3 de agosto de 2026
Depol, Chiara Oliver, Enol, Adexe y Nau, Daniela Blasco e Chema Rivas estarán entre os artistas que actuarán este martes 4 de agosto dentro das Noites de María Pita
As Noites de María Pita continuarán este martes 4 de agosto cun dos eventos máis multitudinarios e agardados da programación das Festas de María Pita 2026. A partir das 22.00 horas, a praza de María Pita converterase no escenario de Los40 Summer Live 2026, unha das grandes xiras musicais gratuítas do verán, que fará parada na Coruña cun cartel integrado por algunhas das artistas e formacións máis destacadas do pop e da música urbana actual.
A cita reunirá sobre o escenario a Depol, Lola Tuduri, Enol, La Beba, Cesar AC, Adexe y Nau, AWY, Chiara Oliver, Pikete, Daniela Blasco e Chema Rivas, ademais da participación de David Álvarez, DJ de Los40 e encargado de conducir a festa ao longo da noite. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou a importancia de incorporar este tipo de formatos á programación municipal. "Desde o Goberno de Inés Rey apostamos por unha programación diversa que chegue a públicos de todas as idades. Los40 Summer Live conecta especialmente coa mocidade e permite que A Coruña forme parte dunha das xiras musicais gratuítas máis importantes do verán en España", sinalou.
O cartel combina diferentes sensibilidades musicais, reunindo algunhas das voces emerxentes máis destacadas do panorama estatal. Entre elas figura Depol, convertido nun dos principais expoñentes do novo pop español grazas á súa combinación de melodías directas, letras emocionais e unha crecente presenza nos grandes eventos musicais. Tamén destaca a presenza de Chiara Oliver, unha das artistas con maior proxección da nova xeración do pop e unha das voces saídas de Operación Triunfo que logrou consolidar unha importante comunidade de seguidores arredor da súa carreira musical.
A programación contará ademais con nomes como Enol, representante da nova escena pop urbana; Lola Tuduri, unha das promesas máis destacadas do pop actual; e La Beba, artista que combina pop, electrónica e unha forte identidade propia. A vertente máis festiva da noite chegará da man de artistas como Chema Rivas, Cesar AC e Daniela Blasco, que achegarán ritmos urbanos, influencias latinas e propostas especialmente pensadas para o directo.
Entre os nomes máis recoñecidos para o público novo figuran tamén Adexe y Nau, o dúo canario que acadou unha enorme popularidade a través das plataformas dixitais e que chega á Coruña cun repertorio que acompañou a toda unha xeración de seguidores. A cita contará tamén cunha importante representación do talento local e galego. A banda coruñesa AWY (Another Wasted Year) será a encargada de representar a escena musical da cidade, mentres que Pikete achegará ao cartel a nova escena urbana galega.

31 de julio de 2026

31 de julio de 2026

30 de julio de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible