o mes de decembro, o Goberno local poderá valorar "o grado de interese nas hortas e dimensionar a demanda real de cada área, o número potencial de persoas usuarias, as necesidades formativas ou de equipamento, así como os usos finais", afirma Varela, "xa que nalgúns casos poderían ter unha finalidade educativa, como acontece en Monte Alto".
Una vez remate esta primeira fase do proceso, iniciarase a detección e proposta de solos, na que se terán en común, ademais das achegas veciñais sobre as potenciais localizacións, criterios como a proximididade das parcelas, a cualificación urbanística ou a orientación, topografía e calidade edafolóxica do solo. A partir desta preselección, o Concello realizará o deseño previo das ecoHortas, e a valoración aproximada do presuposto para a posta en marcha das mesmas. "En tres meses teremos o proxecto final de cada horta comunitaria, deseñada de xeito colaborativo coas entidades sociais, veciñais e educativas de cada barrio", di o titular da área de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda.
O obxectivo do Goberno local é que, tras a aprobación dos orzamentos municipais e licitación das obras, as ecoHortas estén dispoñibles para a cidadanía no segundo semestre de 2017, e "que sexan xestionadas da maneira máis autónoma posible polas veciñas e veciños dos barrios co apoio e compromiso do Concello", salienta Varela.
A veciñanza que desexe participar neste proceso, poderá asistir aos encontros que se anunciarán nos vindeiros días, así como escribir ao correo electrónico ecohortas.coruna@gmail.com, ou chamar ao teléfono 608.201.251, en horario laboral de 10 a 19 horas, de luns a venres.

3 de decembro de 2025

27 de novembro de 2025

22 de outubro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible