Contos, lendas e encantamentos
A gran maioría dos xacementos arqueolóxicos de Galicia teñen lendas e contos asociados a eles, e Elviña non é unha excepción:
"Todos os veciños da zona saben do encanto das croas no castro de Elviña, porque alí aparecían uns mouros que daban moitas onzas aos veciños que lles levaban gañado, leite ou manteiga: ..."
Unha vez abandonado o castro, esta zona converteuse para os veciños das aldeas próximas nun lugar do monte onde levar o gando e coller toxo, habitado por seres fantásticos, recordos dunha ocupación anterior: os mouros.
"...Os mouros cubrían as casiñas con xestas e terrones, as portas eran moi pequeniñas, os patillos, cuencos e culleres eran de madeira, traballaban de sol a sol."
Relativo ao Castro de Elviña reproducimos o seguinte conto:
"Todos os veciños da zona saben do encanto das croas no castro de Elviña, porque alí aparecían uns mouros que daban moitas onzas aos veciños que lles levaban gañado, leite ou manteiga; e de haber mouros, tamén tiña que haber encanto e tesouro, dise. Así foi como un día hai moitos anos, un neno de Someso, fíxose co libro de San Cibrao e comentoulle ao seu amigo que quería ir con el a levantar o tesouro.
Puxéronse de acordo os dous homes, que tamén eran veciños, fóronse antes de que amencese camiño das Croas, e ao chegar, o do libro fixo todo canto é costume, aínda que ao ler, confundiuse e leu ao dereito como é mandado para os cristiáns, e non ao revés, como tiña que facer, entón, levantouse da terra unha cousa que nunca souberon o que foi, se un refacho de vento ou unha forza estraña e misteriosa, pero, o que se souberon xa que o contaron, que o que foi lanzounos polo aire, como foguetes, e caeron a máis de seiscentos metros do castro, no medio dun prado, preto das casas onde eles vivían.
Tiveron moito medo e correron un perigo moi grande, dise que nunca souberon dicir que fose aquilo que os lanzaba polo aire, nin como sucedera, durante moito tempo, ao pechar os ollos volvía a eles aquela sensación de caer ao baleiro, ademais de estar durante varios días entre a vida e a morte, tras o forte golpe que levaron ao caer contra o chan."
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible