17 de setembro de 2013
O alcalde da Coruña e o presidente do ente comarcal acordan a creación dunha comisión técnica de seguimento que se encargará de elaborar un diagnóstico exacto da planta.
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, e o presidente do Consorcio das Mariñas, José Antonio Santiso, reuníronse esta mañá para analizar a situación actual de planta de Nostián, un encontro de traballo que permitiu afianzar o espírito de "diálogo fluído e permanente" entre ambas as administracións e, sobre todo, tal e como explicou o rexedor coruñés, "blindar o modelo de reciclaxe".
O Concello e o Consorcio das Mariñas acordaron unha serie de medidas dirixidas a "camiñar da man" e "traballar en favor do modelo de reciclaxe" para que sexa un sistema sostible tanto dende o punto de vista ambiental como económico. Neste sentido, ademais da redacción dun convenio de colaboración, o alcalde anunciou que, a partir da próxima semana, unha comisión técnica de seguimento formada por ambas as administracións empezará a analizar as auditorías encargadas polo actual equipo de Goberno local: "Temos unha radiografía da planta, que son as auditorías económica e ambiental, pero agora hai que interpretalas para dar un paso máis. Agora imos traballar conxuntamente no diagnóstico das auditorías", sinalou Negreira.
O alcalde destacou que esta decisión permite "blindar o modelo de reciclaxe de Nostián", o que supoñerá "un antes e un despois" no proxecto, "un avance importante" nas relacións profundas entre Concello e Consorcio para "mellorar a calidade de vida" da cidadanía. "O Consorcio das Mariñas, que representa case o 40% do lixo que se trata na planta, non vai ser un invitado de pedra, non pode quedar á marxe, polo que ten que incorporarse como actor determinante. Temos un compromiso firme para traballar pola sostenibilidade económica e ambiental de Nostián", afirmou Negreira, quen puxo como exemplo o traballo en equipo que xa desenvolven noutros proxectos, como o ciclo integral da auga.
ACORDO DO BIPARTITO
O alcalde e o presidente do Consorcio das Mariñas lamentaron que este clima de colaboración non existise con anterioridade ao actual equipo de goberno da Coruña. Neste sentido, Carlos Negreira lembrou a "pesada laxa" que supuxo para o modelo de Nostián o acordo aprobado polo bipartito a un mes das eleccións -en abril do 2011- e que significou pagar máis e reciclar menos, ao pasar do 65% fixado inicialmente ao do 45% do lixo que chega á planta.
"Este acordo do bipartito é sen dúbida unha pesada carga que tira en contra de que teñamos un bo modelo de reciclaxe; supuxo que, con respecto ao 2010, tratouse un 10% menos de lixo no 2012 e que custe aos coruñeses un 20% máis", explicou o alcalde. Así, o Concello pasou de pagar polo tratamento do lixo 5,1 millóns de euros no 2010 a desembolsar 6,2 millóns no 2012, mentres que as toneladas tratadas pasaron de 112.000 a 104.000.
O alcalde tamén aproveitou para insistirlles á empresa e aos representantes dos traballadores que se reúnan o tempo que sexa necesario para acadar unha solución definitiva. Neste sentido, recalcou que ambas as partes deben acudir á vía da arbitraxe no caso de que sexan incapaces de chegar a un acordo. "Os coruñeses non imos poñer nin un euro máis. De feito, xa pagamos un 20% máis por reciclar menos tras o acordo do bipartito do 2011", sinalou Negreira.
O presidente do Consorcio das Mariñas coincidiu co alcalde á hora de subliñar que a reunión desta mañá foi "moi produtiva" para buscar unha solución definitiva e, sobre todo, porque, a diferenza do que ocorría no pasado, por primeira vez existe unha "vontade de entendemento" entre as dúas administracións.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible