17 de xaneiro de 2007
Fomento da reciclaxe
O Concello conseguiu a certificación 'Tu papel 21', que outorga Aspapel, pola súa boa xestión da recollida selectiva de papel e cartón. Os datos sinalan que a cidade recupera xa máis de 8.310.273 quilos de papel e cartón ao ano para a súa reciclaxe.
A avaliación ambiental da recollida de papel e cartón da Coruña realizada por Aspapel confirma a idoneidade dos seus sistemas e a existencia de medidas de sensibilización e fomento da reciclaxe. A positiva valoración dos indicadores analizados permite outorgarlle ao Concello a certificación 'Tu papel 21'. O director de reciclado de Aspapel, David Barrio, fíxolle entrega do certificado ao tenente de alcalde coordinador da Área de Sostenibilidade e Mobilidade, Florencio Cardador.
A adhesión ao Programa 'Tu Papel 21' supón que o Concello da Coruña comprométese a continuar avanzando na mellora da xestión dos seus sistemas de recollida de papel e cartón municipal. Así mesmo, a entidade adquire o compromiso de asesorar o Concello na mellora dos seus servizos, a ofrecerlle apoio en comunicación e participación social e, en definitiva, a contribuír ao desenvolvemento sostible da Coruña.
Actualmente, o Concello da Coruña recupera ao ano máis de 8.310.273 quilos de papel e cartón ao ano para a súa reciclaxe (datos do 2006), cun aforro de espazo en vertedoiro equivalente a 64 piscinas olímpicas cheas ata arriba de papel e cartón. Este dato supón unha alta media de recuperación de 34,15 Kg por habitante/ano.
O 85% desa cantidade global provén do papel-cartón convenientemente depositado nos colectores e/ou servizos ofrecidos polo Concello para recollida deste material, o que implica a súa separación previa polos cidadáns e comerciantes da cidade. Só o 15% do total é recuperado pola Planta de Nostián, e é o resultado de recuperar o papel-cartón incorrectamente depositado nos colectores de inorgánico.
A Coruña conta cunha dotación de 328 colectores azuis tipo igloo de 3.000 litros, 215 colectores tipo molok de 5.000 litros que van semienterrados e recentemente puxo en marcha a contedorización soterrada no casco histórico da cidade que supón, a data de hoxe, 5 colectores máis de 3.000 litros. Estes datos supoñen un ratio de 444 habitantes por colector (superior, polo tanto, ao criterio aconsellable no Plan Nacional de Residuos de 1 colector cada 500 habitantes) e unha capacidade de 8,4 litros por habitante.
Dispón tamén un servizo de recollida porta a porta do cartón do pequeno comercio nos tres eixes comerciais principais, que dá servizo a uns 4.000 comercios e que permitiu no 2006 recuperar 561 TN (138 toneladas máis que no 2005). Hai ademais unha ruta específica diaria de recollida de papel e cartón para oficinas públicas e colexios, con 237 centros colaboradores (dependencias públicas, asociacións, colexios, universidade... ) que permitiron recuperar 386 toneladas.
Dende o pasado ano, o Concello conta así mesmo cun servizo de recollida de papel e cartón, tamén na modalidade porta a porta, nos dous polígonos industriais de comercio almacenista da Grela (dende o mes de maio) e Pocomaco (dende o mes de setembro). O total recuperado nestes meses ascende á cantidade de 360 toneladas.
Ademais destes servizos, non hai que esquecer que A Coruña dispón de dous puntos limpos para depósito de residuos especiais (o de Eirís e o da ronda de Outeiro) que dan a cifra de 29 toneladas de papel-cartón entregadas neles.
O Concello asinou tamén convenios de colaboración para o fomento da separación previa de papel e cartón con 13 cadeas hoteleiras e 4 cadeas de supermercados.
E co obxectivo de ir máis alá no seu compromiso actual co desenvolvemento sostible, o Concello da Coruña -co apoio de ASPAPEL- desenvolve un plan de mellora continua da recollida selectiva de papel e cartón, facendo especial fincapé nas accións formativas e de comunicación:
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible