31 de xullo de 2026
Os Xardíns de Méndez Núñez acollerán, un ano máis, a Feira do Libro e Mostrart desde o 1 de agosto
A Coruña inicia este sábado 1 de agosto as Festas de María Pita co pregón de Lucía Veiga e a actuación de Luz Casal, así como a apertura da Feira do Libro e Mostrart. A cantante de Boimorto será a primeira artista do programa festivo, nun concerto co que dará comezo un mes de actividades culturais e musicais en diferentes espazos da cidade. Antes, a actriz coruñesa e presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga, será a responsable de dar o pregón desde o balcón do Palacio Municipal de María Pita.
Luz Casal presentará o seu novo espectáculo, 'Me voy a permitir', un proxecto no que ofrece "o traballo máis ecléctico e inclasificable da súa carreira", no que amosa dez formas de entender o mundo a través de dez cancións. A artista reivindica neste directo a liberdade creativa e a súa capacidade para transitar entre estilos, desde a chanson francesa ao rock, consolidándose como unha das intérpretes máis versátiles do panorama musical.
Este novo espectáculo configura unha ponte entre pasado e futuro, na que Luz Casal reafirma a súa condición de compositora intuitiva e intérprete excepcional, capaz de habitar cada canción con personalidade propia. Cunha traxectoria consolidada e o recoñecemento do público e da crítica, a artista será a encargada de abrir "un cartel que converterá A Coruña nun referente cultural durante todo o mes de agosto, con propostas musicais de todos os estilos e para todos os públicos", indicou Inés Rey, alcaldesa da Coruña.
"Entramos de cheo nun mes de máxima actividade na Coruña e facémolo cun programa pensado no conxunto da cidadanía e tamén nas persoas que nos visitarán este mes, mantendo as propostas xa clásicas que marcan estas datas, como as Noites de María Pita, o Festival Noroeste Estrella Galicia ou Viñetas desde o Atlántico, á vez que melloramos e diversificamos o seu contido", indicou a alcaldesa.
As festas arrancarán oficialmente co pregón da actriz coruñesa Lucía Veiga, que asumirá o papel de pregoeira nesta edición. Coa súa participación, o Concello aposta por unha figura destacada da cultura galega contemporánea para dar inicio ás celebracións, reforzando o vínculo entre a programación festiva e o talento local. Lucía Veiga (A Coruña, 1979) é unha actriz dos Mallos cunha sólida traxectoria no teatro, o audiovisual e a comedia. Formada en interpretación e cunha destacada presenza na escena galega, combinou ao longo da súa carreira montaxes teatrais con participación en series e programas de televisión, onde acadou gran popularidade polo seu talento para a interpretación e o humor. Nos últimos anos consolidouse tamén como unha das voces máis recoñecibles da comedia en Galicia, cun estilo persoal que mestura retranca, frescura e crítica social, converténdose nunha figura moi querida polo público. Un dos grandes fitos da súa carreira foi a súa candidatura para os Premios Goya polo seu papel en 'Soy Nevenka'.
Mostrart
Tamén o día 1 de agosto abrirá ao público a edición número 42 de Mostrart, feira de referencia en Galicia de artesanía e unha das máis importantes do Estado. Ata o 30 de agosto, os Xardíns de Méndez Núñez acollerán a máis de 65 artesáns distribuídos en 45 casetas, ademais dun amplo programa de actividades gratuítas pensado para achegar a artesanía ao público de todas as idades.
A feira ofrecerá unha ampla mostra da artesanía contemporánea, combinando tradición, innovación e deseño a través de pezas únicas realizadas por obradoiros de diferentes especialidades. Da totalidade de participantes, 56 proceden de Galicia e 12 doutras comunidades autónomas, unha representación que reafirma tanto o compromiso da feira coa artesanía galega como a súa capacidade para atraer obradoiros de referencia doutros puntos do Estado.
Como cada verán, Mostrart volverá complementar a súa oferta expositiva cun amplo programa de actividades gratuítas pensado para achegar a artesanía á cidadanía. Baixo a denominación Oficios ao Sol, a feira ofrecerá obradoiros participativos e gratuítos nos que o público poderá descubrir diferentes técnicas e oficios artesáns da man de profesionais do sector. Os obradoiros desenvolveranse de luns a xoves durante todo o mes de
Por outra banda, Mostrart volverá ofrecer visitas guiadas gratuítas pola feira, unha actividade pensada para achegar ao público o traballo das persoas artesás participantes e descubrir as técnicas, materiais e historias que se agochan detrás de cada creación. As visitas celebraranse todos os venres do mes de agosto, en dous pases diarios, ás 11.30 h e ás 18:00 h, e estarán dirixidas a grupos reducidos para ofrecer unha experiencia máis próxima e participativa.
Ademais, nesta 42ª edición, Mostrart reforza a súa colaboración co festival Viñetas desde o Atlántico, participando con pezas de artesanía nas exposicións que se celebran no Kiosco Alfonso e na sala Casares Quiroga. A imaxe de Mostrart 2026 é obra da ilustradora coruñesa Inés Vázquez, autora do cartel desta edición. Ademais, a artista participa na exposición "Elas son fantásticas", que poderá visitarse na sala Salvador de Madariaga, onde o público terá a oportunidade de coñecer o proceso creativo que deu lugar á imaxe oficial da feira.
Feira do Libro
Por outra banda, este sábado 1 tamén arrincará a Feira do Libro da Coruña nos xardíns de Méndez Núñez, coa participación de 38 librarías da cidade e do conxunto de Galicia. Estará aberta ata o 10 de agosto e o seu horario de apertura será de 11.00 a 14.00 e de 17.30 a 21.30 horas.
O acto de apertura contará coa ilustradora coruñesa e Premio Nacional do Cómic, Bea Lema, como pregoeira. Durante as dez xornadas da feira haberá diferentes actividades e encontros literarios, así como sesións de sinaturas de destacados autores e autoras nas casetas das librarías.
Servizo especial de autobuses
O Concello da Coruña activa o vindeiro sábado, 1 de agosto, un dispositivo especial de mobilidade de cara ás Festas de María Pita. Un servizo que implicará un reforzo nas liñas de autobús operativas á finalización dos concertos. O obxectivo do Goberno de Inés Rey con esta medida é favorecer o desprazamento da cidadanía aos concertos que se celebrarán na praza de María Pita os días 1, 2, 3, 4, 5, 6, 9, 10, 11, 12, 13, 15 e 16 de agosto.
O servizo cubrirá todas as actuacións que se celebran na praza durante a primeira quincena de agosto, incluíndo o programa Noites de María Pita e os concertos da praza do Festival Noroeste Estrella Galicia. Este dispositivo, con saídas centralizadas desde Porta Real, estará habilitado a partir das 00.00 horas. Así as liñas nas que está previsto un reforzo do servizo son as seguintes:
Ademais, todos os días, estará en funcionamento o servizo nocturno de autobús no sentido de circulación inverso a partir das 00.05 horas: Porta Real - Os Castros - O Castrillón - Monelos - Eirís - Palavea - Rolda de Outeiro; e de circulación habitual a partir das 00.30 horas: Labañou - Rolda de Outeiro - O Birloque - Novo Mesoiro.

31 de xullo de 2026

30 de xullo de 2026

29 de xullo de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible