22 de decembro de 2017
Tras este trámite, as contas municipais para o próximo exercicio serán aprobadas de forma inicial en Pleno o vindeiro venres, 29 de decembro
O executivo municipal tamén abriu o prazo de solicitudes para axudas á rehabilitación de vivenda en Mariñeiros e Elviña por un valor conxunto de 1,45 millóns de euros
A Xunta de goberno local aprobou esta mañá o proxecto de Orzamentos Municipais para 2018, que será debatido en Pleno o próximo venres, 29 de decembro, de forma que, previsiblemente, o presuposto para a cidade será aprobado de forma inicial antes de rematar o ano. Nunha comparecencia ante os medios, o alcalde, Xulio Ferreiro, recordou que o órgano de goberno deu luz verde a uns orzamentos expansivos e de impulso á cidade que ascenden a 246,8 millóns de euros, 7,4 millóns máis que as previsións iniciais de 2017 e un cremento do 3,1%. O rexedor recordou que se trata do "maior orzamento municipal dos últimos dez anos, excluíndo os exercicios electorais de 2011 e 2015", sendo determinante nesta evolución "a capacidade do goberno local para a captación de fondos externos". Así, no capítulo VII, correspondente ás transferencias de capital destacan as contías procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que por medio do programa EIDUS (Estratexia Integrada de Desenvolvemento Urbano Sostible) aportan 5,4 millóns de euros ao orzamento. Nestas contas expansivas tamén inflúen as transferencias procedentes da Deputación da Coruña, nomeadamente en relación ao protocolo asinado para o cofinanciamento das obras de substitución das cubertas do estadio de Riazor, para as que o ente provincial achegará un millón de euros, e o carril bici metropolitano, que suporá unha achega de 355.000 euros.
Á marxe, o rexedor tamén deu conta do resto de asuntos que foron aprobados esta mañá pola Xunta de goberno, entre os que destaca a adxudicación dunha parcela de titularidade municipal situada na rúa José María Rivera Corral, no polígono de Agrela, a favor de Hijos de Rivera SAU, o único licitador que se presentou ao procedemento de alleamento mediante poxa pública posto en marcha pola administración local, e que establecía un prezo polo terreo de 3.539.330 euros. "Para nós é unha moi boa noticia xa que con esta actuacións garántese o futuro da fábrica de Estrella Galicia no polígono, xa que as súas instalacións serán ampliadas, xerando emprego na Coruña e en toda a área metropolitana", comentou Ferreiro.
Este proceso vén precedido dunha modificación do planeamento urbanístico (aprobado de forma definitiva polo Pleno o pasado mes de maio) para cambiar a clasificación do terreo, que albergaba o campo de fútbol de Agrela II, a solo de uso industrial-comercial, e que a súa vez deriva dun protocolo entre o ente municipal e a empresa Hijos de Rivera, asinado en marzo de 2015 e modificado a través dunha addenda en maio de 2016, a través da cal a empresa se comprometeu a presentarse á poxa. Esta adxudicación é un paso fundamental despois dun intenso traballo de preto de dous anos, que supón, en paralelo, a ampliación e mellora do campo de fútbol de Eirís, a onde se traslada a actividade deportiva que se desenvolvía en Agrela II.
Ao prezo de poxa da parcela de 3,5 millóns de euros, hai que sumar os gastos que deberá asumir a entidade adxudicataria, en virtude da negociación do goberno local coa empresa que frutificou na addenda ao convenio de 2015, en relación ao campo de fútbol de Eirís, en canto ao financiamento para acondicionalo e trasladar alí a actividade deportiva, o que suma 1,259 millóns de euros. "Falamos, pois, dunha operación que se eleva a preto dos cinco millóns de euros, e moi importante para o futuro empresarial da cidade e para o futuro do emprego, tendo en conta ademais que a empresa que resultase adxudicataria comprometiase a solicitar unha licenza de edificación no prazo de seis meses, para comezar a obra no prazo doutros seis a contar desde a concesión da licenza, e tela lista en dous anos desde a concesión, de xeito que a actividade económica se inicie nun prazo máximo de tres anos", salientou.
Tamén se deu o visto e prace a un investimento de 881.000 euros destinado a realizar obras de accesibilidade en máis de 500 puntos do entorno dos Mallos, especialmente en pasos peonís e 17 paradas de bus. O primeiro edil explicou que "coa aprobación deste gasto, damos luz verde aos pregos do proxecto que permitirá acometer estas actuacións, que vén de ser axustado á realidade actual da cidade". Desta forma, ao longo do próximo exercicio, o Concello acometerá obras encamiñadas a favorecer a accesibilidade universal neste ámbito, "adaptando beirarrías e espazos públicos e gañando espazo para o peón".
Rehabilitación
No que atinxe a actuacións de rehabilitación, o executivo municipal habilitou a apertura do prazo para solicitar axudas para a realización de obras de rehabilitación de edficios e vivendas en Mariñeiros e San Vicente de Elviña. "Trátase de subvencións por valor total de 1,45 millóns de euros que se poderán solicitar durante dous meses, a contar dende o día seguinte da publicació da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, e que terán unha contía máxima de 11.000 euros por vivenda", explicou. Financiado por Concello, Xunta de Galicia e Deputación, a área de rehabilitación de Mariñeiros ten reservada unha partida de 1,3 millóns de euros, sendo 150.000 a cantidade asignada á segunda fase de Elviña.
Seguridade Cidadá
No relativo á área de Seguridade Cidadá, o rexedor salientou a aprobación da tramitación anticipada do expediente para a contratación do servizo de salvamento, socorrismo, vixiancia e primeiros auxilios por un máximo de 434.000 euros. Trátase dun contrato dun ano, prorrogable por dous que ten como novidade "a unión, nun só contrato, do servizo de transporte sanitario co de salvamento, de forma que se gana en coordinación e axilidade". Por outro lado, a Xunta de goberno local tamén aprobou o expediente para a adquisición dun vehículo auto-escaleira para o servizo de extinción de incendio. Este novo modelo terá un chasis moito máis estreito, o cal favorecerá que con ela se poida acceder a zonas moito máis reducidas e estreitas. Ademais, poderá chegar aos 20 metros de altura.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible