Concello da Coruña

Concello da Coruña

Coruña Sostible

Área de Economía e Planificación Urbana

Cando:

13 de xaneiro de 2026

Luz verde á licitación do novo contrato de xestión da planta de tratamento de residuos de Nostián, un concurso a 25 anos que incluirá a súa remodelación

O Concello estima o valor do contrato en case 585 millóns e marca xa a folla de ruta para a empresa concesionaria: dous anos iniciais, de transición, e 23 xa coa planta renovada e remodelada

O Concello dá un paso fundamental para modernizar as súas políticas medioambientais, despois de que a Xunta de Goberno Local aprobase esta mañá a saída a concurso do contrato correspondente á remodelación e xestión da Planta de Tratamento de Residuos de Nostián.

O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, informou en rolda de prensa dos principais detalles da licitación, impulsada a 25 anos vista e cunha premisa fundamental: "Reforzar e adaptar un modelo de recollida e tratamento que xa foi pioneiro no seu momento e que agora, un cuarto de século despois, sigue sendo un exemplo de como xestionar a recollida selectiva de residuos, tamén de como proceder á súa valorización".

Cun valor estimado de case 585 millóns de euros e un orzamento anual inicial de 9,5 millóns, o novo contrato de Nostián está plantexado a 25 anos, conforme ao estudio de viabilidade: os dous anos iniciais serían de transición, coa explotación da instalación actual, e os 23 restantes xa se levarían a cabo coa planta renovada e remodelada, tal e como está previsto facer.

O contrato combina a remodelación integral da planta e a explotación completa da instalación, dos puntos limpos e do vertedoiro clausurado. A finalidade é garantir unha xestión moderna, eficiente e ambientalmente responsable dos residuos municipais. "Buscamos incrementar a cantidade de envases recuperados e aumentar as porcentaxes de recuperación e reciclado de residuos en sintonía coas políticas comunitarias de economía circular. En definitiva, queremos aumentar a recuperación de materiais, mellorar a calidade do compost, reducir rexeitamentos e maximizar a produción de biogás. Todo iso baixo as Mellores Técnicas Dispoñibles da UE, avanzando cara a un modelo plenamente circular", explicou Lage esta mañá.

A remodelación da planta correrá a cargo da empresa contratista

Un dos aspectos destacados da licitación é que, ademais da modernización da planta, tamén se precisan obras de adecuación a cargo da empresa contratista, actuacións de mellora plantexadas polos servizos municipais e tamén froito das achegas do persoal da planta. Entre elas, o acondicionamento dos viais; o aumento das prazas de estacionamento, con teitos e sistemas gratuítos de recarga para híbridos e eléctricos; novos vestiarios e adaptación das edificacións administrativas e os talleres; novas zonas de almacenamento para os productos recuperados no procesado; e o acondicionamento de máis áreas para voluminosos.

A isto sumaranse os investimentos estipulados nos pregos tanto a mediados do contrato como xa na recta final do mesmo: nos anos 10 e 19 da concesión deberán xustificarse melloras por valor de 2,5 e 5 millóns de euros, respectivamente. "Desta forma, garantimos que Nostián contará coas adecuacións necesarias a medida que avanza o contrato", indicou o concelleiro.

A empresa concesionaria deberá redactar o proxecto básico e o construtivo en metodoloxía BIM. A remodelación inclúe unha nova liña de tratamento, novas naves de compostaxe, ampliación da biometanización, melloras no tratamento de aire e lixiviados e actuacións en dixestores, EDAR e planta de gas.

Un novo punto limpo móbil

Ademais da planta de tratamento, a planta de lixiviados e o vertedoiro clausurado, o contrato tamén fai fincapé na xestión dos puntos limpos. 

A Coruña conta actualmente con catro puntos limpos fixos: dous, específicos para o sector industrial, a carón dos polígonos de Pocomaco e Agrela; e os restantes, de achega voluntaria, nos Rosais e Eirís.

"A isto súmase a existencia dun punto limpo móbil, ao que sumaremos outro máis ao abeiro deste novo contrato, co obxectivo de facilitar a recollida dos residuos non voluminosos e a súa posterior reciclaxe", precisou Lage.

A este respecto, os pregos tamén estipulan a necesidade de que a empresa contratista propoña melloras nos puntos limpos fixos, como por exemplo nos peches perimetrais, para reforzar a seguridade dos recintos en horarios nos que non haxa operarios.

Obxectivo clave: mellorar os índices de recuperación e valorización de residuos

A análise efectuada polo Concello con respecto a Nostián constata que hai un amplo marxe de mellora especialmente en recuperación e valorización. No ano 2021, por exemplo, recibíronse máis de 171.000 toneladas de residuos. Delas, unhas 152.700 considéranse tratadas e arredor de 155.000 estarán suxeitas ao canon no novo contrato. 

Os dous primeiros anos da concesión, o prezo será de 98,96 €/t. A partir do terceiro ano, 115 €/t ou o prezo ofertado. As fraccións de poda, papel-cartón e vidro non terían custo.

O pago mensual axustaríase mediante o coeficiente Kmes, ligado ao rexeitamento e á recuperación real.

45 días naturais para a presentación de ofertas

Unha vez publicada a licitación no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE), e dada a natureza do contrato, ábrese un prazo de vinte días para posibles alegacións por parte de persoas lexitimadas sobre determinados  aspectos de sostibilidade do contrato.

Vencido este prazo e tras a resolución de alegacións, abrirase un prazo de 45 días naturais para a presentación de ofertas. Un aspecto clave dos pregos é que as empresas licitadoras terán a obrigatoriedade de visitar as actuais instalacións de Nostián. "Isto permitirá garantir unha toma de coñecemento o máis fiable posible con respecto ás ofertas posteriores", puxo en valor Lage.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión