Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

12 de abril de 2024

En marcha as obras para mellorar a accesibilidade entre as rúas Fonte Grande e Horta, en Mesoiro Vello, onde se renovará a pasarela existente sobre o río

Como parte da intervención tamén se adecuará o leito do río Mesoiro neste treito, co obxectivo de mitigar o risco de inundación na contorna. Ademais, renovarase a rede de saneamento neste sector do barrio

O Concello da Coruña iniciou este venres as obras para mellorar a accesibilidade na pasarela de madeira existente sobre o río Mesoiro, que forma parte do itinerario peonil que conecta a rúa Fonte Grande coa rúa Horta.

Como paso previo á intervención, hoxe acotouse o espazo no que se levarán a cabo as melloras. Entre elas destaca a renovación da actual pasarela, que se substituirá por unha completamente nova, de sete metros de lonxitude, 2,5 metros de ancho e que atenderá á normativa vixente en termos de accesibilidade. Tamén se disporá un novo pavimento de tarima antiescorregamentos, e está previsto instalar pasamáns adaptados a persoas con mobilidade reducida.

En paralelo, tamén se acometerá a adecuación do leito do río Mesoiro neste mesmo enclave, mediante o perfilado das ribadas e a rectificación do leito, xa que actualmente sofre unha desviación provocada por un muro de peche dunha parcela privada. Mitigarase, así, o risco de inundación na contorna.

Ademais, como actuación complementaria, executaranse melloras na rede de saneamento adxacente ás zonas de actuación, substituíndo os antigos colectores por novas tubaxes feitas en PVC, o que reforzará a seguridade ante posibles fugas.

O orzamento previsto no plan de obra é de 128.804,21 euros, e o prazo de execución estímase en catro meses. Desta forma, o Goberno de Inés Rey dá resposta a unha das principais solicitudes da Asociación de Veciños de Mesoiro-Vío-Xunqueiras.

Cómpre destacar que esta quenda de traballos en Mesoiro Vello lévase a cabo baixo un formato de cofinanciamento entre o Concello e a Deputación da Coruña, ao abeiro do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais (POS).

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión