Concello da Coruña

Concello da Coruña

Coruña Sostible

Área de Economía e Planificación Urbana

Cando:

24 de xullo de 2007

As plantas de Nostián e Sogama acadan un acordo para completar o ciclo de tratamento de residuos en Galicia

A Sociedade Galega do Medio Ambiente e o Concello da Coruña, a través de Albada, empresa que xestiona a planta de Nostián, acadaron un acordo técnico no que estiveron traballando durante o último ano e que permitirá completar o ciclo de tratamento de residuos en Galicia.

Mediante este acordo, Sogama acollerá nas súas instalacións a fracción de residuos que Nostián, logo de aplicar as tecnoloxías de tratamento, non pode reciclar, procedendo á súa valorización enerxética; mentres, a planta de Cerceda remitirá a Nostián a parte orgánica do lixo para a súa transformación en compost.

Deste xeito, o Concello da Coruña segue apostando polas políticas ambientais e o tratamento dos residuos urbanos dun xeito eficaz e eficiente, no que foi unha aposta pioneira que foi imitada noutras cidades, de forma que existen plantas similares en España, como as de Barcelona, León e Zaragoza, así como en Francia.

Esta actuación enmárcase no novo Plan Galego de Xestión de Residuos Urbanos, que se encontra en fase de elaboración. Entre os obxectivos do novo plan contémplase o incremento da produción de compost ata o 25%, que a día de hoxe representa en Galicia entre o 3,5 e o 7% do lixo xerado.

O intercambio terá lugar de forma equilibrada, unha vez que as dúas plantas efectúen os axustes técnicos necesarios. Para iso, Nostián adaptará as súas instalacións co obxectivo de elaborar e acondicionar o combustible derivado dos residuos non reciclables (CDR), estimado nunhas 100.000 toneladas/ano, e que logo se transportará ao Complexo Medioambiental de Sogama para ser recuperado, con todos os requisitos medioambientais, en forma de enerxía. Neste sentido, a planta cercedense tamén deberá someterse a unha serie de modificacións que lle permitan procesar este combustible de forma adecuada.

Con este acordo, a política de residuos en Galicia dá un paso máis na aplicación do principio medioambiental para a minimización da xeración de residuos a reutilización e a reciclaxe, a través da recollida selectiva e a transformación en fertilizante da materia orgánica.

Como medida complementaria a este acordo, Sogama e Nostián, co apoio da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e do Concello da Coruña, estenderán a súa colaboración ao ámbito da educación, concienciación e sensibilización ambiental.

Programas de tratamento de residuos na Coruña

A Coruña esforzouse en diminuír os rexeitamentos e mellorar a separación, impedindo a entrada en planta de residuos de orixe non cidadán non debidamente separados ou que contivesen elementos non susceptibles de tratamento. O rexeitamento tamén se baixou en cifras grazas aos acordos de colaboración subscritos con supermercados, mercados, hoteis, polígonos industriais. Moi importante, polo que de novo ten, os convenios postos en marcha o pasado ano nos dous polígonos industriais da cidade para unha recollida que permita a non inclusión de residuos industriais e perigosos, nunha experiencia inédita en Galicia e en poucas cidades españolas.

Hai distintas modalidades implantadas para facilitar a separación e recollida de papel cartón (tres rutas porta a porta en comercios da cidade con máis de 4.000 comercios colaboradores, as dúas rutas nos polígonos industriais para este material, rede de centros colaboradores públicos como colexios, administracións, e o incremento anual do número de colectores instalados para este material).

Complemento importante do Plan foi a entrada en vigor no 2005 da nova Ordenanza de Residuos Municipal cuxa principal novidade reside na distinción, para os efectos de xestión municipal e de obrigas, entre residuos domiciliarios e non domiciliarios e nestes últimos entre pequenos, medianos e grandes produtores.

Datos técnicos de Nostián correspondentes ao 2006

  • Nostián trata os residuos da Coruña e outros oito concellos do Consorcio das Mariñas (318.018 persoas).
  • Entrada de residuos: 189.786 toneladas (108.353 A Coruña e 71.443 Consorcio), aínda que a súa capacidade real de tratamento pode chegar ata as 234.750 toneladas/ano coas dúas quendas de traballo actuais. Non obstante, a incorporación dunha nova quenda de traballo ás liñas de tratamento actuais, ou a introdución de modificacións técnicas, permitirían o incremento da capacidade actual da instalación.
  • Datos de recuperación: 1,3 Kg/habitante/día, fronte ao 1,26 do 2004.
  • Total recuperado de material inorgánico (sen contar o papel-cartón e o vidro): 8.328 TN (plásticos, envases, materiais férricos...).
  • Total compost: 70.000 toneladas. Total papel e cartón recuperado: 34,15 Kg/habitante/ano, fronte aos 30,8 do 2005. O recuperado é o equivalente a 64 piscinas olímpicas. Total vidro: 12,3 Kg/habitante/ano, fronte aos 10,72 do 2005. Total envases: 21,70 Kg/habitante/ano, fronte aos 17,78 do 2005.
  • En canto ao grao de separación, pódese dicir que o 90% dos residuos do colector verde de orgánico son orgánicos, mentres que no colector inorgánico aínda hai un 30% de materia orgánica que se recupera a través dunha separación previa en planta para transformar en compost. A porcentaxe de recuperación de materia inorgánica na planta de Nostián sitúase arredor do 20%.

Documentos:

Rolda de prensa de presentación do acordo (27 MB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión