23 de xuño de 2013
Artigo de difusión
A medida que Europa vaia sufrindo os efectos do quecemento climático, os viticultores do continente poderían verse obrigados a cambiar o tipo de uva que cultivan ou a localización dos viñedos, mesmo en certos casos a trasladar a produción a outras zonas. É só un exemplo das necesidades de adaptación ao cambio climático da economía e a sociedade europea, segundo a análise que se desprende dun novo informe da Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA).
O informe «Adaptación en Europa» describe as políticas e varias das medidas adoptadas a escala da UE e por parte dos países europeos. Polo momento, a metade dos 32 países membros da AEMA conta con plans de adaptación, e algúns empezaron a tomar medidas, pero aínda queda moito traballo pendente en todos os países.
Aínda que os esforzos de mitigación mundial deben seguir aspirando a limitar os incrementos de temperatura a 2°C, o informe sinala que é necesario prepararse para unha serie máis ampla de incrementos de temperatura e outros cambios climáticos. Iso é necesario co fin de ter debidamente en conta as numerosas incertezas que pesan sobre as proxeccións climáticas e socioeconómicas.
Un informe anterior da AEMA puxo de manifesto que o cambio climático está a afectar xa a todas as rexións de Europa, con repercusións moi diversas sobre a sociedade e o medio ambiente. De non tomar medidas, no futuro cabe esperar maiores impactos. As observacións indican un incremento das temperaturas medias en toda Europa. As precipitacións diminúen nas rexións do sur e aumentan nas do norte de Europa.
Jacqueline McGlade, directora executiva da AEMA, afirma: “A adaptación refírese a novas maneiras de pensar e abordar os riscos e perigos, a incerteza e a complexidade. Esixirá que os europeos cooperen, aprendan mutuamente e invistan nas transformacións a longo prazo necesarias para manter o noso benestar ante a perspectiva do cambio climático”.
O informe presentouse durante unha conferencia sobre a Estratexia da UE en materia de adaptación ao cambio climático, cuxo obxectivo é apoiar unhas políticas de adaptación coherentes e integradas na UE nos distintos sectores.
Europa empeza a adaptarse
O informe recomenda unha combinación de diferentes medidas: medidas «grises», coma os proxectos tecnolóxicos e de enxeñería, formulacións «verdes» baseadas en ecosistemas que utilizan a natureza, e as chamadas medidas «brandas» coma as políticas para cambiar as formulacións no que se refire á gobernanza. Segundo o informe, os proxectos de adaptación máis eficaces adoitan resultar da combinación de dous ou máis enfoques diferentes.
Por exemplo, a adaptación nas costas mediterráneas de Francia utiliza un enfoque integrado que ten en conta o cambio climático, o turismo, o transporte e a biodiversidade. Nas zonas urbanas, os espazos verdes e as masas de auga combínanse co deseño de edificios para reducir os riscos das ondas de calor. Barcelona tamén empezou a adaptarse á escaseza de auga cunha nova planta de desalinización altamente eficiente. Este proxecto «gris» compleméntase con outras iniciativas «brandas», caso dos incentivos para reducir o consumo de auga, co fin de mitigar os impactos de secas prolongadas.
Aínda que, nalgúns casos, o custo da adaptación pode ser elevado, o informe fai fincapé nos aforros globais que supoñen algunhas medidas de adaptación. Un dos proxectos de adaptación máis importantes baseado nos ecosistemas consiste en restaurar a conca do río Danubio ao seu estado natural anterior. Aínda que o proxecto terá un custo cifrado en 183 millóns de euros, axudará a evitar inundacións como a do 2005 que, por si soa, provocou danos por valor de 396 millóns de euros.
En Europa establecéronse sistemas de alerta rápida que contribúen a previr os incendios forestais, as inundacións e as secas. Este tipo de medidas brandas pode axudarlles ás comunidades a facer fronte aos riscos, indica o informe. En Italia, un proxecto similar instaurou sistemas de alerta rápida para as enfermidades transmitidas por mosquitos que se espera que aumenten co cambio climático.
Retos futuros
O informe engade que Europa debe adaptarse ao cambio climático de maneira coherente, garantindo que a adaptación se integre tanto nas políticas da UE como nas nacionais. Non existe ningún enfoque único para todos, e a adaptación ao cambio climático debe responder ás condicións nacionais e locais.
Seguen xerando incerteza as proxeccións relativas ao cambio climático, e é difícil estimar con precisión os riscos futuros, posto que os aspectos socioeconómicos tamén varían. Por estas razóns, segundo o informe, a planificación á adaptación debe ser o suficientemente flexible como para facer fronte a circunstancias imprevistas e a unha serie de cambios climáticos futuros. Por exemplo, a modernización da Barreira do Támesis que protexe Londres das inundacións costeiras está a ser planificada co fin de manter abertas as opcións, de maneira que poida adaptarse en función das tendencias no aumento do nivel do mar.
Climate-ADAPT conta cun vasto conxunto de estudos de casos e outras informacións destinadas a axudar a países, rexións e cidades a adaptarse ao cambio climático. O sitio web inclúe información sobre impactos climáticos previstos e accións nacionais, así como noticias e futuros eventos.
Texto da Axencia Europea do Medio Ambiente baixo licenza Creative Commons BY 2.5 DK
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible