30 de xullo de 2026
Inés Rey: “Viñetas é un proxecto que medra cada ano e transforma a cidade, levando o cómic a museos, salas de exposicións, bibliotecas e espazos públicos”
Na inauguración da mostra de Palexco a alcaldesa e o director do festival descubriron as dúas novas figuras que xa forman parte da colección do Viñeta: a da illa remeira Marcopola e a de Dragoneta
O universo de 'Marcopola' e 'Os Simpsons' xa se pode gozar desde este xoves na Coruña. A sala de exposicións municipal de Palexco abriu as súas portas a dúas das mostras máis agardadas dentro da programación de Viñetas desde o Atlántico 2026. As exposicións individuais do autor galego Jacobo Fernández e a colección persoal do internacional Raúl García se consolidan como o grande avance expositivo do certame antes da súa semana central.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, foi a encargada de inaugurar unha das mostras "estrela" deste Viñetas e que, sen dúbida, será un dos principais focos de atención para o público familiar. Un festival que vén cargado de propostas e iniciativas que converterán a cidade na capital da banda deseñada do Estado este agosto. Na súa intervención a rexedora afirmou que "Viñetas desde o Atlántico non é só unha semana de actividades en agosto, é un proxecto cultural que medra cada ano e que transforma a cidade durante meses, levando o cómic a museos, salas de exposicións, bibliotecas e espazos públicos"
"Estamos ante unha edición de récord, con máis de setenta autores e autoras, decenas de exposicións e máis dun cento de actividades que volverán encher A Coruña de cultura e creatividade. Un festival que este ano pon o foco na memoria social e democrática, demostrando que a banda deseñada é unha ferramenta poderosa para contar historias, reflexionar sobre o pasado e entender mellor o presente", indicou a alcaldesa, quen engadiu que "desde o Goberno municipal temos claro que a cultura non é só entretemento, senón tamén coñecemento, pensamento crítico, memoria e convivência; e por iso seguimos apostando por un Viñetas aberto, diverso, accesible e conectado coa realidade social do noso tempo".
Pola súa parte, o director do festival puxo o acento na calidade e espectacularidade da montaxe realizada nas instalacións de Palexco. Manel Cráneo amosou a súa confianza en que esta mostra será un polo de atracción para o numerosísimo público familiar que acude ao festival ano tras ano. Nese sentido destacou a calidade da mostra que recolle a traxectoria artística do recoñecido autor galego Jacobo F.S. dende os seus inicios ata o último número das aventuras de Marcopola e o "gancho" que sen dúbida supón a colección do animador Raúl García e a mostra de orixinais da popularísima serie 'Os Simpsons'.
Durante as súas intervencións, tanto Jacobo Fernández como Raúl García destacaron a importancia de estar presentes nun festival co prestixio do Viñetas cun espazo desta relevancia.
O universo Marcopola e Os Simpson
A mostra protagonizada polo universo do galego Jacobo Fernández amosa a aposta polos contidos de calidade destinados ao público infantil do Viñetas e permitirá aos cativos a cativas percorrer o imaxinario persoal e creativo de Jacobo F.S., desde os seus primeiros pasos en Os amigos de Archimboldo Roque, ata Marcopola, a illa remeira máis famosa da banda deseñada en España e que xa forma parte da colección de figuras do Viñetas xunto con Dragoneta. A descuberta destas dúas figuras foi un dos eixos do evento.
Todo isto formando parte duhna espectacular posta en escena na que colaborou un grupo de alumnado da EASD Pablo Picasso. Paralelamente, a exposición "Un paseo por Springfield. Os Simpson na colección de Raúl García" ofrecerá a oportunidade única de desfrutar duhna coidada selección de merchandising, libros icónicos e cómics da universal familia amarela.
A expo inclúe xoias exclusivas como debuxos orixinais e dedicatorias asinadas polo propio Matt Groening. Cabe destacar que Raúl García, ademais de posuír este valioso arquivo, traballou directamente en varios episodios da serie norteamericana e ostenta o fito de ter sido o primeiro animador español en formar parte dos estudios Disney.
Un avance de todo o que ofrecerá Viñetas desde o Atlántico 2026
Estas inauguracións en Palexco serven de antesala para a 29ª edición de Viñetas desde o Atlántico, un festival que este ano se centra na memoria histórica e nas reivindicacións sociais, e cuxa semana principal de actividades se celebrará do 10 ao 16 de agosto, expandindo as súas mostras artísticas desde principios de xullo ata finais de setembro.
Baixo un cartel oficial deseñado polo ilustrador galego Miguel Robledo -inspirado en fenómenos astronómicos e na memoria social-, o festival deste ano se reafirma como un dos grandes referentes do noveno arte a nivel estatal. Haberá un gran despregue urbán, con máis de 10 sedes. O evento abandona os recintos únicos para inundar a cidade. Os contidos desta edición se distribuirán en localizacións emblemáticas como o Kiosco Alfonso, o Palacio Municipal de María Pita, a Sala Salvador de Madariaga, a Casa Museo Picasso, a Fundación Luis Seoane e a Casa das Ciencias.
As mostras de Palexco poderán visitarse de forma gratuíta a partir do 30 de xullo de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00.
O Kiosco Alfonso como escenario do cómic de memoria social
Moi preto, no epicentro do festival, o espazo expositivo do Kiosco Alfonso se encherá cunha ampla representación de obras de autores e autoras estatais unidos por un nexo: a memoria democrática e social na España do século XX. Así, os/as visitantes poderán gozar das obras 'O eco dos días rotos', de Alberto Taracido; 'Que el fin del mundo nos encuentre bailando' e 'La piel como única bandera', de Sebas Martín; o xa histórico 'Paracuellos', de Carlos Giménez; 'Aquí donde estoy', de Tyto Alba y María Castro, e 'Caridad del Río', de Pep Brocal.
O programa expositivo se completará coas mostras de Miguel Robledo -autor do cartel desta edición- en María Pita; os premios Castelao na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, Elas son fantásticas, autoras galegas de cómic deste xénero, no mesmo espazo; a exposición de 'ExpoFanzines' de Autobán, na Biblioteca de Estudios Locais; 'Stons', de Xulia Pisón, xa inaugurada na Casa Museo María Pita; unha exposición bibliográfica nas Bibliotecas Municipais, 'Trazos de memoria', e a incorporación da Fundación Luis Seoane como nova sede do festival coa expo 'Cómic palestino. Voces propias. Grito colectivo'. Cabe destacar a incorporación da Casa Museo Casares Quiroga como sede de mostras vinculadas á memoria histórica que, nesta ocasión, albergará 'La guerra civil' de Paul Preston, mostra que recolle o exitoso traballo de adaptación ao cómic das obras do historiador británico realizada polo autor José Pablo García.
Ademais diso, o Viñetas paralelas de 2026 contará con tres sedes: o Circo de Artesáns, cunha expo de colectivos de cómic portugueses, o Bar 13, con Óscar Lojo, e El Tranvía, cunha exposición de Fento Studio.
Máis de 100 actividades para todos os públicos
Especialmente rica é neste Viñetas 2026 a extensa programación de actividades pensadas para todas as idades e intereses e que se distribúen entre as distintas seccións do festival. Máis de 100 propostas entre as que se contan obradoiros, cine, teatro, charlas, visitas guiadas, gravación de podcasts, espectáculos radiofónicos, un concerto ilustrado, encontros con autores e autoras, firmas e maratóns de debuxo.
Entre esta axenda destacan a revisión de proxectos profesionais coa colaboración de editoriais e os podcasts que se gravarán durante a semana do festival coa colaboración de Campamento Kripton, El diario de Kovacs, Freakland e El Nicho.
Toda a programación pode ser consultada en www.vinetasdesdeoatlantico.com.

29 de xullo de 2026

28 de xullo de 2026

28 de xullo de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible