6 de agosto de 2026
DJMIL, Rey DJ, La Yaya DJ, Sofie Peries, Saya DJ e Monkey Mambo Club ‘pincharán’ nas súas sesións de venres a domingo
Ata o 12 de agosto, ofrecerá propostas de ocio familiar co obxectivo de divulgar e sensibilizar ao público en favor do medio ambiente e o desenvolvemento sostible do rural
O Mercado da Colleita volve ao Festival Noroeste Estrella Galicia convertido nun punto de encontro dalgunhas das iniciativas que están a transformar o rural galego nunha contorna máis próspera, innovadora e sostible. Unha programación pensada para todos os públicos que combina divulgación, experiencias gastronómicas, creatividade e música.
O concelleiro de Cultura e Turismo do Concello da Coruña, Gonzalo Castro; o responsable do Mercado da Colleita, Marcos Pérez; a directora de Márketing de La Tita Rivera O Portiño, Noa Pérez, e Óscar Vales, responsable de We Sustainability, supervisaron este xoves as tarefas de montaxe do Mercado da Colleita no Portiño. Castro destacou que "o Goberno de Inés Rey segue a apostar por propostas que reforzan a identidade cultural da Coruña e achegan á cidadanía experiencias vinculadas á sustentabilidade, á creatividade e ao talento do rural galego".
Como en edicións anteriores, o Mercado da Colleita contará coa participación de proxectos que son referencia no seu ámbito: Airas Moniz, Calabizo, Cortes de Muar, Maremonte, Galo Celta, A Castrexa, Lenatt, Mariñeiras Daveiga, Sacrapastas e Horta da Lousa. Todas estas iniciativas están presentes con actividades como degustacións, obradoiros e presentacións, que permitirán ao público coñecer de preto os seus produtos, valores e maneiras de traballar.
O espazo contará tamén coa presenza de We Sustainability, que ofrecerá actividades creativas e manualidades con materiais reutilizados, enmarcados nos seus programas de conciencia-acción ambiental, pensadas especialmente para público familiar.
As actividades comezarán o venres en horario de 15.30 a 20.00 horas, e o resto de días, ata o 12 de agosto, de 12.00 a 20.00 horas. Para concretar os horarios dalgunhas das actividades, haberá un punto de información de Estrella Galicia no Portiño. As degustacións e obradoiros requiren inscrición previa presencial en dito espazo.
Neste contexto, tamén haberá actuacións musicais. Correrá a cargo dos picadiscos DJMIL o venres 7 de agosto de 16:00 a 19:00 horas; Sofie Peries o sábado 8 de agosto de 12:00 a 15:00 horas e Saya DJ de 16:00 a 19:00 horas; e o domingo 9 de agosto, Rey DJ de 12:00 a 13:30 horas; La Yaya DJ de 13:30 a 15:00 horas e Monkey Mambo Club de 16:00 a 19:00 horas.
Sobre o Mercado da Colleita
O Mercado da Colleita é unha iniciativa de impacto positivo impulsada por Hijos de Rivera, cuxo propósito é contribuír activamente á transformación do rural nun medio máis próspero e sostible. Ao longo de máis de dez anos, o proxecto promoveu exemplos reais de artesáns e produtores rurais que, mediante modelos de xestión e negocio innovadores, amosan que esta visión de futuro non só é necesaria, senón tamén viable e diferencial.
A proposta do Mercado da Colleita artéllase a través de accións de investigación, concienciación e divulgación, coas propias iniciativas rurais como protagonistas e inspiración para o cambio que a nosa contorna precisa.

6 de agosto de 2026

3 de agosto de 2026

31 de xullo de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible