Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

8 de agosto de 2026

Ginebras traerá ás Noites de María Pita o seu novo disco

A banda madrileña actuará este domingo na praza dentro da programación das Festas de María Pita 2026

As Noites de María Pita recibirán este domingo 9 de agosto a unha das bandas máis destacadas da escena pop estatal. As madrileñas Ginebras actuarán ás 22.00 horas na praza de María Pita, onde presentarán os temas do seu recentemente publicado terceiro traballo discográfico, 'Donde nada es para tanto', nun concerto de acceso gratuíto incluído na programación das Festas de María Pita 2026. 

Formada por Magüi, Sandra, Raquel e Juls, Ginebras consolidouse nos últimos anos como unha das formacións máis recoñecibles do novo pop español grazas a un estilo propio que combina influencias pop e indie, letras autobiográficas e unha personalidade marcada polo humor, a frescura e a reivindicación. A banda chega á Coruña nun momento especialmente significativo da súa traxectoria, tras a publicación de 'Donde nada es para tanto', un álbum que amosa a súa evolución musical e persoal e que entrou directamente no número tres dos vinilos máis vendidos en España na súa primeira semana de lanzamento. O disco combina cancións de ton festivo con outras máis introspectivas e confirma a madurez artística do grupo. 

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou a importancia de contar cunha das bandas máis influentes da escena actual dentro do programa festivo deste ano. "Desde o Goberno de Inés Rey seguimos traballando para ofrecer unha programación musical plural e de máxima calidade. Ginebras representa unha das propostas máis destacadas e influentes do pop español contemporáneo e a súa presenza reforza o nivel artístico das Noites de María Pita", sinalou.

Ao longo da súa carreira, Ginebras acumulou importantes recoñecementos como o Premio Ondas Nacional de Música ao Fenómeno Musical do Ano 2024, o Premio Odeón ao Mellor Artista Revelación Alternativo, o Premio MIN á Mellor Letra Orixinal e diversos galardóns nos Premios +Músicas. 

A banda conta ademais cunha sólida traxectoria sobre os escenarios, actuando nos principais festivais do país e enchendo salas de referencia como o Movistar Arena de Madrid. A súa carreira internacional levounas tamén a escenarios de México, Colombia ou Mali, consolidándoas como unha das formacións españolas con maior proxección exterior. Durante o concerto na Coruña, o público poderá escoitar algúns dos seus temas máis coñecidos, así como as novas cancións dun álbum no que o grupo amosa unha faceta máis rockeira e contundente, sen renunciar á frescura e á personalidade que caracterizan o seu son. 

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión