Prato de cerámica campaniense, datado no século II a.C. (Museo Arqueolóxico e Histórico do castelo de San Antón da Coruña)
Os comerciantes chegan primeiro, o exército tras deles.
Resultan escasas as pezas de cerámica campaniense atopadas en Galicia. Conservamos algúns exemplares no establecemento romano de Brigantium, na actual cidade da Coruña e no castro de Elviña. De aquí procede este fragmento de prato desta produción de cerámica orixinaria de Italia. Posúe un pigmento negro que cobre a súa superficie, sendo fabricada entre finais do século V a.C. e o I d.C.
Con outros produtos, as cerámicas campanienses foron levadas a través do comercio marítimo, motivo polo que aparecen principalmente vinculadas a castros das áreas costeiras. Pola súa calidade e escaseza, serán consideradas un produto de luxo.
Esta produción compóñena unha serie de vaixelas frabricadas de forma estandarizada, denominadas formas ou tipos, dos que coñecemos as cronoloxías de fabricación e uso. Desta forma, a súa presenza nun xacemento, permite datar os estratos arqueolóxicos con relativa seguridade. As pezas de Elviña foron datadas no século II a.C., o que permitiu verificar o uso do castro durante a devandita centuria, así como a súa importancia dentro das rutas de cabotaxe que seguían os comerciantes procedentes da área mediterránea, bordeando a costa atlántica.
Nas zonas orientais e meridionais da Península Ibérica, a cerámica campaniense relaciónase coa fase de conquista romana. No caso do norte peninsular, este acontecemento producirase con posterioridade, polo que a súa presenza revele o feito de que os comerciantes chegaron antes que o exército á Gallaecia.
Prato de cerámica campaniense, datado no século II a.C. (Museo Arqueolóxico e Histórico do castelo de San Antón da Coruña)
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible