3 de novembro de 2015
O equipo de Goberno convoca este xoves á Xunta de Portavoces, onde trasladará ao resto de grupos as súas demandas en proxectos como a Intermodal, Alvedro, Santa Lucía ou a Ría do Burgo, co obxectivo de aprobalas no próximo Pleno e remitilas despois aos grupos parlamentarios
O Goberno local vén de convocar para este xoves, día 5, unha Xunta de Voceiros na que trasladará ao resto de grupos municipais a súa proposta de emendas aos Orzamentos Xerais da Xunta para o 2016, un documento que incorpora alegacións a un proxecto que, tal e como se explicita na proposta de acordo, resulta "insuficiente en relación a cuestións básicas e demandas amplamente compartidas pola cidadanía, respecto a determinadas actuacións e investimentos que, dada a súa natureza estratéxica e urxencia na súa execución, demandan unha maior dotación orzamentaria e concreción en materia de prazos". O obxectivo do equipo de Goberno é alcanzar un consenso que permita aprobar o documento no Pleno municipal que se celebrará a próxima semana, para posteriormente remitilo a todos os grupos do Parlamento galego, a fin de que as alegacións do Concello da Coruña sexan incorporadas nas emendas destes.
Tal e como se fai constar no documento, o proxecto presentado polo Goberno autonómico "non garante os investimentos necesarios para A Coruña en asuntos de especial transcendencia" como son, entre outros, as dotacións sanitarias –tanto para a continuidade do Plan Director do CHUAC como para a construción do centro de saúde de Santa Lucía–, a mobilidade, no proxecto da estació Intermodal e nun sistema aeroportuario "coordinado, integrado e equilibrado" que integre as tres terminais galegas. O mesmo ocorre con outras actuacións como o saneamento da Ría do Burgo, as partidas destinadas á promoción de vivenda pública, "onde se fai necesaria unha maior aportación e concreción orzamentaria e a súa distribución municipal en relación coa transferencia de capital aos concellos dos plans asociados aos distintos programas de vivenda", ou a potenciación do Consorcio de Promoción da Música –e nomeadamente a da Orquesta Sinfónica de Galicia (OSG)– ou das actividades do Instituto Feiral que, como se fai notar na proposta, adoece dun plan de acción xenérico e falto de concreción e sen a correspondente dotación orzamentaria para acadar os seus obxectivos, como son "a dinamización da da economía, o crecemento e o emprego, así como potenciar a competitividade e fomentar a innovación e a dinamización do comercio galego".
En relación co Plan Director do CHUAC, o Goberno local considera que a dotación orzamentaria de investimento, de 2,97 millóns de euros para o próximo ano e sen dotación plurianual máis aló, "deixa na incertidume a continuidade dos investimentos necesarios para a terceira fase das obras", que contempla dous novos bloques e un aparcadoiro nas Xubias. Neste mesmos eido, a falta de previsión orzamentaria específica para as obras do centro de saúde no actual mercado de Santa Lucía "incumpren", segundo se recolle no documento, os compromisos públicos da Consellería. "O feito de que a data de hoxe non estea formalizado o convenio bilateral da forma de cesión da superficie necesaria para acometer as obras en nada impide a previsión orzamentaria do investimento para o exercicio 2016", fai notar o equipo de Goberno.
En canto ao proxecto para transformar a estación ferroviaria de San Cristóbal nunha estación intermodal que conxunte o AVE e o servizo de cercanías co transporte urbano, metropolitano e de longa distancia por autobús, a proposta de acordo salienta que a previsión orzamentaria, "tanto na súa contía global como na súa desagregación plurianual, limita e reduce o obxectivo estratéxico e vital da súa execución, máis cedo que tarde". Tamén no eido da mobilidade, o documento alerta da aposta da Xunta "por un sistema aeroportuario asimétrico e desigual, onde Alvedro queda destinado a unha función de conexión interna estatal", tal e como se reflicte na memoria do Proxecto de Lei dos Orzamentos, onde se outorga a Lavacolla a proxección internacional, en detrimento dos aeroportos da Coruña e de Vigo.
O Executivo coruñés tamén solicita que nos presupostos da Xunta para este ano que a Administración autonómica contemple partidas específicas para o saneamento integral da Ría do Burgo, cousa que na actualidade non aparece reflectido. Esta demanda complétase co traballo que está a desenvolver o grupo de Goberno municipal para que os orzamentos do Estado tamén inclúan partidas realistas para levar a cabo este demandado proxecto.
En canto ás políticas de vivenda, o Executivo coruñés destaca que "sendo Xestur (Xestión do Solo de Galicia SA) propietaria de algo máis da metade do solo edificable do sector do Ofimático e o feito de que o estado da urbanización executada non impida o outorgamento de licenzas e a construción de inmobles neste sector, non se axusta á previsión de investimento de pouco máis dun millón de euros, o que equivalería a unhas 40 vivendas". Por outro lado, o equipo de Goberno entende que é necesaria "unha maior aportación e concreción orzamentaria, e a súa distribución municipal, en relación coas transferencias de capital aos concellos dos plans asociados aos distintos programas de vivenda, dada a súa evidente insuficiencia", especialmente, os relativos a Fomento da Rehabilitación e Calidade da Vivenda.
Igualmente, o Goberno da Coruña considera "notoriamente insuficiente" a previsión orzamentaria da Xunta de 2,1 millóns de euros para o Consorcio para a Promoción da Música, tendo en conta os obxectivos de potenciación deste órgano e, especialmente, da Orquesta Sinfónica de Galicia (OSG). A intención do Executivo que dirixe Xulio Ferreiro e que, como mínimo, a Administración autonómica aporte o mesmo que o Goberno municipal, cantidade que supera os 3,1 millóns.
A proposta de acordo tamén fai fincapé nas previsións orzamentarias que a Xunta ten destinadas ao Instituto Feiral da Coruña nos seguintes anos (a subvención/transferencia corrente da Consellería de Economía e Emprego é de só 15.000 euros). "O incremento das transferencias podería e deberí posibilitar a execución das accións necesarias para a súa dinamización, en coordinación cos programas previstos polo Concello da Coruña", recollese no documento que será presentado aos grupos da Corporación da Xunta de Portavoces.

8 de outubro de 2025

5 de outubro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible