24 de agosto de 2015
O alcalde salienta a boa sintonía co presidente da Deputación tras a súa primeira visita á institución provincial, na que asinou no Libro de Ouro
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, mantivo na mañá deste luns unha reunión co presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que serviu para dar impulso ao proxecto da residencia universitaria da Coruña, no que ambas as dúas administracións traballarán “da man” coa Universidade. “Concello e Deputación teñen claro que este ano podemos sacar un proxecto serio para a residencia na cidade da Coruña, que é tan necesaria e pola que levamos tantos anos agardando”, salientou ao remate da reunión o alcalde da Coruña, que destacou o feito de que “por fin” unha institución provincial amose sensibilidade co tema. “Podemos dicir que este ano isto pode comezar a andar”, reiterou Ferreiro. Neste sentido, González Formoso lembrou que o da residencia universitaria foi o primeiro proxecto que o alcalde coruñés lle trasladou no seu primeiro encontro institucional e subliñou a necesidade “dunha universidade que dea servizo a toda a provincia e a todo o país”.
Ferreiro cualificou como “moi positiva” a xuntanza, que se produce na súa primeira visita institucional á sede da Deputación, na que o rexedor asinou no Libro de Ouro da institución provincial. Nela abordáronse tamén outros temas, como o plan municipal de erradicación dos asentamentos precarios, no que o Goberno provincial amosou a súa disposición a colaborar. “O compromiso político do presidente de Deputación foi claro e é algo no que tamén traballaremos xuntos”, adiantou Ferreiro.
O encontro serviu tamén ao alcalde para pedirlle ao presidente da Deputación “un esforzo” para apoiar á OSG de cara ao seu 25 aniversario, que se celebra no 2016. “Creo que tamén neste sentido a Deputación vai estar á altura das circunstancias e vainos axudar con esa institución, tan importante para a cidade e para toda a provincia, que leva o nome da Coruña por todo o mundo”, avanzou Ferreiro, quen remarcou tamén o compromiso de que a Sinfónica e o Consorcio para a Promoción da Música se impliquen en toda a provincia.
A Mariña
Por outra parte, a preguntas dos medios, o alcalde deixou patente este luns o “ánimo construtivo” co que se encara a reunión coa Autoridade Portuaria prevista para mañá. “O que se pretende é que eses terreos portuarios poidan ser xestionados da mellor forma para toda a cidade, que todos nos impliquemos para mellorar as condicións dos veciños e as veciñas. Isto con liortas non se arranxa”, entende Ferreiro. “Queremos que as cousas se fagan ben e para iso cada un ten que cumprir coas súas obrigas”, engadiu o rexedor, e lembrou que a Autoridade Portuaria ten entre as súas obrigas pedir a autorización municipal para a obra e presentar o proxecto. “Desde logo a nosa predisposición é a de arranxar as cousas, pero tendo en conta sempre o respecto á legalidade”, indicou.
En relación ás declaracións da conselleira de Medio Ambiente sobre o papel da Xunta nas obras, o alcalde reiterou a competencia que lle outorga a LOUG en procesos de reposición á legalidade urbanística de espazos que, como ocorre cos terreos da Mariña, están cualificados como libres ou zonas verdes. “Cada administración ten que asumir as funcións que lle corresponden legalmente”, sinalou, antes de valorar que “o importante non é o que diga a conselleira diante dun micro senón o que diga a Xunta nun expediente”. Con todo, o alcalde mostrouse confiado en que o Concello poida chegar a un acordo coa Autoridade Portuaria que faga innecesaria a intervención da Xunta. “Esa é a nosa prioridade”, afirmou.

8 de outubro de 2025

5 de outubro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible