9 de agosto de 2007
A concelleira de Sostenibilidade e Medio Ambiente, Nieves Vázquez, presentou o último grupo de depósitos de residuos
A concelleira de Medio Ambiente, Nieves Vázquez, presentou os novos colectores soterrados da rúa Cortaduría. Desta forma, complétanse todas as obras de soterramento dos colectores de residuos urbanos na Cidade Vella.
Un total de 12 puntos de soterramento que suman un total de 60 colectores para a separación básica de orgánico, inorgánico, papel-cartón e vidro, conforman este servizo. A eles súmanse os tres grupos de colectores, tamén soterrados, que xa existían de papel-cartón e vidro e a permanencia dos oito grupos dos antigos colectores convencionais con aro de suxeición que quedan agora unicamente na zona comprendida entre a rúa General Aleson ata os xardíns da Maestranza.
O primeiro destes puntos foi inaugurado hai aproximadamente dous anos na rúa Troncoso e, a partir de aí empezáronse a situar os restantes coincidindo co comezo das obras de renovación de infraestruturas da zona vella (rede de sumidoiros, auga, gas, fibra óptica, electricidade, teléfono e nova pavimentación).
As obras de soterramento destes colectores desenvolvéronse en dúas fases cun orzamento próximo ao millón de euros. Os puntos concretos de localización son os seguintes:
Rúas Troncoso, Florida, Azacárraga-Goberno Militar, Azcárraga-Cine Ciudad, Edificio Molina-Porta Real, praza de Los Ángeles, López Gandalla, San Francisco-Tinajas (Casa da Cultura), Amargura, A Solana, rúa Cortaduría-Xardín Dominicos e fronte á Farmacia Militar.
Finalizada a Cidade Vella, e tal e como prometeu o goberno municipal, empezarase o soterramento na zona de Pescadería. Así, en setembro deste ano empezarán as obras da terceira fase, cun orzamento de 400.000 euros, nos seguintes puntos de localización: Rúa Nueva (Mantelería), Rúa Torreiro, Fonte de Santa Catalina, Fama-Luchana, Riego de Agua, callejón de la Estacada (xardín) e rúa Alameda.
Están realizándose na actualidade as obras para soterramento na rúa Agar, que se paralizaron uns meses debido ao achado de restos arqueolóxicos, o que motivou a intervención da Consellería de Cultura e a necesidade de redacción dun proxecto específico para a recuperación destes restos.
Así mesmo, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente e partindo do proxecto presentado polo Concello, custeará as obras de soterramento noutros tres puntos: rúa General Mola (antigos Saldos Arias), San Agustín e rúa Fita (Estreita de San Andrés), traballos que empezarán tamén a partir do mes de setembro.
Espérase que, a finais de ano, a Xunta de Galicia adxudique as obras para outros tres novos puntos (San Nicolás, Barrera e praza do Humor). A área de Sostenibilidade incluirá nos orzamentos do próximo ano outra importante dotación económica para seguir con estas obras de soterramento que ofrecen indubidables vantaxes: a súa obvia integración no contorno, tendo en conta o patrimonio cultural que hai que protexer nas zonas en que se situaron, eliminando o impacto visual dos anteriores, a súa estética e, dende o punto de vista sanitario a diminución de olores que provoca o non estar os residuos en colectores situados en vía pública. Así mesmo, teñen maior capacidade cós convencionais (1 de orgánico equivale a 4 dos anteriores), o que permite recuperar espazos para peóns e aparcadoiros nos espazos deixados polos convencionais.
Co fin de achegar o máximo posible estas infraestruturas aos seus usuarios, a partir de mañá, empregados da empresa concesionaria de recollida e limpeza viaria CESPA repartiranlles a todos os hostaleiros da Zona Vella unhas chaves específicas que permitirán a apertura do colector de orgánico pola súa porte posterior. Iso permitirá desfacerse dos residuos con maior comodidade ao poder empregarse bolsas de maior capacidade cás convencionais dos domicilios, evitándose así situacións de desbordamento de colectores ou de bolsas fóra deles directamente na rúa. Coa chave, entregaráselles aos hostaleiros unha carta da concelleira de Medio Ambiente na que se lles recordará a obrigatoria necesidade de separación dos residuos, a prohibición de deixar as bolsas na vía pública e a especial precaución que deberán adoptar no uso da chave, procurando que quede a porta do colector sempre ben pechada por cuestións de seguridade.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible