Concello da Coruña

Concello da Coruña

Coruña Sostible

Área de Economía e Planificación Urbana

Cando:

20 de abril de 2007

O ascensor someteuse á súa primeira revisión e volve funcionar

O elevador panorámico do monte de San Pedro foi usado por 8.151 persoas

O elevador panorámico do monte de San Pedro realizou un total de 378 viaxes nos seus primeiros once días en funcionamento e foi utilizado por 8.151 persoas. Estas cifras demostran, segundo sinalou o concelleiro de Medio Ambiente, Florencio Cardador, a grande acollida que tivo o elevador na cidade e como atractivo turístico. Tras estar parado dous días para someterse a unha revisión regulamentaria, xa volveu entrar en funcionamento.

Os primeiros datos de funcionamento do elevador sinalan que realiza unha media de 31,5 viaxes diarias con 21,6 persoas de media en cada viaxe. Do total de 8.151 usuarios, 4.301 realizaron subidas e 3.850, baixadas. A cabina, que permite gozar dunha vista panorámica da cidade, ten capacidade para un grupo de 25 persoas en cada viaxe e o horario para o público é de 11 a 21 horas, todos os días.

O elevador sufriu unha parada esta semana para someterse á revisión inicial de funcionamento, seguindo as directrices marcadas polo fabricante.

O elevador panorámico do monte de San Pedro está configurado como unha esfera con superficie totalmente de cristal. A xeometría esférica permite unha visión óptima do privilexiado panorama que se pode contemplar dende o monte de San Pedro, abarcando gran parte da enseada do Orzán. O interior da esfera ten capacidade para un grupo de 25 viaxeiros. O percorrido que se realiza é de 100 metros para salvar unha altura de 63 metros e estímase un tempo de percorrido da viaxe de 3 minutos e 20 segundos.

O ascenso ata o cume conséguese mediante a subida do elevador sobre un camiño de rodaxe fixado á propia montaña. O movemento de elevación e descenso realízase por tracción directa, mediante catro rodas dentadas accionadas por senllos motores hidráulicos que engrenan en dúas cremalleiras dispostas ao longo de todo o percorrido, paralelamente aos carrís. O camiño de rodaxe componse de dous carrís separados 4,56 metros entre si, que lle proporcionan o guiado e unha sustentación moi robusta.
A esfera que envolve o habitáculo do elevador consiste nunha estrutura metálica espacial, construída con perfís de aceiro inoxidable brillante e placas curvas de policarbonato, que permiten rexeitar a radiación ultravioleta na súa práctica totalidade. Tanto o ascenso como o descenso do elevador realízanse a unha velocidade reducida, co fin de que durante o traxecto se poida gozar das vistas panorámicas que ofrece a localización. O elevador dispón dos sistemas de seguridade necesarios que cobren calquera tipo de eventualidade que se poida producir.

Documentos:

Rolda de prensa do concelleiro de Medio Ambiente (4 MB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión