Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de xaneiro de 2023

Medio Ambiente poderá aplicar un control máis exhaustivo para a análise das augas, axilizando a toma de decisións para reforzar a seguridade dos bañistas no caso de detectarse anomalías

O Concello licita o proxecto para instalar unha boia intelixente que controlará en tempo real a calidade da auga na praia de Oza

A boia, a primeira deste tipo que se instalará en Galicia, contará cunha sonda multiparamétrica e levará a cabo unha monitorización en continuo

O Concello da Coruña autorizou esta semana a licitación do proxecto para instalar unha boia intelixente dotada dunha sonda multiparamétrica que axudará a avaliar a calidade da auga na praia de Oza, reforzando así a seguridade dos bañistas cunha monitorización en continuo.

Este proxecto, que conta cun orzamento de 53.500 euros, cofinanciado a un 80 % con fondos europeos FEDER, englóbase no plan trazado polo Goberno de Inés Rey para cumprir os obxectivos da Estratexia de Desenvolvemento Sostible 2030 marcada polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, para facer fronte á emerxencia climática e ambiental.

Aínda que a medición da calidade da auga xa se executa, de forma puntual, mediante o muestreo e a posterior análise en laboratorio das tomas, o Concello busca dar un salto cualitativo neste eido para mellorar o sistema de análise das augas nas praias urbanas da Coruña, aplicando un control máis exhaustivo, precoz e prolongado no tempo, aportando lecturas instantáneas sen agardar aos resultados das análises e coa vontade de que este seguimento sexa permanente e complementario aos muestreos que executa a autoridade autonómica competente nesta materia, o Sergas. 

A boia intelixente da praia de Oza será a primeira desta índole que se instalará en Galicia, e permitirá analizar, en tempo real, parámetros como a concentración de microorganismos, bacterias ou patóxenos, pero tamén a presencia de restos orgánicos. En caso de detectarse algunha anomalía ou alteracións nos índices de calidade da auga, este novo dispositivo tecnolóxico actuará como unha especie de 'centinela', emitindo un aviso ao equipo de seguimiento, o que permitirá axilizar a toma de decisións no referente á prevención e seguridade nas zonas de baño.

O equipamento da estación multiparamétrica, ao detalle

O contrato que saiu a licitación para dotar á praia de Oza esta boia intelixente abrangue tres equipamentos diferenciados: unha sonda multiparamétrica para a análise da auga; a propia boia; e, por último, un software de xestión.

A sonda é fundamental para avaliar parámetros como a temperatura da auga, o pH, a conductividade e a turbidez, pero tamén a salinidade e os sólidos disoltos ou en suspensión. O dispositivo emitirá datos actualizados ao sistema de seguimento, cada 15 minutos como máximo.

Por outra banda, a boia, que integra un panel solar e un dispositivo de comunicacións para transmitir e recibir datos e alertas, estará fondeada de maneira permanente, e dotada dun módulo GPS para xeoposicionar a boia e emitir un aviso de incidencia no caso de que sexa desprazada do seu punto de fondeo.

O software de xestión para este proxecto contempla a recepción de datos en tempo real, o control en remoto dos sistemas de acendido e apagado da boia e a creación de gráficas e históricos coa evolución dos parámetros da calidade da auga na praia de Oza.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión