9 de agosto de 2026
A produción de Ártika Teatro representarase o luns 10 de agosto dentro da programación festiva da cidade
As Festas de María Pita 2026 continuarán este luns 10 de agosto cunha das grandes propostas familiares da programación deste verán. O espectáculo 'O Libro da Selva. O musical', producido por Ártika Teatro, chegará á cidade cunha reinterpretación contemporánea do clásico de Rudyard Kipling que combina teatro, música en directo, coreografías e unha potente posta en escena visual.
A montaxe presenta unha lectura actualizada da historia de Mowgli, convertendo a selva nun espazo simbólico inspirado na propia cidade e trasladando os personaxes a códigos culturais próximos ás novas xeracións. A proposta aborda cuestións como a diversidade, a convivencia, a cooperación, a identidade e a sustentabilidade ambiental, mantendo ao mesmo tempo a esencia da obra orixinal.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou a importancia de incluír espectáculos familiares de gran formato na programación municipal. "Desde o Goberno de Inés Rey queremos que as Festas de María Pita sexan unha celebración para todas as idades. 'O Libro da Selva' é un exemplo de como é posible combinar entretemento, calidade artística e transmisión de valores nun espectáculo pensado para compartir en familia", sinalou.
A obra segue a historia de Mowgli, unha nena criada por unha manada de lobos que debe atopar o seu lugar dentro da comunidade. No seu percorrido atopará figuras tan coñecidas como Baloo, Bagheera, Kaa ou Shere Khan, personaxes que simbolizan distintas formas de entender o mundo e que acompañan á protagonista nun proceso de aprendizaxe sobre a convivencia e a cooperación.
Un dos elementos máis singulares da produción é a súa aposta estética. Os animais do relato clásico transfórmanse en tribos urbanas contemporáneas: os lobos inspíranse na cultura punk, os monos no hip-hop, Kaa incorpora influencias flamencas e Shere Khan aparece asociado a unha imaxe de poder e autoridade contemporánea. A montaxe destaca tamén pola súa aposta pola música orixinal e por unha escenografía que combina elementos naturais e urbanos. Estruturas metálicas, grafismos luminosos, coreografías dinámicas e unha importante dimensión visual contribúen a converter o espectáculo nunha experiencia inmersiva para o público.
A produción está dirixida por Marcos Alonso e conta cun elenco formado por Rocío Salgado, Yoel Alonso, Fernanda Barrio, Marcos Alonso e Irene Lorenzo, intérpretes especializados en teatro musical e familiar.

9 de agosto de 2026

8 de agosto de 2026

6 de agosto de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible