Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Bibliotecas Municipais

Xénero e feminismos

xénero e feminismos

Que ben distinta sería a historia se estivera escrita polas mulleres...

Partindo desta premisa puxemos en marcha o centro de interese sobre Xénero e Feminismos, un espazo vivo froito do traballo coordinado da Rede de Bibliotecas, a Concellaría de Culturas, Deportes e Coñecemento e a Concellaría de Igualdade e Diversidade, e accesible na Biblioteca Ágora e, na Biblioteca Castrillón, a bibliografía pola igualdade e contra a violencia de xénero, realizada en colaboración con PICUS (Plataforma pola Igualdade e contra a Violencia de Xénero do Castrillón Urbanización Soto), unha organización constituída no 2016 coa participación da asociación de veciños/as, os tres centros educativos -escola infantil, CEIP e instituto de secundaria-, as tres asociación de nais e pais do alumnado, o centro cívico e a propia biblioteca do barrio. 

O centro de interese Xénero e feminismos

Este novo recurso nace como resposta á crecente demanda cidadá de incorporar aos fondos das bibliotecas un maior número de publicacións relacionadas cos feminismos, as violencias machistas e as diversidades afectivo sexuais dende múltiples enfoques: económico, político, histórico, sociolóxico; así como aumentando os títulos dirixidos a un público infantil e xuvenil que favorezan a ruptura de estereotipos e o recoñecemento das achegas das mulleres á sociedade.

Este espazo, que medrará e evolucionará cos anos á medida que se recollan máis achegas das persoas usuarias das bibliotecas, organiza os materiais seleccionados dunha forma alternativa, atractiva e accesible, poñendo os feminismos no centro.

Porque como levamos anos demostrando, a aposta das bibliotecas é a da lectura como ferramenta de aprendizaxe para a transformación social dende o coñecemento, neste caso dos textos fundamentais do feminismo, da reflexión sobre as novas formas de familia, sobre a importancia dos coidados, e sobre daquelas mulleres que cambiaron o mundo...

Que apartados recolle o centro de interese?

  • Feminismo: a formulación teórica, filosófica e ideolóxica do feminsmo, así como as teorías feministas ao longo da historia e o devenir dos movementos  de mulleres e as súas reivindicacións. Inclúe monografías nas que se recolle o  pensamento de mulleres que contribuíron á formulación do feminismo.
  • Cultura: a muller na arte e na cultura ao longo da historia. Biografías de mulleres que xogaron un papel destacado na historia das artes e da cultura.
  • Historia: a historia abordada desde unha perspectiva de xénero.
  • Protagonistas: biografías de mulleres que xogaron un papel importante na reivindicación dos dereitos das mulleres.
  • Violencias: a violencia adopta formas diferentes: a concepción de que o masculino é o centro e a medida de todas as cosas, a invisibilidade da existencia de homes que non se recoñecen  nese rol, o maltrato, a violencia sexual, a prostitución, a brecha salarial, etc.: Calquera forma de agresión ou discriminación por motivo de xénero.
  • LGTBiQ: este apartado reúne materiais que, dunha forma ou outra, cuestionan o imperante discurso heteropatriarcal que presenta a heterosexualidade como necesaria para o correcto funcionamento da sociedade ou como o único modelo válido de relación afectivo-sexual. Podes ampliar esta información na sección As municipais entenden.
  • Dereito. Políticas de igualdade e lexislación en materia de xénero
  • Traballo: Estereotipos de xénero no poder, nas organización e no traballo
  • Sociedade: Situación social da muller específica dos países occidentais.
  • Mundo: Estudos sobre a muller noutras culturas. Loita feminista nestes ámbitos.
  • Xuvenil: Libros de ficción e non ficción, películas, comic... relacionados coa sexualidade, relacións de parella, violencias, identidade de xénero e rol, dirixidos a este grupo de idade.
  • Educación: Educación pola igualdade de xénero.
  • Sexualidade: Historia da sexualidade, saúde sexual, anticoncepción, maternidade...

A bibliografía pola igualdade e contra a violencia de xénero

Esta bibliografía é a resposta da biblioteca á constitución espontánea de PICUS (Plataforma pola Igualdade e contra a Violencia de Xénero do Castrillón Urbanización Soto), da que forma e parte desde a súa constitución no ano 2016 como resposta popular a un ataque machista perpetrado no barrio.

O seu obxectivo é doble: educar en igualdade e identificar, visibilizar e dar resposta ao problema da violencia machista na sociedade.

Podes consultar os materiais tanto nesta publicación que achegamos coma directamente na listaxe que elaboramos en Cascarilleiro, o catálogo das bibliotecas.

Busca no catálogo

Buscador de actividades

Escribe a palabra ou palabras que desexas buscar

Se o prefires, podes realizar a túa procura combinando distintos criterios. Só tes que acceder á procura avanzada

  • Concello da Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña
    • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
     ¦ 
    • Servizo Municipal de Bibliotecas
    • Durán Loriga 10, A Coruña
    • Chámanos / Luns a Venres: 9-21 h.
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?