29 de xullo de 2026
Inés Rey presentou unha programación que contará con artistas galegos e internacionais, actividades participativas e a implicación das principais entidades de cultura tradicional da cidade
A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá unha nova edición da Romaría de Santa Margarida, unha das citas máis emblemáticas das Festas de María Pita, que se celebrará os días 28, 29 e 30 de agosto no parque de Santa Margarida cun amplo programa de concertos, obradoiros, actividades participativas e encontros arredor da cultura tradicional galega. Estivo acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, representantes das entidades colaboradoras e artistas participantes.
"Esta romaría representa moi ben a cidade que queremos seguir construíndo: unha Coruña orgullosa das súas raíces, aberta ao mundo e que entende a cultura como un espazo de encontro e convivencia", sinalou a alcaldesa durante a presentación.
A programación arrancará o venres 28 de agosto cun concerto especial no Planetario da Casa das Ciencias a cargo de PÄRBO, o proxecto formado por Begoña Riobó e Anxo Pintos, acompañado das creacións visuais de Montse Piñeiro. A continuación, o anfiteatro de Santa Margarida acollerá a tradicional Gran Noite do Folclore, coa participación de Son d'Aquí, Donaire, Xacarandaina e Cántigas da Terra, catro das entidades máis representativas da cultura tradicional na cidade.
O sábado 29 será a xornada máis participativa, coa instalación dun espazo de obradoiros, mostra de entidades e artesanía musical na explanada da Casa das Ciencias. O músico Benofán protagonizará a actuación do mediodía e, xa pola tarde, a Real Banda de Cadeiras Encartables percorrerá o parque antes dos concertos de Unto Vello, Os Viqueiras e Alana no anfiteatro.
A Romaría pecharase o domingo 30 de agosto cunha programación que combinará tradición e novas expresións da música de raíz. A Banda Municipal de Música da Coruña actuará xunto a Donaire na escalinata da Casa das Ciencias, mentres que ao longo da xornada pasarán polos diferentes escenarios Pansenfron, Son Galaico, Herbamora, Mondra e o grupo irlandés Dervish, unha das formacións máis recoñecidas da música celta a nivel internacional.
Inés Rey destacou a importancia das asociacións culturais da cidade na organización da romaría. "Esta celebración é tamén unha homenaxe ás persoas e entidades que levan décadas preservando, divulgando e renovando o patrimonio musical galego. Grazas ao seu traballo, a cultura tradicional continúa viva e segue chegando ás novas xeracións", indicou.
A alcaldesa puxo tamén en valor o equilibrio entre tradición e contemporaneidade que caracteriza a programación deste ano. "A Romaría de Santa Margarida é un lugar onde conviven as agrupacións históricas da cidade, as novas voces da música galega e artistas internacionais que comparten unha mesma raíz atlántica. Esa combinación é unha das grandes fortalezas desta cita", apuntou.
A Romaría de Santa Margarida constitúe cada ano o gran peche das Festas de María Pita e consolídase como unha das principais celebracións da cultura tradicional galega no calendario estival da cidade. Durante tres días, o parque volverá converterse nun espazo de encontro para milleiros de persoas arredor da música, do baile, da artesanía e das tradicións populares.
Programación da Romaría de Santa Margarida
Venres, 28 de agosto
18.00 e 19.00 h - Planetario da Casa das Ciencias - PÄRBO (Begoña Riobó e Anxo Pintos) con visuais de Montse Piñeiro - Entradas na páxina web da Casa das Ciencias.
21.00 h - Anfiteatro de Santa Margarida - Gran Noite do Folclore: Son d'aquí, Donaire, Xacarandaina e Cántigas da Terra.
Sábado, 29 de agosto
Domingo, 30 de agosto

28 de xullo de 2026

28 de xullo de 2026

14 de xullo de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible