7 de xullo de 2023
A alcaldesa manterá encontros con todas as entidades veciñais, con reunións semanais a partir de setembro para atender as demandas dos barrios
A alcaldesa, Inés Rey, mantivo esta mañá un encontro coa presidenta da Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana, Luisa Varela, para abordar os principais retos do mandato. "Quixen que o meu primeiro encontro oficial como alcaldesa fose para falar cos veciños e veciñas da Coruña, a miña principal prioridade neste mandato" explicou a rexedora.
Na configuración do novo Goberno municipal, Rey decidiu non delegar as competencias en barrios para asumilas de forma directa, evidenciando o compromiso cos barrios e coas entidades veciñais. "A Coruña non se entende sen os seus barrios e por iso, tal e como me comprometín, iniciamos un novo mandato de diálogo, amabilidade e tamén de cercanía, no que os coruñeses e coruñesas serán o eixe vertebrador deste novo Goberno", sinalou.
Co obxectivo de prestar esa atención, a alcaldesa manterá encontros con todas as entidades veciñais da cidade, establecendo desde o mes de setembro roldas de encontros de periodicidade semanal coas diferentes asociacións para recoller as principais demandas e sentar as prioridades de actuación dos vindeiros catro anos. Rey explicou que as reunións de carácter semanal se manterán durante todo o mandato para vertebrar a comunicación presencial e directa cos veciños. Ás reunións periódicas sumaranse tamén todas aquelas que sexan precisas para atender as necesidades puntuais que poidan xurdir.
"Durante os vindeiros catro anos estreitaremos aínda máis a relacións cos barrios e co tecido asociativos, sendo este o primeiro Goberno municipal no que a propia alcaldesa asume directamente a xestión de dita área. O noso obxectivo non é outro que o de mellorar a calidade de vida dos cidadáns en todos os puntos da cidade, buscando satisfacer as necesidades do xeito máis inmediato posible", indicou Rey, que agradeceu a Varela a súa interlocución.
No encontro ambas as dúas analizaron os retos dos barrios mais tamén do propio movemento asociativo veciñal, un movemento cunha crecente representatividade e que conta desde o pasado mandato co respaldo do Concello en distintos ámbitos, entre eles a recuperación das festas de barrio.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible