Ilustración de David Sánchez, CC-BY.
Coas cousas de comer non se xoga
Existen obxectos aos que, en principio, podemos non darlles moita importancia, pero que resultan fundamentais no desenvolvemento diario das nosas vidas, como aqueles que nos permiten cociñar, gardar a comida ou a bebida.
A cerámica convértese nun elemento cotián para as persoas desde o Neolítico. Para o traballo da cerámica durante a época castrexa podemos pensar que a forma de fabricala sería, en certa medida, similar á que coñecemos para épocas históricas e mesmo para o caso da cerámica popular ou tradicional.
O primeiro paso para a elaboración dunha peza de barro sería conseguir a materia prima básica, que é a arxila. Para a súa obtención recorreríase á escavación nas denominadas barreiras, empregando algún elemento punzante para a súa obtención. O lóxico é que se empregasen ferramentas semellantes ás utilizadas para os traballos agrícolas, cargando o barro en cestas coas mesmas ferramentas.
Unha vez transportado ao obrador, colocaríase sobre un cepo, probablemente de madeira, e desfaríase con axuda de diferentes útiles de traballo. Así apártanse tamén os refugallos (raíces, pedras grosas e areas) que prexudican a consistencia da peza.
Despois, a arxila gárdase nun espazo húmido e sombreado e, cando estivese curtida, amasaríase. O amasado do barro, convenientemente humedecido, faise coas mans, os pés descalzos ou con mazos no chan sobre unha pedra lisa para ser cocida finalmente.
Desde o punto de vista técnico, na Idade do Ferro utilízase o torno baixo, que permitía elaborar pezas de maior tamaño que en épocas precedentes e máis ou menos uniformes. Consistía nunha roda horizontal que se facía xirar coa man sobre un eixe central. En época romana, coa introdución do torno rápido ou de pé, as pezas conseguirán unha maior uniformidade, calidade e delgadez nas paredes. Ademais da arxila, os outros compoñentes básicos para elaborar cerámica son a madeira, coa que quentar os fornos, e a auga para tratar o barro.
As formas castrexas irán fundamentalmente desde potas de perfís sinuosos a xerras, e aumenta considerablemente o abano tipolóxico coa chegada de Roma.
Os indicios apuntan a que sería unha actividade realizada principalmente por mulleres, de forma especializada, pero como actividade complementaria ás tarefas diarias.
Tamén che pode interesar
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible