31 de xullo de 2013
O Concello asinará no outono un convenio coa Xunta para comezar a primeira fase das obras de condución da auga.
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, acompañado polo conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, visitou esta mañá o lago de Meirama que, en palabras do rexedor “trátase do segundo lago artificial máis grande de Galicia e supón un punto e á parte en canto ao abastecemento da Coruña e a súa área”. Negreira informou de que no outono Xunta e Concello asinarán no outono un acordo para comezar a primeira fase das obras de condución da auga dende Meirama a Cecebre.
Tal e como explicou o alcalde, o Concello da Coruña seguiu, nos últimos dous anos, dúas estratexias básicas en canto á auga: por unha banda, profundouse en garantir o abastecemento, que antes tiña limitacións; e por outra, apostar polo saneamento e a depuración.
“Este lago artificial resolve moitos problemas e é unha oportunidade fronte aos posibles períodos de secas tanto para a cidade como para a área”, asegurou Negreira e engadiu: “Grazas a este investimento de 10 millóns de euros non volveremos ter problemas de auga. Hai 6 anos investíronse tamén 10 millóns de euros nuns depósitos para asegurar a auga durante 48 horas”. O rexedor informou de que 250.000 analíticas avalaron a calidade da auga para o seu consumo: “Esta iniciativa marca un punto e á parte. Asegura cantidade pero tamén calidade, xa que permitirá mellorar o baleirado do encoro de Cecebre e a súa capacidade de rexeneración será maior”.
En canto a saneamento e depuración, o alcalde subliñou que se está cerrando o acordo da EDAR de Bens coa incorporación de todos os concellos implicados o que permitirá cerrar o ciclo da auga para a área metropolitana.
“Todas estas xestións colócannos como un territorio privilexiado non só en España, tamén en Europa, por dispoñer de auga en cantidade e de calidade. Constitúe un piar sólido para o noso futuro no que haberá territorios con e sen auga. Asegurarse a auga é unha estratexia mundial e este lago garante o noso abastecemento”, destacou.
Negreira finalizou agradecéndolle á Xunta a súa colaboración, tanto neste proxecto como no caso de Cecebre, xa que os trámites para a súa cesión están a culminar; e tamén a Gas Natural Fenosa por converter “un problema nunha oportunidade”.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible